7. Rosalía de Castro

Presentación:

7 Rosalía de Castro.pdf

Vídeos e música:

rosalía de castro

1. Biografía

Rosalía de Castro naceu en Santiago de Compostela o 24 de febreiro de 1837. Durante a súa infancia viviu cunha tía súa na aldea de Ortoño, no concello de Ames (preto de Santiago).

A partir de 1850 instálase con súa nai na cidade de Santiago de Compostela. Realiza os seus primeiros estudos (música, literatura…) e participa nas actividades culturais do Liceo de la Juventud. Alí coñece e relaciónase con diferentes intelectuais da época, coma Eduardo Pondal ou Aurelio Aguirre.

No 1856 trasládase a Madrid, onde publica La flor, o seu primeiro poemario en castelán. Tamen en Madrid coñece e casa co intelectual Manuel Murguía, co que tería sete fillos. Por causa do traballo de Murguía, a familia residiu en múltiples localidades, galegas e de fóra.

En 1875 a familia instálase definitivamente no municipio de Padrón. Rosalía, enferma de cancro, morre en 1885. Foi enterrada no cemiterio de Padrón e posteriormente os seus restos foron trasladados ao Panteón dos Galegos Ilustres (en Santiago de Compostela).

Rosalía de nova

2. Obra

Rosalía escribiu en galego dous libros de poesía: Cantares gallegos e Follas novas.

Aínda que nos imos centrar na súa obra en lingua galega, Rosalía foi tamén unha prolífica autora en castelán, con títulos de poesía coma La Flor ou En las orillas del Sar e tamén de narrativa coma La hija del mar, Flavio, El caballero de las botas azules…

2.1. Cantares gallegos (1863)

O poemario Cantares gallegos foi publicado o 17 de maio de 1863. A súa publicación constitúe un auténtico fito na historia de Galicia xa que con esta obra inaugúrase a literatura galega contemporánea. 100 anos despois instaurouse esa data como o Día das Letras Galegas.

Estrutura

A obra está composta por 36 poemas e presenta unha estrutura circular:

  • No primeiro poema unha voz feminina (a meniña gaiteira) di que vai cantarlle a Galicia en lingua galega (Cantarte hei, Galicia, na lengua gallega). Comeza así a “cantar” os Cantares gallegos.
  • No último poema aparece de novo esa voz feminina que se despide e pide desculpas por ter cantado con pouca graza toda a fermosura que ten Galicia.

Temática

Atendendo á temática, podemos clasificar os poemas de Cantares gallegos en tres grupos: temática costumista, temática social e temática intimista.

1. Poemas de temática costumista: neste poemas, Rosalía recrea aspectos da vida cotiá tradicional: costumes, romarías, supersticións, traballos no campo, personaxes populares...

2. Poemas de temática intimista: nestes poemas, Rosalía expresa vivencias e sentimentos, coma o amor, a saudade, a lembranza dos antepasados e da infancia, o medo…

3. Poemas de temática social: neste poemas, Rosalía trata e denuncia a situación social que vivían os galegos nese tempo: a pobreza do campesiñado, a imaxe negativa e os desprezos cara o pobo galego, o drama da emigración…

2.2. Follas novas

A obra Follas novas saíu á luz no ano 1880. A obra consta dun prólogo en prosa e 137 poemas, clasificados en cinco apartados: Vaguidás, Do íntimo, Varia, Da terra e As viúvas dos vivos e as viúvas dos mortos.

Tal e como se recolle no seguinte cadro, os poemas que compoñen Follas Novas poden ser clasificados en dúas grandes liñas temáticas: poesía intimista e poesía social:

3. A importancia da figura de Rosalía de Castro

Para darnos conta da gran relevancia da figura de Rosalía de Castro, é preciso ter moi en conta a época e as circunstancias nas que escribiu. Así, na sociedade do século XIX...

  • O galego estaba moi minusvalorado, considerábase unha lingua impropia da cultura e da literatura.
  • Galicia era sinónimo de atraso, de incultura, de ignorancia… Perduraba aquela imaxe negativa que xurdira nos Séculos Escuros.
  • A muller tiña un papel secundario na sociedade. A súa función era fundamentalmente ter fillos e coidar da familia.

Neste contexto, aparece Rosalía de Castro, que rompe con todo o establecido. O seu papel é, por isto, tan admirable. Rosalía foi…

  • Muller escritora, nun mundo de homes.
  • Escritora en galego, cando a lingua galega era desprezada e practicamente ninguén a escribía.
  • Defensora do pobo galego: denunciou na súa poesía as inxustizas e miserias que vivía a xente galega.

Por todo isto, considerámola un símbolo da rebeldía contra a sociedade patriarcal e defensora dos dereitos lingüísticos e políticos do pobo galego.

Autoavaliación: