Maio
Venres 31 de maio
Escoitamos un dos contos para nenas e nenos felices. Este ía sobre un concurso anual de aguias ao que acudían as máis novas e fortes. Presentouse nesta ocasión unha aguia maior, escuálida... algo que causou a burla de varias delas. Finalmente esta foi a aguia que alcanzou máis altura, deixándose levar polas correntes de vento, dándolles a todas unha boa lección de vida.
Bernardo realizou a súa exposición oral. De maior gustaríalle ser policía. Falou dos distintos puntos do guión acompañándose de fotos que foi mostrando. Ao rematar valoramos entre tod@s a exposición.
Acudimos á biblio a facer un intercambio de libros exprés... Devolvimos e prestamos para casa.
OBRADOIROS. A parella da paz veunos buscar a clase para ir con ela a diferentes obradoiros que estaban organizados pola escola para fomentar o uso da lingua galega. Todos tiñan en común o uso da nosa lingua pero eran do máis variado: teatro, radio, cantigas, instrumentos tradicionais, poesía, lectura en calma, construción dunha peonza, contacontos, baile de sombras, maxia, adiviñas e refráns, raps... Cada parella da paz escolleu tres obradoiros aos que asistir, estando 30 minutos en cada un deles.
Á volta dos obradoiros poidemos celebrar o aniversario de Diana, cantándolle o parabéns e degustando un anaco de biscoito! (grazas, Diana).
Hoxe tivemos un recreo máis longo e na última sesión, logo de escribir na axenda, descansamos con distintas opcións (lectura, debuxar, escribir...) e continuamos pintando as figuriñas de pan tradicionais.
Antes de marchar para casa fixemos unha asemblea para compartir o noso parecer sobre os obradoiros de hoxe. En xeral, todo un éxito! Gustaron moito e parece que nos gustaría repetir algunha vez máis.
Xoves 30 de maio
A plataforma elbe non funcionou correctamente e non puidemos acceder ao enigma de ciencia.
Lemos as distintas opcións de tarefas de publicidade para o PDI. Vimos e escoitamos as realizadas durante o curso anterior para o proxecto de fotografía e votamos. A opción escollida foi facer os anuncios de radio.
Leire realizou a súa exposición oral sobre o que lle gustaría ser de maior. Gustaríalle ser profe de kickboxing. Falounos de cada un dos puntos do guión acompañando a súa explicación cunha presentación na pantalla. Ao rematar realizamos a valoración personal.
En mates, de forma individual, calculamos series de números (de 2 en 2, 10 en 10, 100 en 100), sumas en árbore, sacos de Paco e restas.
Logo de educación física e do recreo, na hora de ler escribimos na axenda, tivemos un tempo para lectura en parella e lemos na pantalla unha nova revista sobre castelos de area.
Na última hora da mañá, o equipo de artesáns de maquetas foi a zona das follas acompañado da profe Rosana a avanzar na súa laboriosa maqueta, o equipo de artesáns de candeas foron co profe Diego a gravar un podcast contando o seu proxecto e os demais quedamos na clase colaborando co equipo papel e pintando as figuriñas de pan.
Mércores 29 de maio
Pregunta científica: "Por que non temos bigotes ríxidos e longos como outros mamíferos?" Logo de escoitar diversas hipóteses sobre bigotes e orientación, lemos a resposta científica. Tiña que ver co nome científico destes bigotes: "vibrisas", dado que perciben as vibracións a través delas.
Falamos sobre os diferentes obradoiros que terán lugar o venres. Na escola faremos unha xornada de obradoiros en galego diferentes aos que acudiremos libremente coa nosa parella da paz: cantigas, poesía, lectura en calma, radio, instrumentos tradicionais, teatro, contos, manualidades, chistes e adiviñas, etc. Poderemos escoller tres deles e desfrutar durante 25 minutos en cada un.
Virgi fixo a súa exposición oral sobre o que lle gustaría ser de maior. Gústaríalle ser fisioterapeuta. Falounos de todos os puntos do guión acompañando as súas explicacións de imaxes e fotos. Ao rematar valoramos entre tod@s a exposición.
Continuamos realizando unha escrita colectiva que aproveitaremos para a exposición final do PDI. Nesta ocasión axudamos ao equipo "Xoguetes de artesanía" redactando as instrucións para realizar un tirafonda.
No circuito matemático houbo dúas estacións:
Estación 1: Xeometría. Tangram e pentaminós. Construimos coas pezas dadas.
Estación 2 (coa axuda de Rosana e Magoia): Numeración con códigos. Asignamos a cada elemento un valor e intentamos averiguar a que número chegamos a través do cálculo mental. Escribimos resultados e comprobamos.
Logo de inglés (onde tamén tivemos a sorpresa de ver a bolboreta) e do recreo, escribimos na axenda e lemos na pantalla varias páxinas da revista "Los gusanos de seda", aprendendo moitas curiosidades sobre como extraen do capullo o fío de seda.
Na última sesión fomos ao monte a buscar bugallos. Necesitarémolos para axudar ao equipo de xoieiros a facer algún colar. Observamos que os atopabamos sempre debaixo dos carballos, polo que pouco a pouco fomos máis eficaces na nosa busca. Regresamos á clase e tivemos 10 minutos de descanso antes de marchar para casa.
Martes 28 de maio
Lectura de pequenos poemas (tipo copla) do libro "Unha chea de aloumiños". Os que máis nos gustaron: o dun papaventos que namorou dunha pomba e o dun vello carballo.
As rutinas foron guiadas por Maia. Logo fixo a súa exposición oral. A Maia gustaríalle ser veterinaria. Foi falando de todos os puntos do guión, enriquecendo a súa exposición coa presentación na pantalla que incluía pequenas entrevistas á dúas veterinarias. Ao rematar fixemos a nosa valoración personal.
Realizamos 5 problemas da serie Quinzet.
Logo de proxecto competencial (esta vez co profe Manuel), educación física e o recreo, escribimos na axenda e realizamos un xogo de comprensión. Tiñamos que debuxar todo o que nos aparecía no texto da forma máis exacta posible. Ao rematar ensinabamos todos os debuxos do equipo á vez para observar parecidos e diferenzas. Mentras, un equipo avanzou nun cartel informativo para o PDI.
Hoxe foi o último día de contextos. A partir de mañá estaremos na aula rematando e avanzando o que nos falta para a exposición final do PDI sobre artesanía.
Luns 27 de maio
Lectura do terceiro capítulo de "Perro apestoso". Nesta ocasión entra nun refuxio de animais e ten a esperanza de que alí non lle faltará de nada...
Rutinas da encargada. Diana ocupouse de dicirnos a data e xunto a ela repasamos os días da semana, meses, números para atrás dende o 20, muro do 5, muro do 10, números de 2 en 2 ata o 20, sumas dobles, de 5 en 5 ata o 50, de 10 en 10 ata o 100, de 10 en 10 partindo do 27 e abecedario.
Diana fixo a súa exposición oral sobre o que lle gustaría ser de maior. A ela gustaríalle ser enfermeira. Falou sobre esta profesión así como de todos os puntos do guión. Ao rematar fixemos a nosa valoración personal.
Tivemos tempo para as noticias, contando aquelas novidades do fin de semana que quixemos compartir.
En matemáticas traballamos a numeración de forma individual: anterior e posterior, ordenar de maior a menor, de menor a maior... e un laberinto para contar de 10 en 10 partindo dun número.
Logo de inglés e do recreo, escribimos na axenda e tivemos club de lectura. Unha parte do alumnado fixo un club na zona das follas coa profe Rosana e outra parte quedamos na clase na zona de asemblea. Por quendas, lemos o terceiro capítulo do libro "El oso que leía niños". Ñum-Ñum foi parar a unha bodega dun barco e, cando estaba mirando entre os barrotes, observou que podía ver unha páxina dun libro, letras... e os ollos dunha nena!!! A nena escoitou a Ñum Ñum a través do libro.
No caderno do club de lectura escribimos un listado de cousas que podemos escoitar nos libros.
Acudimos ao noso contexto educativo de aprendizaxe.
Durante a semana do 21 ao 24 de maio, estarei en Turquía nun Erasmus. Esta bitácora non poderá ser actualizada. O alumnado de 2º pasará a maior parte do tempo coa profe Cris.
Xoves 16 de maio
Lectura dun enigma científico titulado "Veo, veo". Un neno queda sin as súas lentes cando está nun campamento e debe regresar só dende o bosque sen elas. Chega a un claro onde lle dá o sol, pon as mans tapando a cara...e resulta que vé mellor... Por que? Logo de escoitar varias hipóteses lemos a resposta científica que tiña que ver co efecto estenopeico...
As rutinas foron guiadas por Sofía Iglesias, quen nos axudou a repasar as series numéricas e temporais habituais.
Escoitamos a lectura dunha breve biografía de Luísa Villalta, a autora homenaxeada este ano nas Letras Galegas. Logo respostamos a diferentes preguntas sobre esa lectura, e sabiamos todas!!!
A nivel individual, fixemos unha ficha contestando preguntas sobre a autora.
Continuamos facendo mates, con exercicios de numeración, laberintos, sumando 100, restando 10... (xogos de cálculo mental nesta liña).
Logo de educación física e do recreo, fomos á biblioteca a facer o intercambio de libros para casa.
Na clase escribimos na axenda e, no caderno do club de lectura, escribimos e ilustramos o noso soño de Ñum-Ñum.
Por último, en equipo, decoramos un cartel sobre Luísa Villalta, debuxando tamén o seu retrato.
Mércores 15 de maio
Pregunta científica: "Por que os animais non necesitan lavar os dentes?" . Logo dunha chea de hipóteses, escoitamos unha chea de curiosidades sobre os dentes dos animais... Monos macaco que rouban pelos dos turistas para usalos de fío dental, paxariños que se meten dentro da boca de crocodilos para limparlle os dentes, tiburóns que cambian ata 2000 dentes ao ano...
Continuamos realizando unha serie de problemas quinzet. Esta vez resultáronnos todos bastante doados. Corriximos e compartimos estratexias de cálculo.
Avanzamos na realización da ficha de numeración e cálculo mental comezada o luns.
Circuito matemático:
Estación 1: Numeración e rapidez no cálculo. Colares de contas para coller o máis rápido posible o número de contas que saera no dado (ata o 20) e sacos de Paco con deces.
Estación 2: Xeometría. Realización de composicións en 3D con pezas e pequenas esferas.
Estación 3: Cálculo con códigos. En equipo asignabamos un valor a cada elemento (por exemplo, unha pedriña= + 100, unha landra= -10, un palillo= +1...). Logo tiñamos que calcular a que número chegabamos.
Estación 4: Percepción viso-espacial. Tarxetóns con xogos tipo laberinto, buscar diferenzas, completar simetrías, etc.
Logo de inglés e do recreo, escribimos na axenda, lemos en parella e fixemos un círculo proactivo de tipo creativo, creando oralmente historias. Esta vez, cada un inventou un soño do oso Ñum-Ñum. Mañá escribirémolo no caderno do club.
Acudimos ao noso contexto.
Estación 1. Numeración con colares.
Estación 2. Xeometría.
Estación 3. Cálculo con códigos.
Estación 3. Percepción viso-espacial.
Círculo: "Os soños de Ñum-Ñum"
Martes 14 de maio
Comezamos a mañá escoitando a lectura de pequenos poemas (formato copla) de Antonio García Teijeiro, do libro "Unha chea de aloumiños".
Continuamos co reparto de encargos semanais e as rutinas, guiadas esta vez por Lucas.
Fixemos unha asemblea para aportar propostas para a celebración da homenaxe ao avó Quinteiro. Recollémolas por escrito para que mañá a delegada da clase as transmita na Xunta de Delegad@s da escola.
Comezamos a realizar un ditado para asentar a escrita dos sonidos cla cle cli clo clu. Logo houbo relixión e educación física.
Na volta do recreo escribimos na axenda, rematamos o ditado e comezamos o novo libro do club de lectura: "El oso que leía niños" de Gonzalo Moure. Por quendas, lemos o primeiro capítulo e... quedamos enganchados...:-)
Na última hora da mañá acudimos ao noso contexto.
Luns 13 de maio
Escoitamos a lectura do segundo capítulo de "Perro apestoso". Nesta ocasión foi enganado por unha nena e por mor deso entraron ladróns a roubar na casa.
As rutinas foron guiadas por Ruy. Repasamos os días da semana, meses, muros... e continuamos con series de numeración e abecedario.
Tivemos tempo para as noticias do fin de semana, que eran moitas e moi emocionantes.
En matemáticas adicamos o tempo á numeración, contando de 1 en 1, de 10 en 10, sumando 100, restando 10..., xogando cos números e o cálculo mental. Para elo realizamos unha ficha individualmente, en parella, en equipo... (a escoller).
Logo de inglés e do recreo, escribimos na axenda e realizamos unha lectura comprensiva coa profe Rosana.
Na última sesión acudimos ao noso contexto.
Venres 10 de maio. Visita de Laura Benítez.
Escoitamos a lectura do conto "La sortija del abuelo", do libro de contos para nenas e nenos felices. Falaba da ignorancia de quen non quería mercar o anel, ou o mercaría por moi pouco, ao non saber o valor real do mesmo. Tivo que ser un xoieiro experto o que tasou o anel polo seu valor real...
Nese momento chegou Laura Benítez, profesora experta en lecto-escritura na Universidade, para facer unha sesión de inicio dunha actividade de expresión escrita coa clase. Partiu dun texto científico, polo que xa empezamos ben:-)! Laura leu en pantalla unha noticia que explicaba o motivo polo que as cebras tiñan raias. O alumnado fixo hipóteses e Laura as foi apuntando a modo de mapa mental no encerado. Logo continuou lendo a noticia ata chegar á resposta científica... Para evitar as picaduras das moscas!!
Cando xa estabamos totalmente metidos na curiosidade científica, Laura propuxo buscar en libros outros animais que tiveran obstáculos para que lle picaran moscas e xa asignou a tarefa para cada equipo: "Escollemos un animal e escribimos as súas características principais". Soubemos seleccionar esas ideas e as fomos escribindo nun folio. Mentras, Laura continuou aportando ideas ao profesorado asistente para complementar toda esta proposta, algo que iremos facendo para a semana que vén... Por último, cada equipo leu as características escritas do animal escollido.
Cando marchou Laura, fomos á biblioteca a facer o intercambio de libros para casa. Acontinuación tivemos un recreo longo.
Na última hora houbo tempo de descanso en aula con varias actividades propostas para escoller. Durante este tempo estivo a profe Vicky ao cargo da clase, dado que mentras estabamos varias profes reunidas con Laura para continuar enriquecendo esta aprendizaxe nas linguas.
Xoves 9 de maio. Día dos maios.
Enigma de Ciencia. Hoxe sobre tumbas exipcias e supervivencia. Canto poden durar os elementos? Por que se deterioran?
Rutinas levadas a cabo por Hugo. Repasamos as series habituais.
Rematamos a ficha de numeración do luns e realizamos problemas e cálculo variado.
Fomos á festa do maio, realizando os colares de pampullos necesarios para o mesmo. Realizámolos con moita soltura e rapidez!!! A costura parece que vai dando os seus froitos:-)
Tivemos un recreo longo na escola e cunha sorpresa... Veu a profe Maite de visita!!!
Voltamos ao monte para participar na cantiga do maio colectiva.
Mércores 8 de maio.
Pregunta científica: Por que as serpes non teñen patas? Logo de escoitar diferentes hipóteses (porque así fan menos ruido para atrapar ás présas, porque cando nacen xa teñen o instinto para arrastrarse, etc.) escoitamos a lectura da resposta científica (foto do texto máis abaixo). Tamén vimos un esqueleto de serpe e aprendemos outras curiosidades animais, como o motivo polo que os paxaros carpinteiros non teñen dor de cabeza...:-)
Falamos da organización dos vindeiros días da semana, dado que mañá serán os maios e o venres teremos a visita de Laura Benítez, unha profesora especialista en lecto-escritura da Universidade complutense. Fará unha sesión co alumnado de 2º!! Desexamos que sexa unha bonita experiencia para o grupo!
Fixemos 5 problemas da serie Quinzet e compartimos estratexias de cálculo.
Circuito matemático:
2 equipos xogaron a "Código secreto", un xogo de mesa onde o cálculo mental é o protagonista.
Os outros 2 equipos rotaron en dúas estacións:
Lóxica: clasificamos os bloques lóxicos en función dos atributos escollidos.
Ruta do 100: Canto me falta para chegar a 100 partindo dun número? Se teño x cartos aforrados e necesito 100 para mercar unha bici, canto me falta por aforrar? Primeiro calculamos de forma manipulativa (montando coas regletas e apuntando na pizarra) e logo xa o resolvemos mentalmente.
Logo de inglés e do recreo, escribimos na axenda, lemos en parella e, por quendas, fomos repartindo varias tarefas de escrita grupais: cartel de instrucións de como facer un 3 en raia artesanal, cartel de instrucións de como construir un circuito de coches con pedras, cartel coa copla do maio para deixala no panel que sube á biblioteca.
Hoxe cambiamos de contexto, comezando con artesanía de instrumentos (coa profe Eva, que substitúe a Diego de xeito temporal), continuación do oficio artesanal escollido para o PDI (con Magoia) e plantas (con Laura).
Xogo código secreto (circuito matemático)
Ruta do 100 (circuito matemático)
Lóxica (circuito matemático)
Escrita de carteis de instrucións
Martes 7 de maio.
Rematamos de escoitar a lectura dos poemas do libro "ABC: un invento extraordinario". Voltamos ler o da letra ch dado que o ditado de hoxe tiña relación con ela.
As rutinas foron guiadas por Leire, logo de cantarlle o cumpreanos feliz. Escribimos a data e fomos repasando as series temporais e de numeración habituais.
Escribimos un ditado onde a protagonista era a letra ch. Corriximos.
Logo de proxecto/relixión, educación física e do recreo, escribimos na axenda e realizamos unha lectura de instrucións. Mentras, fomos avanzando na elaboración dun cartel instrutivo sobre como fixemos o xogo do 3 en raia (materiais, pasos...), que quedará para exposición final do PDI (equipo xoguetes de artesanía).
Acudimos ao noso contexto, rematando coa profe actual.
Luns 6 de maio
Comezamos novo libro de lectura por capítulos: "Perro apestoso" de Colas Gutman. Escoitamos a lectura do primeiro capítulo, onde o can busca un amo.
As rutinas foron guiadas por Bernardo, quen nos dixo a data e axudou a repasar as series temporais e de numeración habituais. Logo fixemos o reparto de encargos da semana. Tamén falamos de normas e responsabilidade, recordando unha das frases que xurdira o curso pasado: "Fago o que me apetece ou o que debo?" Reflexionamos sobre que pasaría se só fixeramos o que nos apetecera en todo momento, compartindo as reflexións en asemblea. Como obxectivo da semana escollemos: "Fago o que debo".
Tivemos tempo para as noticias, onde compartimos momentos da festa de onte en Meaño, de comidas familiares, tempo de lecer...
En mates fixemos unha ficha de numeración, tendo que escribir o anterior e posterior, ordenación de números de menor a maior e viceversa, e descifrando un enigma onde cada número representaba unha palabra.
Logo de inglés e do recreo, escribimos na axenda, repartimos as tarefas semanais e escribimos unhas frases coidando moito a letra. Mentras, un equipo saeu á zona das follas a realizar un texto de instrucións sobre o xoguete elaborado o venres. Outros dous equipos remataron o texto para o podcast de radio sobre o libro dos Minimortos traballado no club.
Na última sesión acudimos ao noso contexto (mañá será a última sesión no contexto actual).
Venres 3 de maio
Lectura do conto para nenas e nenos felices titulado "Animar te anima". Un breve relato que tiña como mensaxe que ás veces, se damos aos demais aquelo que nos falta, vainos vir de volta e favorecernos a nós mesmos. Por exemplo, se estou triste e regalo alegría, esa alegría tamén a vou sentir eu mesmo. Se necesito cariño e regalo cariño, tamén o vou recibir...
Fomos á biblio a cambiar os libros de lectura para casa. Lemos mentras remataban os demais de facer o préstamo.
Hoxe axudamos ao equipo artesáns de xoguetes, realizando xoguetes con pedras pintadas. Os que escollemos foron un circuito de coches con casas de pedra e varios xogos de 3 en raia.
No final da mañá houbo un recordatorio de normas e quedou posposta unha asemblea para o luns. Esta semana houbo un volumen alto no traballo en aula, ruido tamén nos corredores, interrupcións a compañeir@s ou á profe, xogo en vez de traballo nalgúns casos... Normas que xa estaban bastante asentadas e das que está habendo unha regresión en parte do alumnado. Intentaremos mellorar a situación e tamén quedará esa autoavaliación plasmada cada día na axenda (soemos poñer os dedos de ok. por sistema, e non sempre hai unha actitude e traballo ok.).
Xoves 2 de maio
Lectura científica. A pregunta de hoxe foi: "Por que non pode haber tiburóns brancos nos acuarios?". Logo de escoitar varias hipóteses moi acertadas por parte das diferentes intervencións, lemos a resposta científica. Os tiburóns brancos son moi grandes e necesitan moverse a gran velocidade para que as súas branquias funcionen en condicións, chegan a atravesar océanos enteiros... Os diferentes intentos que houbo para telos en acuarios acabaron mal... Tamén lemos curiosidades sobre as medusas, tiburóns balea, etc.
As rutinas foron guiadas por Noa, quen nos dixo a data e xunto a ela repasamos a cantiga dos días da semana, meses, series de numeración, muros e abecedario.
Realizamos un ditado para asentar a escritura de ca que qui co cu. Escribimos as tres frases no caderno e corriximos.
5 problemas de Quinzet, compartindo estratexias de cálculo ao rematar de realizalos.
Ficha individual de problemas e cálculo. Problemas que se resolvían con distintas operacións, sumas grandes e multiplicacións.
Logo de educación física e do recreo, na hora de ler, escribimos na axenda e realizamos unha lectura comprensiva con preguntas inferenciais. Cara o final da sesión fixemos lectura en pantalla dunha nova revista científica titulada "Gusanos de seda".
Na última hora fomos ao noso contexto.
Resolución de problemas.