O texto expositivo

Apuntamentos:

4 Texto expositivo - Apuntamentos.pdf

O TEXTO EXPOSITIVO

1. Introdución. Os diferentes tipos de texto

Un texto é un grupo de enunciados que comparten o mesmo contido, a mesma finalidade comunicativa (informar, describir, narrar, etc.) e que están unidos entre si con lóxica. Dependendo da intención comunicativa podemos clasificar os textos nos seguintes tipos:

    • Texto narrativo: relata os acontecementos que lles suceden a uns personaxes. Ex.: un conto de terror, unha novela de aventuras, unha noticia...
    • Texto descritivo: presentan as características de persoas, obxectos, lugares... Ex.: a caracterización dun personaxe nun relato, a descrición dunha praia nun folleto turístico...
    • Texto dialogal: representan o intercambio comunicativo entre dúas ou máis persoas. Ex.: unha conversa cara a cara, un chat de WhatsApp, unha videochamada...
    • Texto argumentativo: expresan e defenden opinións e ideas. Ex.: un artigo de opinión, un debate...
    • Texto expositivo: explican un determinado tema de forma obxectiva. Ex.: unha lección no libro de Historia, a receita da torta de queixo, a acta dunha reunión de veciños...

2. Tipos de textos expositivos

Un texto expositivo dá información de forma obxectiva sobre un determinado tema, coa finalidade de aumentar os coñecementos de quen o lea ou escoite. Este tipo de textos relaciónanse moito co ámbito académico, pero tamén están presentes na nosa vida cotiá.

a. Textos expositivos da vida cotiá

No noso día a día é frecuente que deamos e recibamos información sobre múltiples temas. Así pois, na nosa vida cotiá son habituais os textos expositivos. Podemos poñer numerosos exemplos coma:

    • Currículum vítae: exposición dos méritos académicos e profesionais dunha persoa.
    • Acta: exposición dos temas tratados nunha reunión.
    • Contrato: exposición de acordos entre dúas partes.
    • Receita de cociña
    • Manual de instrucións
    • Titorial de Youtube
    • Explicacións informais

b. Textos expositivos académicos

No ambiente académico empréganse con frecuencia os textos expositivos: na maioría das clases ás que asistes e en case todos os libros de texto predominan este tipo de textos. As exposicións académicas son os textos que transmiten coñecementos dunha determinada ciencia ou disciplina. Dependendo do público ao que se dirixan, distinguimos entre:

    • Exposicións especializadas: van dirixidas a un receptor experto na materia. Ex.: un artigo de investigación, unha conferencia nun congreso...
    • Exposicións divulgativas: van dirixidas a un receptor que non é especialista na materia. Ex.: unha guía turística, os libros de texto, algunhas reportaxes...

3. Estrutura dos textos expositivos

Os textos expositivos (sobre todo os académicos) adoitan estruturarse en tres partes:

  • Introdución: preséntase o tema de que se vai falar.
  • Desenvolvemento: é a parte central e máis extensa, en que se transmite de forma organizada toda a información que se quere proporcionar sobre o tema en cuestión.
  • Conclusión: aínda que non resulta imprescindible, é frecuente que na última parte se inclúa unha síntese das ideas principais, unha conclusión ou algún tipo de valoración persoal.

4. Características dos textos expositivos

Para facilitar a comprensión daquilo que se expón, os textos informativos deben cumprir os seguintes principios básicos: orde, claridade e obxectividade.

4.1. Orde: a información debe presentarse de forma ordenada e xerarquizada. A orde vaise marcando con conectores (de orde, de adición, de contraste...). En textos máis longos, a información pode distribuírse en diferentes apartados numerados.

4.2. Claridade: nun texto expositivo é fundamental transmitir a información de forma clara. Para isto...

    • Emprégase un léxico preciso (nos textos especializados abundan os tecnicismos) e evítanse as palabras comodín (cousa, chisme...).
    • Empréganse recursos explicativos: exemplos, reformulacións...
    • Ademais, a información textual pode ser ampliada ou reforzada con ilustracións, esquemas, gráficos, etc.

4.2. Obxectividade: o emisor do texto expositivo transmite coñecementos, non as súas opinións persoais. De aí que os verbos estean xeralmente en terceira persoa e en modo indicativo. Tamén aparecen expresións impersoais con se e son pouco frecuentes os adxectivos valorativos.

Conectores textuais máis frecuentes nos textos expositivos

  • Orde: en primeiro lugar, a continuación, despois, para finalizar, finalmente... Por un lado / Polo outro... Por unha banda / Por outra banda...
  • Introdución dun tema: en canto a, con relación a, no tocante a, con respecto a, sobre...
  • Adición de ideas: así mesmo, ademais, incluso, tamén, e...
  • Contraste: pero, porén, non obstante, polo contrario, con todo, aínda así...
  • Reformulación: é dicir, isto é, noutras palabras, dito máis claramente...
  • Recapitulación e conclusión: en suma, para concluír, en definitiva, en síntese...

Algúns recursos explicativos

a. Definición: determinar o significado dun concepto. Exemplos:

    • As linguas de substrato son aquelas linguas prerrománicas que foron substituídas polo latín.
    • Cando falamos de substrato referímonos ás linguas...
    • O termo substrato refírese ás linguas...
    • Denomínase substrato as linguas...

b. Exemplificación: ofrecer exemplos concretos. Exemplo:

    • A maior parte dos estados do mundo son plurilingües coma Alemaña ou Francia. Un exemplo de estado monolingüe é Liechtenstein...

c. Reformulación: dicir algo con outras palabras

    • A maior parte dos estados do mundo son plurilingües, é dicir, neles fálase máis dunha lingua.
    • Dito con outras palabras, o máis habitual é a diversidade.

d. Clasificacion: ordenar a información

    • De Castelao cómpre destacar tres facetas diferentes. En primeiro lugar, foi escritor e del podemos destacar obras coma Cousas ou Os vellos non deben de namorarse. En segundo lugar, tamén foi debuxante e deixounos cadros moi interesantes coma os que se recollen nos volumes Galicia mártir ou Atila en Galicia. Finalmente, non podemos esquecer o seu importante papel na política da época, sendo o principal líder do Partido Galeguista.