As orixes da lingua galega

Presentación:


1 As orixes da lingua galega - Presentación.pdf

Vídeo:

As orixes da lingua galega

1. Introdución

O galego é unha lingua románica, romance ou neolatina. Isto significa que é un idioma formado a partir do latín que os romanos trouxeron ao noso territorio hai arredor de 2000 anos, no século I a.C. Comparte esta orixe con outras linguas da Península ibérica coma o catalán, o asturiano, o castelán... e de fóra da Península, coma o italiano, o francés, o sardo ou o romanche.

O latín é a base lingüística fundamental a partir da cal derivou a lingua galega. Con todo, houbo outras linguas que tamén influíron na formación do galego:

  • As linguas de substrato: linguas anteriores á chegada do latín. Remataron desaparecendo, substituídas polo latín, pero deixaron a súa pegada no vocabulario e na toponimia.
  • As linguas de superestrato: linguas posteriores ao latín, dos pobos xermánico e árabe. Non chegaron a substituír o latín, mais tamén deixaron a súa pegada no vocabulario.

2. Do latín ao galego

Os romanos chegaron á Gallaecia [1] arredor do século I a.C, traendo con eles a súa cultura e tamén a súa lingua: o latín.

Logo da conquista militar do territorio, xente de Roma aséntase na Gallaecia e vanse tecendo relacións entre a poboación autóctona (os galaicos ou castrexos) e a romana. Así, proliferan os matrimonios mixtos; galaicos e romanos traballan xuntos nas explotacións mineiras, na construción de vías…; os galaicos participan no exército romano… Estas relacións sociais favorecen que o latín vaia penetrando na Gallaecia.

Nun primeiro momento, o latín conviviu coas linguas de substrato, pero pouco a pouco foi gañando terreo entre a poboación autóctona. Desenvolveuse un proceso de asimilación e substitución lingüística que culminaría arredor do século V coa extinción das linguas prelatinas.

Co paso do tempo e coa influencia das linguas do substrato e do superestrato, o latín falado na Gallaecia foi mudando e evolucionando dun xeito especial e diferente ao latín que se falaba noutras partes do Imperio Romano. No século IX, aproximadamente, este proceso de cambio progresivo deu lugar a unha lingua nova: o galego.

E igual que ocorreu na Gallaecia, o latín tamén foi evolucionando de maneiras diferentes no resto do Imperio Romano, dando lugar ás diferentes linguas románicas: francés, italiano, romanés, occitano...

3. O substrato

O substrato do galego está constituído polas linguas prelatinas, faladas pola poboación da Gallaecia antes da chegada dos romanos. Tal e como vimos, estas linguas acabaron desaparecendo, substituídas polo latín, pero deixaron a súa pegada no vocabulario e na toponimia galega.

Distinguimos dous tipos de substrato: o preindoeuropeo e o indoeuropeo:

    1. Do substrato preindoeuropeo (situado cronoloxicamente na Idade de Pedra) conservamos palabras coma carqueixa, queiroga, amorodo, carballo, toxo…
    2. Do substrato indoeuropeo ou substrato celta (situado cronoloxicamente no 800 a.C) conservamos vocabulario coma berce, billa, burato, bugallo, laxe, bidueiro…

Ademais desta influencia no léxico, as linguas de substrato tamén deixaron a súa pegada na toponimia e hidronimia (os nomes de lugar e de ríos). Así, consérvanse na nosa lingua numerosos nomes prerromanos:

    • Hidrónimos: Miño, Avia, Limia, Tambre, Navia
    • Topónimos: Galiza / Galicia, Céltigos, Bergantiños, Barallobre, Callobre, Cecebre, Lestrove

4. O superestrato

Despois da caída do Imperio Romano (século V), instálanse na Gallaecia os pobos xermánicos, primeiro os suevos e logo os visigodos. Posteriormente, tamén na Gallaecia tivo certa presenza (aínda que moi escasa) o pobo árabe. As linguas destes pobos que chegaron despois dos romanos forman parte do superestrato do galego. Non chegaron a desprazar a lingua latina, pero si influíron nela, deixando tamén a súa pegada no noso vocabulario.

  • Do superestrato xermánico consérvanse palabras coma agasallar, guerra, banco, ganso, luva, roubar, xabón…
  • Do superestrato árabe, posuímos léxico coma alcalde, alfombra, algodón, álxebra, aldea, laranxa, xadrez…

[1] A Gallaecia era unha das cinco provincias romanas da Hispania. Abranguía un territorio maior que a Galicia actual: ía do Cantábrico até o río Douro (norte de Portugal) e incluía tamén as actuais provincias de Asturias, León e Zamora. Estaba dividida en tres conventos: o lucense, o bracarense e o asturicense.