6. O Rexurdimento

Presentación:

6 O Rexurdimento.pdf

Vídeos:

O REXURDIMENTO

1. Introdución

Despois do silencio dos Séculos Escuros, o XIX é o século do Rexurdimento, un movemento de recuperación da lingua, da literatura e da cultura galegas.

As tres grandes figuras do Rexurdimento foron Rosalía de Castro, Eduardo Pondal e Curros Enríquez que fixeron que o galego, unha lingua desprezada e tanto tempo apartada da escrita, volvese brillar como lingua literaria.

2. Contexto histórico

Galicia era no século XIX unha sociedade principalmente rural, os principais sectores económicos eran a agricultura e a pesca, mentres que a industria presentaba un papel moi pouco relevante. Mantíñase o sistema foral, o que significaba que as terras non pertencían aos labregos que as traballaban, senón ás clases altas: o clero, a fidalguía... Os labregos pagaban un imposto (o foro) por traballar as terras e as clases altas vivían de rendas.

A pobreza na que vivía o campesiñado fixo que buscasen unha saída para subsistir: a emigración. Así, ao longo do século XIX moitos galegos marchan a países coma Arxentina, Cuba, Brasil... Houbo algúns que fixeron fortuna nas Américas, pero a maioría volvían avellentados e tan pobres como marcharan.

O galeguismo

O Rexurdimento está moi vinculado coa aparición e desenvolvemento do galeguismo, un movemento político, social e cultural que nace co obxectivo de defender e dignificar a identidade galega (a nosa lingua, a nosa cultura...) e darlle poder político a Galicia. Na súa evolución, o galeguismo pasou por diferentes fases: o provincialismo, o rexionalismo e o nacionalismo.

  1. O provincialismo: a partir de 1833 o Antigo Reino de Galicia desaparece, quedando dividido en 4 provincias. Esta nova división territorial do Estado provoca a aparición do provincialismo, movemento político que reinvindicaba Galicia como provincia única con unidade administrativa, social, cultural e económica.
  2. O rexionalismo: o movemento rexionalista defende que Galicia constitúe unha rexión diferenciada dentro do Estado español. Dentro do rexionalismo distínguense dúas correntes:
      • Corrente liberal, de carácter progresista e liderada por Manuel Murguía.
      • Corrente tradicionalista, de carácter conservador e liderada por Alfredo Brañas.
  3. O nacionalismo: a partir do século XX, coas Irmandades da Fala e co Partido Galeguista entramos nunha nova etapa do galeguismo: o nacionalismo. Considérase Galicia como unha nación con dereitos políticos.

3. Obxectivos do Rexurdimento

Os intelectuais do Rexurdimento traballaron para conseguir que a lingua galega mellorase a súa situación. Así, trataron de eliminar os prexuízos lingüísticos, empregar o galego en ámbitos dos que fora excluída (literatura, prensa...), crear gramáticas e dicionarios da nosa lingua... Podemos sinalar os seguintes obxectivos do Rexurdimento:

3.1. Romper cos prexuízos lingüísticos que se tiñan cara á lingua galega: fronte ás ideas negativas que se tiñan do galego (lingua bruta, inútil, de pailáns...), os intelectuais do Rexurdimento van defender a valía e o prestixio da nosa lingua empregando argumentos coma os seguintes:

  • O galego é unha lingua cun pasado glorioso
  • O galego é unha lingua útil, que serve para comunicarnos entre nós e que nos aproxima á lusofonía
  • O galego é a lingua propia de Galicia, o noso sinal de identidade máis importante.

3.2. Ampliar os ámbitos de uso da lingua galega: despois de séculos apartado da escrita e dos ámbitos formais (a Educación, a Administración...), durante o Rexurdimento vaise intentar que o galego vaia recuperando os espazos perdidos.

Así, conséguese que o galego volva ser a lingua literaria. Convócanse certames literarios (coma os Xogos Florais da Coruña), créanse as primeiras editoriais dedicadas a publicar obras en galego (coma a Biblioteca gallega de Martínez Salazar) e, o máis importante, publícanse as primeiras obras literarias na nosa lingua, destacando as de Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Eduardo Pondal.

Durante esta etapa tamén se tentou introducir o galego na prensa periódica, publicándose algúns xornais e revistas en galego coma O Tío Marcos da Portela.

Por último, os intelectuais do Rexurdimento tamén traballaron (aínda que non o conseguiron) para que o galego se introducise na Educación e na Administración.


3.3. Estudar e depurar a lingua galega: despois de séculos apartado da escrita, o galego carecía nesta altura dunha norma escrita e tamén de gramáticas, dicionarios... Os intelectuais do Rexurdimento tamén van traballar nisto, estudando as diferentes variantes do galego, eliminando os castelanismos, creando unha lingua estándar... A primeira gramática do galego foi a de Saco e Arce e o primeiro dicionario, o de Marcial Valladares.


3.4. Revindicar o pasado histórico de Galicia. Finalmente, outro obxectivo do Rexurdimento foi reivindicar o pasado histórico de Galicia e a súa identidade como pobo diferenciado, cunha lingua e unha cultura propias. Nesta liña, cómpre destacar as primeiras Historias de Galicia que Manuel Murguía e Benito Vicetto escribiron nesta etapa, nas que se defendía a orixe celta do pobo galego.

4. Etapas do Rexurdimento

É común distinguir no Rexurdimento dúas etapas fundamentais: o Período Precursor e o Rexurdimento Pleno. A data que separa ambos os períodos é o 1863, ano no que Rosalía de Castro publicou Cantares gallegos.

a. Período precursor (ata 1863): engloba a obra de autores empregaron o galego antes de que se publicase Cantares gallegos: Antonio Benito Fandiño, Nicomedes Pastor Díaz, Francisco Añón... Entre os precursores destacamos a Xoán Manuel Pintos, autor dunha obra titulada A gaita gallega, na que fai unha defensa da lingua galega.

b. Rexurdimento pleno (a partir de 1863): este período está marcado pola presenza dos tres grandes escritores do século XIX galego: Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Eduardo Pondal. Con eles ponse en pé un sistema literario galego autónomo e chegan a acadarse altas cotas de calidade literaria.

Martínez Salazar
Manuel Murguía
Xoán Manuel Pintos
Marcial Valladares
Saco e Arce
Benito Vicetto

Autoavaliación