A lingua e a literatura galega na Idade Media

Presentación:

A lingua e a literatura galega na Idade Media.pdf

A LINGUA E A LITERATURA GALEGA NA IDADE MEDIA


[*NOTA: nestes apuntamentos só se recolle a teoría. Na presentación podes encontrar algúns esquemas e exemplos de cantigas de cada xénero]

1. O contexto histórico. Galicia na Idade Media - A Era Compostelá

A socidade medieval presentaba unha estrutura ríxida e desigualitaria, dividida en estamentos pechados. Os estamentos privilexiados, nobreza e clero, detentaban todo o poder e todos os bens, fronte ao campesiñado e á burguesía (estamentos non privilexiados).

A Era Compostelá

Ao longo dos séculos XII e XIII, Galicia vive unha etapa de gran desenvolvemento na que se produciron importantes melloras sociais e económicas:

    • Foi unha etapa de estabilidade política e de paz
    • Producíronse melloras na agricultura
    • Mellorou a economía
    • Aumentou a poboación
    • Medraron as vilas e as cidades

Esta etapa de esplendor para Galicia recibe o nome de Era Compostelá pola relevancia que tiña neste momento a cidade de Santiago de Compostela, convertida nun importante centro de peregrinación que unía Galicia con Europa.

Estamos, polo tanto, nunha época de paz e estabilidade que lle deixaba moito tempo libre á nobreza. Así pois, non é raro que neste momento apareza a lírica trobadoresca e que os nobres ocupen parte do seu tempo compoñendo cantigas de extraordinario valor artístico e cultural. Eran bos tempos para a lírica.

2. A lingua galega na Idade Media


  • Galego-portugués: durante toda a Idade Media, o galego e o portugués eran unha mesma lingua, filla do latín vulgar que os romanos trouxeran á Gallaecia no século I a.C. No século XII, o condado de Portugal (norte do actual Portugal) sepárase de Galicia e constitúe un novo reino (o Reino de Portugal, que despois se iría expandindo cara ao sur). Mentres tanto, Galicia intégrase na Coroa de Castela. A separación política de Galicia e Portugal fará que as diferenzas entre o galego e o portugués vaian aumentando. Con todo, ao longo da Idade Media o galego e o portugués eran, como xa dixemos, a mesma lingua.
  • Galego = Lingua normalizada e lingua de prestixio: ao longo da Idade Media, o galego (ou galego-portugués) era unha lingua normalizada e de prestixio, empregada en todos os ámbitos, formais e informais, por todos os estamentos sociais, desde o campesiñado ata a nobreza. Ademais, a partir do século XII comézase a escribir en galego todo tipo de textos: administrativos, históricos, didácticos... e tamén literarios.

Así pois, tendo en conta o prestixio do galego-portugués nesta etapa, non resulta raro que nobres e trobadores compuxesen nesta lingua as súas cantigas e que mesmo reis coma Afonso X O Sabio escribisen cantigas en galego.

3. A lírica medieval galego-portuguesa - Cuestións xerais

Chamámoslle lírica medieval galego-portuguesa a un conxunto de composicións poéticas (arredor de 2000), denominadas cantigas, escritas en lingua galego-portuguesa durante o século XIII e a primeira parte do XIV.

3.1. Orixes

A lírica medieval galego-portuguesa forma parte dun movemento maior: a lírica trobadoresca, que xurdiu na Provenza (sur de Francia) ao longo do século XI. Nas cortes provenzais puxéronse de moda as composicións dos trobadores e, a partir de aí, esa moda trobadoresca expándese por diferentes territorios de Europa (norte de Francia, Italia, Cataluña e Aragón...). Ao noso territorio esta moda chegou a través do Camiño de Santiago.


3.2. As cantigas, música e poesía. Autores e intérpretes

As cantigas (xa o propio nome nolo di) non eran poemas para ser lidos / recitados (coma os de hoxe en día), senón para seren cantados, interpretados con música. Formaban parte dun espectáculo musical pensado para entreter a nobreza e o rei. Na composición e interpretación das cantigas participan diversas figuras entre as que destacamos o trobador e o xograr:

  • O trobador: membro da nobreza que no seu tempo de lecer compoñía as cantigas. Non gañaba nada por compoñer cantigas xa que para el trobar era unha afección.
  • O xograr: membro das clases baixas da sociedade; non compoñía cantigas, senón que interpretaba as cantigas dos trobadores, moitas veces acompañado dalgún instrumento musical.
  • Ademais deles, neste espectáculo de música e poesía podían intervir tamén as soldadeiras, bailarinas ou cantareiras mulleres que acompañaban aos xograres na súa interpretación.

3.3. Os cancioneiros medievais

As cantigas chegaron ata os nosos días a través dos cancioneiros, grandes coleccións de cantigas de diversos trobadores. Destacamos tres:

      • Cancioneiro da Ajuda: foi escrito a finais do século XIII / Comezos do XIV. Consérvase en Lisboa, no Palacio da Ajuda e contén 310 cantigas de amor. Está sen rematar (presenta ilustracións e letras capitais sen rematar de pintar, a notación musical sen poñer, etc.)
      • O Cancioneiro da Biblioteca Nacional e o Cancioneiro da Vaticana: foron os dous copiados no século XVI en Italia (cando xa as cantigas pasaran de moda). O Cancioneiro da Biblioteca Nacional consérvase na Biblioteca Nacional de Lisboa. O Cancioneiro da Vaticana está depositado na Biblioteca do Vaticano. Ambos os dous presentan máis de 1000 cantigas de todos os xéneros.

Ademais dos grandes cancioneiros, tamén se conservan outros manuscritos de menor tamaño, entre os que destacamos dous:

      • Pergamiño Vindel: contén sete cantigas de Martin Codax, acompañadas (seis das sete) das notas musicais.
      • Pergamiño Sharrer: contén sete cantigas do rei Don Dinís de Portugal, tamén coa notación musical.

3.4. Os xéneros principais

    1. Cantigas profanas
      • Cantigas de amigo: unha doncela expresa o seu amor polo amado (chamado amigo)
      • Cantigas de amor: un cabaleiro expresa o seu amor por unha dama (chamada senhor). É un amor non correspondido que produce sufrimento.
      • Cantigas de escarnio e maldicir: burlas e críticas contra diferentes clases sociais. Linguaxe obscena.
    2. Cantigas relixiosas: Cantigas de Santa María - Afonso X


4. As cantigas de amigo

4.1. Introdución

  • As cantigas de amigo son breves composicións nas que unha voz poética feminina -unha doncela namorada- expresa o amor que sinte polo seu amigo (= namorado).
  • A rapaza conta na cantiga as alegrías ou os tormentos que lle produce ese amor.
  • A palabra clave é amigo, que case sempre aparece nestas cantigas, xeralmente nos primeiros versos.

4.2. Temática: o amor feliz ou infeliz

O tema central das cantigas de amigo é o amor. Este amor pode ser un amor feliz ou infeliz:

    • Amor feliz: o amor da doncela polo amigo é correspondido e a voz poética expresa a súa felicidade.
    • Amor infeliz: o amor que sente a doncela é un amor non correspondido, complicado ou prohibido. Neses casos, a voz poética manifesta tristura, enfado…

4.3. Personaxes

A cantiga de amigo está protanizada pola doncela que fala e o amigo ao que quere. Ademais, tamén poden aparecer outras personaxes:

    • A nai da doncela
    • As amigas e as irmás da doncela
    • A natureza (as ondas do mar, as flores…)

Cando aparecen estas personaxes secundarias adoitan actuar como confidentes: a doncela fala con elas para contarlle os seus sentimentos polo amigo.


4.4. Tipos

Dentro das cantigas de amigo podemos diferenciar os seguintes tipos:

    • Bailadas: unha rapaza expresa a alegría que lle produce o namoramento e convida as compañeiras a bailar.
    • Barcarolas ou mariñas: caracterízanse por teren o mar como escenario.
    • Cantigas de romaría: desenvólvense nunha ermida o día dunha romaría. A doncela planea ver o seu amigo nese espazo.

4.5. Recursos formais

As cantigas de amigo compoñíanse para ser cantadas. Para facilitar a memorización das cantigas, empréganse diferentes técnicas ou recursos repetitivas. Entre os recursos máis habituais cómpre sinalar os seguintes:

    1. Refrán: consiste en repetir o mesmo verso ao final de cada estrofa
    2. Paralelismo: consiste en repetir o mesmo verso con pequenas variantes (cámbiase unha palabra do verso por outra sinónima, altérase a orde das palabras...)
    3. Leixaprén: consiste en repetir...
        • O 2º verso da 1ª estrofa como 1º verso da 3ª estrofa
        • O 2º verso da 2ª estrofa como 1º verso da 4ª estrofa
        • O 2º verso da 3ª estrofa como 1º verso da 5ª estrofa ... e así sucesivamente, de tal xeito que todas as estrofas quedan enlazadas.

5. As cantigas de amor

5.1. Introdución

As cantigas de amor son breves composicións nas que unha voz poética masculino -un cabaleiro namorado- expresa o amor que sinte pola súa amada, que é chamada senhor. Este amor é sempre un amor non correspondido.


5.2. O amor cortés

Nas cantigas de amor recréase unha concepción medieval do sentimento amoroso que se coñece co nome de amor cortés.

O amor está regulado por unha serie de normas propias das relacións de vasalaxe da sociedade feudal. Así, seguindo os códigos do amor cortés, o cabaleiro debe servir á súa dama do mesmo xeito que un vasalo serve ao seu señor feudal. Noutras palabras, os códigos das relacións de vasalaxe trasládanse ás relacións amorosas.

Na sociedade feudal, os vasalos serven ao seu señor, débenlle obediencia, dependen del… No amor cortés das cantigas de amor, o cabaleiro / trobador serve á doncela: débelle obediencia e submisión, está ás súas ordes, depende dela…

A senhor sempre rexeita o trobador, é unha muller fría, que nin se inmuta ante as súas súplicas. Ademais, este amor debía manterse en segredo xa que, xeralmente, a dama amada era unha muller casada. En definitiva, o amor da senhor é inalcanzable para o trobador.


5.3. O sufrimento do trobador

Tendo en conta o que acabamos de sinalar sobre o amor cortés, non resulta raro que nas cantigas de amor o trobador se lamente e manifeste o seu sufrimento (pena, coita) por ese amor inalcanzable. Así, nestas cantigas, o trobador sofre, chora, cae na loucura, perde o sono e o apetito, desexa morrer…


5.4. Tipos de cantigas de amor

    • Cantigas de refrán: teñen refrán (verso que se repite ao final de cada estrofa)
    • Cantigas de mestría: non teñen refrán. Considerábanse máis perfectas.

6. As cantigas de escarnio e maldicir

6.1. Introdución

As cantigas de escarnio e maldicir son composicións nas que os trobadores criticaban e facían burla de diferentes aspectos da sociedade medieval (grupos sociais concretos, vicios, costumes…)


6.2. A diferenza entre as cantigas de escarnio e as de maldicir

a. Cantigas de maldicir

      • A crítica e a burla fanse de xeito directo
      • Empregan unha linguaxe directa e explícita, que moitas veces resulta obscena

b. Cantigas de escarnio

      • A crítica e a burla fanse de xeito encuberto.
      • Empregan palabras que podían ter un dobre sentido.

6.3. Os temas das cantigas de escarnio e maldicir

Os temas das cantigas de escarnio e maldicir son moi diversos, xa que o obxectivo era satirizar (ridiculizar, facer burla, criticar) diferentes aspectos da sociedade daquela época. Podemos establecer a seguinte clasificación xeral:

    • Sátiras políticas: crítica da covardía dos nobres cristiáns que non querían loitar nas guerras contra os musulmáns.
    • Sátiras sociais: crítica de diferentes grupos sociais. Os máis atacados son os infanzóns, o clero e as soldadeiras.
    • Sátiras literarias: crítica e burla do traballo doutros trobadores e xograres.

7. As cantigas de Santa María

7.1. Introdución

As Cantigas de Santa María son un conxunto de 427 cantigas que tiñan como obxectivo loar (eloxiar, alabar) á Virxe María.


7.2. Autoría

  • As cantigas de Santa María son un traballo colectivo, é dicir, foron compostas por un conxunto de trobadores.
  • Este traballo colectivo foi supervisado / coordinado polo rei Afonso X o Sabio.
  • O propio rei Afonso X, ademais de supervisar, tamén escribiu algunhas das cantigas.

7.3. Tipos de cantigas de Santa María

    1. Cantigas de loor
      • Composicións de loanza da Virxe
      • Empregan os tópicos das cantigas de amor. Porén, nas Cantigas de Santa María, a senhor é a propia virxe (en vez dunha dama inalcanzable).
    2. Cantigas narrativas
      • Relatan milagres da Virxe. (p.ex. A Virxe axuda a unha persoa, a Virxe aparéceselle a alguén, a Virxe castiga a un pecador…)
      • Teñen unha intención didáctica (aprender co exemplo).

Vídeos: