Resumo do consello do 20 de outubro de 2015

Fecha de publicación: Oct 21, 2015 3:45:45 PM

Onte celebrouse consello escolar con algunha proposta moi Importante que a comunidade educativa do centro terá (teremos) que ir debatindo.

- Aprobouse a Programación Xeral Anual, o “proxecto teorico” de actividades previstas para este curso coas viaxes das que xa tiñamos informado na asemblea. Comentar que hai un número límite de alumnos por viaxe e, en principio, de haber máis demanda que oferta o criterio a aplicar sexa –probablemente- o académico (comportamento e notas)

- Aprobouse unha modificación nas normas de organización e funcionamento do centro que afecta ao alumnado de 1º bacharelato. Neste curso para poder saír nos recreos fóra do centro é preciso que os país/nais/titores asinen unha autorización.

Dita autorización só é valida para os recreos. Ate agora todos os alumnos de bacharelato saían fóra nos recreos sen ningún tipo de autorización escrita. As familias de 1º bacharelato xa tiveron que asinar fai unha semana.

- Deuse conta do falado na Asamblea, sobre a falta de control de algúns profesores de garda nos recreos e o control das faltas de asistencia. Respostaron que tomarán nota delo.

- Nomeáronse os novos integrantes de comisión. No noso caso afecta ao representante do ANPA na Comisíon Económica que pasa a ser José Manuel Romero García

- O director informou do estado do tema-problema do profesor de ética/filosofía e titor de 4ºA, que se plantexou na asemblea. Neste momento dito profesor solicitou a baixa e xa ten sustituto.

- MOI IMPORTANTE: Por parte do xefe de estudos presentouse unha proposta para eliminar as clases do martes pola tarde. Consistiría nunha variación do horario lectivo que pasaría a ser:

1. Comezo da xornada lectiva: todos os día ás 8.30 (15 minutos antes do horario actual)

2. Remate da xornada lectiva:

- tres días da semana ás 14.10 (15 minutos antes do horario actual). Deste xeito estes tres días manteñen o mesmo número de sesión e recreos pero cun cambio na hora.

- dous días ás 15 horas. Isto quere dicir que eses dous días habería 7 sesións lectivas (e non seis como agora) e despois do segundo recreo habería tres sesión seguidas.

Con isto suprimiríase a xornada lectiva de tarde.

Isto é unha proposta do centro que se levará a claustro, e que para ser aprobada debe ter o consenso de toda a comunidade do centro.

O cambio, de se levar a cabo, sería para o vindeiro curso.

Finalmente a profesora Sagrario Torrado amosou o seu agradecemento pola colaboración do ANPA co grupo de teatro, tanto a económica, como a difusión da actuación e na prensa.