Na actualidade, fálanse no noso planeta arredor de 5000 linguas diferentes, aínda que só hai uns 200 estados. Polo tanto, o máis habitual no mundo é que os estados sexan plurilingües e non monolingües, é dicir, que neles se fale máis dunha lingua e non unha soa.
Con todo, o reparto de linguas por estado non é equitativo.
Segundo a porcentaxe de falantes dunha lingua distinguimos entre:
Con todo, unha mesma lingua pode ser minoritaria ou maioritaria dependendo do territorio que tomemos como referencia. Así, por exemplo, se tomamos como referencia o conxunto do Estado español, o galego é lingua minoritaria, pero se temos en conta só o territorio de Galicia, o galego é lingua maioritaria; do mesmo xeito, en España, o castelán é lingua maioritaria, mais nos Estados Unidos o castelán é lingua minoritaria.
Unha lingua minorizada é aquela que sofre algún tipo de discriminación ou marxinación con respecto a outra considerada como máis poderosa e idónea para o uso, a que chamamos lingua dominante ou lingua de prestixio. A lingua minorizada ten, polo tanto, un emprego restrinxido: non está presente en todos os ámbitos.
Hai quen considera a diversidade lingüística como algo negativo, pensando que sería moito máis práctico que só existise unha única lingua para toda a humanidade, para que todas as persoas puidésemos comunicarnos sen problemas… Un mundo cunha única lingua tería quizais vantaxes de comunicación, pero sería un mundo moi aburrido e desde logo moito máis pobre. Ademais de servir para comunicarnos, as linguas tamén son as portadoras de diferentes culturas, con diferentes historias e con diferentes formas de ver o mundo.
Cada lingua supón un modo orixinal e único de describir o mundo, calquera lingua posúe un pequeno tesouro de palabras únicas, orixinais, sen equivalente nin tradución a outros idiomas, conceptos novos ou matices valiosos que se perden sen remedio cando algunha variedade lingüística morre. Non debemos esquecer que as linguas son o vehículo do saber e que polo tanto a morte dunha lingua implica a extinción dunha cultura”.
Manuel Núñez Singala