3. O substantivo e o adxectivo

Presentación:

3 O substantivo e o adxectivo.pdf

o substantivo e o adxectivo

1. Introdución

O substantivo é unha clase de palabra que designa entidades do mundo: seres vivos (sapoconcho, amigas…), cousas inanimadas (libro, paraugas…) ou conceptos abstractos (amizade, intolerancia…).

O adxectivo é unha clase de palabra que expresa características atribuídas a elementos designados polos substantivos aos que acompañan.

Morfoloxicamente, o substantivo e o adxectivo caracterízanse por presentar morfemas flexivos de xénero e número. No caso do adxectivo, ten que concordar sempre co substantivo ao que acompaña.

2. O xénero

2.1. Substantivos dun só xénero

Son substantivos invariables en canto ao xénero. Pertencen exclusivamente ou ben ao masculino (o caderno, o amor) ou ben ao feminino (a amizade, a chave). Lembra que en galego...

    • Son masculinos: o cárcere, o mel, o nariz, o sal, o labor, o sangue, o leite, o sinal, o legume, o costume…
    • Son femininos: a ponte, a árbore, a arte, a calor, a orixe, a viaxe, a marxe, a dor, a orde, a análise, a paisaxe, a viaxe…

2.2. Substantivos e adxectivos de dous xéneros

Presentan formas diferentes para o masculino e o feminino. Exemplos: o neno / a nena, o capitán / a capitá, o presidente / a presidenta...

Masculino e feminino dos nomes rematados en -N

    • -ín → -ina: bailarín → bailarina, benxamín → benxamina, malandrín → malandrina, galopín → galopina…
    • -ón → -oa (Formación regular): ladrón → ladroa, anfitrión → anfitrioa, campión → campioa, patrón → patroa...
    • -ón → -ona (Adxectivos despectivos): borrachón → borrachona, cabezón → cabezona, pedichón → pedichona...
    • -án → -á (Formación regular): curmán → curmá, ferrolán → ferrolá, ancián → anciá, musulmán → musulmá, cirurxián → cirurxiá...
    • -án → -ana (Adxectivos despectivos): charlatán → charlatana, folgazán → folgazana, porcallán → porcallana, pillabán → pillabana...

3. A linguaxe inclusiva

Cando os substantivos e adxectivos se refiren a seres humanos, convén empregar unha linguaxe inclusiva, a través da que ambos os xéneros estean ben representados. Exemplos: Home + muller → as persoas (non *os homes) /*Os nenos de 1º ESO → Os nenos e as nenas de 1º ESO / *Os alumnos de 1º de Bach → O alumnado de 1º de Bach / *Os profesores → O profesorado

Alternativas ao uso do masculino como xenérico:

    • Nalgúns casos pódense usar as dúas formas, masculina e feminina, sempre que iso non supoña recargar moito o texto. Exemplo: Amigos e amigas, moitas grazas por vir.
    • Empregar persoa como xenérico pode evitar utilizar o substantivo masculino. Ex: Os usuarios do ascensor → As persoas que usen o ascensor
    • Pódese evitar a utilización de masculinos xenéricos para nomear cargos a través do uso de substantivos colectivos / abstractos. Ex: Cartas ao director → Cartas á dirección
    • Estes colectivos poden substituír en moitos contextos os masculinos con valor xenérico: Os alumnos → o alumnado / Os profesores → o profesorado / Os mozos → a mocidade / O home → o ser humano, as persoas / Os traballadores → o persoal / Os médicos → o persoal médico / Os nenos → a infancia

4. O número. Formación do plural


    1. Os substantivos e adxectivos rematados en vogal, forman o plural engadindo -s. Exemplos: Novela → novelas, kiwi → kiwis, libro → libros, iglú → iglús, guapo → guapos …
    2. Os substantivos e adxectivos rematados en -n ou -m forman o plural engadindo -s. Exemplos: Can → cans, marrón → marróns, dolmen → dolmens, tótem → tótems…
    3. Os substantivos e adxectivos rematados en -r ou -z forman o plural engadindo -es. Exemplos: Cráter → cráteres, culler → culleres, rapaz → rapaces, actriz → actrices, feliz → felices…
    4. Os substantivos e adxectivos rematados en -S
        • Palabras agudas → Engaden -es: Compás → compases, inglés → ingleses, gris → grises…
        • Palabras graves e esdrúxulasNon varían: O atlas → os atlas, o virus → os virus, o mércores → os mércores…
    5. Os substantivos e adxectivos rematados en -L
        • Palabras monosílabas → Engaden -es: sol → soles, mal → males, mel → meles…
        • Palabras graves → Engaden -es: túnel → túneles, mísil → mísiles, réptil → réptiles, áxil → áxiles…
        • Palabras agudas polisílabas → Cambian -l por -is: farol → farois, cristal → cristais, funil → funís, legal → legais…
        • Nos substantivos compostos, se o segundo elemento é un monosílabo rematado en -l, faise o plural engadindo -es: chuchamel → chuchameles, ollomol → ollomoles…

5. Clasificación semática do substantivo

  • Topónimos: nomes de luga: Culleredo, Galiza, Nairobi…
  • Antropónimos: nomes de persoa: Maruxa, Xaquín, Rosalía…
  • Concretos: designan elementos perceptibles polos sentidos: caderno, vento, música…
  • Abstractos: designan nocións non perceptibles polos sentidos: actitude, solidariedade…
  • Contables: designan entidades que poden ser contadas: amigo, flor, gato…
  • Incontables: designan entidades que non se poden contar: vento, fariña, leite…
  • Individuais: fan referencia, en número singular, a un só elemento: soldado, alumna…
  • Colectivos: designan, en singular, un conxunto de varios individuos dunha mesma clase: exército, alumnado…

6. Gradación do adxectivo

6.1. Grao comparativo

A. COMPARATIVO DE IGUALDADE


  • Tan + ADXECTIVO + como / coma

Noa é tan alegre coma ti

Non é tan traballadora como aparenta

O galego é tan útil coma / como calquera outra lingua.

  • Tanto (de) + ADXECTIVO + como / coma

Ten tanto de simpático coma min.

Ten tanto de traballador como din.

Ten tanto de simpático coma / como de traballador.

B. COMPARATIVO DE INFERIORIDADE


  • Menos + ADXECTIVO + CA / DO QUE / QUE

O meu xefe é bastante menos traballador ca min.

Esa empresa é menos produtiva do que din.

Parece menos faladora ca María / que María.


C. COMPARATIVO DE SUPERIORIDADE


  • Máis + ADXECTIVO + CA / DO QUE / QUE

O meu xefe é bastante máis traballador ca min.

Esa empresa é máis produtiva do que din.

Parece máis faladora ca María / que María.

N.B.: COMO ou COMA?

  • Como + verbo. Ex. É tan espelido como dicían.
  • Coma + pronome persoal. Ex. É tan espelido coma ti.
  • No resto dos casos podemos empregar coma ou como indistintamente, aínda que se aconsella o uso de coma. Ex. Tan espelido coma / como o seu irmán.

N.B.: CA, DO QUE ou QUE?

  • Ca + pronome persoal. A conxunción ca é obrigatoria ante pronomes persoais tónicos e aconsellable nos demais casos, agás ante un verbo en forma persoal. Ex. É máis alto ca ti / É máis alto ca Mario.
  • Do que + verbo en forma persoal. Ex. Era máis alto do que eu recordaba.
  • Que. Pódese empregar sempre que o segundo elemento non sexa un pronome persoal nin un verbo. Ex. É máis alto que Mario ou É máis alto ca Mario.

6.2. Grao superlativo

a. SUPERLATIVO ABSOLUTO

Para crear o superlativo absoluto existen dúas formas diferentes:

  • Forma analítica: o adxectivo é intensificado mediante os adverbios moi ou ben. Tamén pode facerse mediante a repetición do adxectivo. Ex.: É moi traballadora. É ben curiosa. É lista, lista.
  • Forma sintética: o adxectivo é intensificado mediante a unión dun sufixo (xeralmente -ísimo, ás veces ‑érrimo) ou dun prefixo (coma hiper-, super-, extra-, requete-, arqui-). Ex.: boísimo, paupérrimo, hipersimpático, supercariñoso, requetelisto…

Formación do superlativo absoluto sintético

  • Sufixo -ísimo: Grande → grandísimo, lista → listísima, claro → clarísimo… Nalgúns adxectivos, o sufixo -ísimo engádese á raíz culta: fiel → fidelísimo, nobre → nobilísimo...
  • Sufixo -érrimo: Hai unha serie de adxectivos que engaden o sufixo -érrimo cando se usan en rexistros elevados: pobre → paupérrimo, célebre → celebérrimo, pulcro → pulquérrimo, mísero → misérrimo…
  • Prefixos: hiper- → hipercaro, ultra- → ultrafamoso, extra- → extrasuave, super- → superamable, arqui- → arquicoñecido, requete- → requeteguapo…
  • Irregulares: grande → máximo, pequeno → ínfimo, mínimo, bo → óptimo, malo → pésimo

b. SUPERLATIVO RELATIVO

O superlativo relativo atribúe a un substantivo o grao máximo dunha calidade en relación cos demais con quen se pode comparar. Constrúese seguindo estes esquemas:


  • Artigo + máis / menos + adxectivo [+ de 2º termo].

É o máis traballador [da clase] / Son os menos aburridos [da tele]...


  • Artigo + substantivo + máis / menos + adxectivo [+ de 2º termo].

É o rapaz máis traballador [da clase] / Son os programas menos aburridos [da televisión]

7. Adxectivos especificativos e adxectivos explicativos

Atendendo ás calidades que expresan con respecto ao substantivo distinguimos:

  • Adxectivos especificativos: expresan calidades que definen e individualizan o substantivo. Ex. Lapis pequeno (un lapis pode ser pequeno ou grande, o adxectivo individualiza ao substantivo)
  • Adxectivos explicativos ou epítetos: expresan calidades implícitas nos substantivos sen achegar ningún trazo novo. Ex. Duro ferro (o ferro sempre é duro) / Branca neve