Febreiro 2
Xoves 29 de febreiro.
Enigma científico. Escoitamos a lectura do enigma titulado "O consello da pastora" e entre todos buscamos a solución. Onde será máis seguro facer unha cabana, no medio de árbores altas e delgadas ou cerca de árbores baixas e cun tronco ancho? Na lectura da solución aprendemos que as árbores cando están moi xuntas, ao intentar atopar a luz do sol, medran cara arriba esquencendo fortalecer e engordar o tronco e raíces, algo que fai que sexan máis delicadas en caso de temporal.
Rutinas da encargada. Sofía Iglesias díxonos a data e xunto a ela repasamos as secuencias temporais e de numeración.
Entre todos xogamos a memorizar a táboa dos números dobles. Escribimos nunha diana no encerado toda a táboa e pouco a pouco fomos borrando os resultados, ata que logramos dicila enteira sen ter ningún resultado escrito.
Escrita colectiva. Continuamos un pouquiño máis a historia do cadro embruxado que comezaramos onte.
En mates fixemos problemas e cálculo, ambos con bastante dificultade, pero cun pouquiño de axuda fomos resolvendo.
Logo de educación física e do recreo escribimos na axenda, fixemos lectura en parella e lectura en pantalla, rematando a revista sobre furóns que comezaramos xa hai un tempo. Lemos todos e con moita fluidez!
Acudimos ao noso contexto.
Mércores 28 de febreiro.
Pregunta científica: Por que non é posible facer un burato que atravese de lado a lado o planeta Terra? Fomos escoitando diferentes hipóteses, incluso algunha delas xa falaba dun núcleo e de capas do planeta... Logo escoitamos con atención a resp e querer conseguir atravesar o planeta (foto da explicación máis abaixo).
Tomás realizou a súa exposición sobre a receita favorita. Nesta ocasión deleitounos coa receita de chulas da súa avoa. Escoitamos con atención e ao rematar fixemos a valoración personal, valorando a vocalización, mirada aos compañeiros e compañeiras, puntos do guión e preparación da exposición.
Continuamos cunha escrita colectiva. Escribimos o principio dunha historia titulada "El cuadro embrujado". A introdución foi en modo ditado, pero continuaremos a mesma inventando o nudo e desenlace entre todos.
No circuito matemático houbo dous equipos estables (todo o tempo na mesma estación) para traballar áreas e perímetros de cadrados e rectángulos. Nesa estación calculamos con regletas e escribimos a multiplicación (para calcular área) e a suma (para calcular perímetro).
As outras dúas estacións foron autónomas, unha delas sobre numeración (montando o número que saía nos dados con regletas, cartos, perlas Montessori...) e outra con xogos viso-espaciais de lóxica.
Logo de inglés e do recreo, escribimos na axenda algo que aprenderamos e tivemos un tempo de lectura individual.
Na zona de asemblea escoitamos a lectura doutro conto de Sapo e Sepo, esta vez o titulado "O botón". O plan de discusión de filosofía para nenas e nenos tivo dúas preguntas: Que fas cando perdes algo? Canto che é doado pedir axuda e cando te resulta difícil facelo?
Na última hora fomos ao noso contexto educativo.
Martes 27 de febreiro.
Escoitamos a lectura por parte da profe de varios poemas de Antonio García Teijeiro.
Continuamos coas rutinas, que foron guiadas por Sofía Varela, escribindo a data e repasando as secuencias temporais e numerais.
A exposición oral de Sofía foi a receita de bolos preñados, unha receita familiar asturiana, da que ademais de falar de todos os puntos do guión, trouxo unha mostra para cada un.
Realizamos no caderno 5 problemas da serie quinzet, calculando mentalmente e escribindo resultados.
Logo de relixión/proxecto, educación física e do recreo, escribimos na axenda e fixemos unha lectura comprensiva individual sobre unha casa encantada.
Na última sesión fomos ao noso contexto educativo de aprendizaxe.
Luns 26 de febreiro.
Escoitamos varios relatos breves de "Minimalario", o dun caranguexo que facía todo do revés, o dun cachalote que non entraba no conto, un lenguado que foi confundido cunha sola dun zapato, un carneiro que pelexou contra sí mesmo nun espello...
Cambiamos os encargos da semana e Virgi guiou as rutinas, poñendo a data, repasando a cantiga dos días da semana, meses, números para atrás dende o 20, muro do 5, muro do 10, números de 2 en 2, táboa de multiplicar do 2, números de 5 en 5, de 10 en 10, de 10 en 10 partundo do 26 e abecedario.
Tivemos tempo tamén para as noticias do fin de semana, compartindo de xeito voluntario coas compañeiras e compañeiros, aquelo que fixemos durante estes días de descanso.
Realizamos unha ficha de cálculo, con sumas mentais do estilo 30 + 15 (facendo coa mente 30+ 10 + 5), restas subindo do estilo (canto me falta para chegar do 40 a un 100? dun 18 a un 20? dun 7 a un 15?), restas subindo e sumas de centos, deces e uns.
Logo de inglés e do recreo, escribimos na axenda e relaxámonos un pouco cunha mandala. A continuación tivemos club de lectura, avanzando dúas páxinas no libro dos minimortos. A proposta creativa no caderno do club foi deseñar a nosa roupa para estar nesa clase, intentando inventar rimas con cada prenda. Remataremos mañá no mesmo tramo da mañá.
Na última hora comezamos un novo contexto, cambiando de profe.
Rutinas
Ficha de cálculo mental (mates)
Lectura do club
Escrita creativa sobre o club de lectura
Venres 23 de febreiro. Día de Rosalía
O conto co que comezamos a mañá titulabase "O limpador de bosques" e falaba dun rapaz moi traballador e eficaz que cada día limpaba a maleza e polas secas das árbores do bosque. Pasado un tempo foi cada vez conseguindo rendir menos ao acabar o día... ata que o seu supervisor lle dixo que revisara o seu machado... Tiña que afialo! Buscamos moralexa entre todos, da necesidade de coidar os pequenos detalles, de que para rendir ben no traballo é necesario sentirse ben, coidarse, almorzar ben polas mañás, afiar o lapis...
Escoitamos con atención a exposición oral do cociñeiro Mateo Fernández. Contounos paso a paso como facer un biscoito amarmolado, ademais de explicar os outros puntos do guión. Ao final realizamos a valoración persoal entre todos.
Fomos á biblioteca a intercambiar libros, collendo préstamos ao noso gusto para levar a casa.
O traballo por estacións en biblio foi sobre Rosalía de Castro:
Estación 1: Buscamos catro versos que nos gusten de Rosalía de Castro na biblio. Copíamolos e facemos unha ilustración.
Estación 2: Xogo de mesa sobre rimas coa profe Rosana. Temos varias cartas con versos en galego sobre a mesa, a profe comeza unha das rimas...e quen ten unha carta que poida ter sentido e rimar co verso comezado? Tamén traballamos as rimas partindo dun libro sobre o entroido galego.
Estación 3: Facemos un marcapáxinas de Rosalía de Castro (estación autónoma).
Na última hora, escribimos na axenda e tivemos un tempo de descanso, onde poidemos escoller entre debuxar, rematar algún traballo atrasado, escribir notiñas, manualidades, papiroflexia, mandalas, Legos...
Por último, fomos á biblioteca porque tocaban cantigas de peto!!
Exposición oral de Mateo Fernández
Lectura en biblio (no momento préstamo)
Estación 1: Versos de Rosalía.
Estación 2: Xogamos coas rimas
Estación 3: Marcapáxinas de Rosalía
Xoves 22 de febreiro
Comezamos a mañá cun enigma científico en pantalla. Esta vez titulábase: "Pista na disco" e tiña que ver con tinta invisible.. e algo que empezaba por U... Foi complicado de averiguar, pero por fin saeu a solución, a U referíase a raios ultravioleta!!
Logo Mateo Piñeiro fixo as rutinas, dicíndonos a data e repasando todas as series de numeración, así como a táboa do 2, os días da semana, meses e abecedario.
A exposición oral de Mateo foi a súa receita de macarróns. Explicounos paso a paso como os facía, así como os diferentes puntos do guión. Ao rematar tivo lugar a nosa valoración personal.
Esta vez tivemos educación física na segunda sesión e á volta tocaron problemas de mates. Un listado grande de problemas para rodear a resposta correcta aos mesmos e outros catro problemas con operacións máis complicadas. Fomos resolvendo con máis ou menos axuda.
Logo do recreo, escribimos na axenda algo que fixeramos na clase, descansamos durante un tempiño (facendo lectura individual, mandalas, debuxo, papiroflexia, notiñas...) e logo escribimos no caderno do club de lectura, inventando normas de clase en rima de forma colectiva (actividade comezada o luns).
Na última sesión rematamos o contexto educativo no que estabamos.
Mércores 21 de febreiro
A pregunta científica de hoxe foi: "Por que nos mareamos cando damos voltas?". Houbo moitas hipóteses por parte das nenas e nenos, algunhas relacionadas co cerebro, outras relacionadas co oído... todas bastante acertadas! Lemos logo a resposta científica, que efectivamente falaba dun líquido do interior do oído, que logo de dar voltas, continúa enviando información ao cerebro.
Adam fixo a súa exposición oral de cociña. A receita da que falou foi de magdalenas. Escoitamos a explicación dos pasos para realizar a receita, así como os diferentes puntos do guión. Ao rematar fixemos a valoración personal.
Continuamos cunha sesión longa de cálculo matemático: restas subindo, multiplicacións e sumas, tanto na ficha que comezaramos o luns coma no caderno de mates.
Logo de inglés e do recreo, escribimos na axenda, lemos e tivemos unha sesión de filosofía. Nela escoitamos o conto titulado "El cuento" de "Sapo y Sepo" e ao rematar tivemos un plan de discusión. Xirou en torno as ideas. "Que fas cando non se che ocorre unha idea?", "Conta unha gran idea que tiveras." Un grupo pequeno de nenas e nenos foi coa profe Rosana a zona das follas a traballar a lectura e as rimas, partindo de dous libros sobre o entroido.
Na última sesión fomos ao noso contexto.
Martes 20 de febreiro
Escoitamos con atención varios poemas do libro "Animalario para ler a diario": a pega, o reiseñor e o morcego.
Enzo levou a cabo as rutinas, dicíndonos a data, os números para atrás dende o 20, o muro do 10, e acompañándonos nas demais series de numeración e temporais. Ao rematar fixo a súa exposición oral sobre a receita favorita. Nesta ocasión deleitounos coa receita de filloas. Escoitamos con atención e ao rematar fixemos a valoración personal.
Continuamos cunha serie de problemas Quinzet, compartindo estratexias utilizadas ao final dos mesmos.
Logo de proxecto/relixión e educación física, escribimos na axenda aquelo que máis nos gustou facer no recreo e realizamos unha lectura comprensiva con preguntas tipo test. Era bastante complicada e estivemos moi concentrados durante este tempo. Logo tivemos un tempo libre de descanso.
Na última hora fomos ao contexto actual.
Luns 19 de febreiro
Escoitamos e rimos con varios dos relatos de "Minimalario" de Pinto & Chinto: un sapo que non quería ser príncipe, un pulpo que quería ser dianteiro, un cempés que quería ser porteiro, un tucán cun pico moi longo...
As rutinas foron guiadas por Noa, quen nos dixo a data e axudou a repasar as series temporais e de numeración. Logo fixemos o reparto semanal de encargos da clase.
Compartimos noticias do fin de semana coas compañeiras e compañeiros.
En mates fixemos cálculo: restas subindo, cada vez máis variadas e complicadas. Agora cada un escolle as "paradas" que lle interesan en función da súa forma de calcular. Por exemplo, se temos que chegar dun 24 a un 126, haberá quen chegue primeiro ao 30, logo ao 100 e por último ao 126, pero tamén haberá quen prefira chegar ao 30, logo directamente ao 120 e logo ao 126... ou outras moitas diferentes opcións... (estando ben todas elas). Tamén resolvemos algunhas multiplicacións e sumas. Non deu tempo rematar, polo que continuaremos o mércores.
Logo de inglés e do recreo (que alongamos un pouquiño) lemos o libro do club (Minimortos) na charca. Avanzamos catro páxinas participando tod@s da lectura. Un grupiño foi ler a outra zona da charca coa profe Rosana.
Xa na aula comezamos a proposta escrita do club: inventar as normas da clase dos Minimortos en rima. Fixemos algunha oralmente e logo escribimos de forma individual (mañá continuaremos na escrita colectiva).
No último tramo da mañá tivemos contextos (continuando esta semana co/a mesmo/a profe que a semana anterior ao entroido).
Venres 16 de febreiro
Escoitamos a lectura do conto titulado "O vaso de leite". Un feito real dun estudiante de medicina, que para cubrir os seus gastos tiña que vender a domicilio. Unha muller, deuse de conta de que tiña fame e cando pediu auga, deulle un vaso de leite. Anos máis tarde, o estudante acabou sendo un médico de prestixio, e esa mesma muller foi a consulta para recibir un tratamento moi complicado e caro. A factura que lle chegou unha vez curada dicía "Tratamento pagado hai moitos anos cun vaso de leite". Buscamos a moralexa e falamos do ben que nos facía sentir compartir e agradecer.
Fomos a biblioteca a facer intercambio de libros para casa. Tamén tivemos un tempo de lectura en parella na biblio.
Durante a segunda sesión fixemos unha pequena investigación en biblio. Buscamos os libros relacionados con artesanía e seleccionamos unha "manualidade artesá". Resumimos e sintetizamos a información sobre esa elección nunha ficha: materiais, pasos...
Logo de música e do recreo foi o sorteo das mochilas viaxeiras. Esta vez tocáronlle a Sofía Varela e a Diana!! Unha vez rematado o sorteo fomos á biblioteca e poidemos escoller entre xogos de mesa ou facer algunha manualidade. Regresamos un pouco antes do previsto porque o nivel de ruído non era axeitado.
Na última sesión calmamos en aula, escribindo na axenda, rematando a tarefa de sorrisos de onte, debuxando mandalas, escribindo notiñas ou cartas... Falamos que para a semana que vén teremos que marcarnos como obxectivo reducir o volumen en aula, recordando o "modo detective" que é tan necesario para estar concentrados e en calma.
Xoves 15 de febreiro
Enigma de Ciencia. Hoxe tiña relación coa propagación do sonido. Unha nena estaba pintando animais na sabana e un neno estaba acostado durmindo. El enterouse de que viña unha estampida de elefantes. Por que? Houbo varios "científicos" da clase que deron coa solución: "O sonido a través da terra propágase con máis rapidez que polo aire". Falamos de diferentes situacións onde nos deramos conta deste fenómeno.
As rutinas foron guiadas por Maia, quen nos dixo a data e axudou a repasar as secuencias temporais, numéricas e abecedario.
Tivemos tempo para as noticias destas vacacións de entroido. Compartimos momentos e novidades.
Na segunda sesión realizamos problemas. Esta vez coincidiron a maioría de resta, que fixemos "subindo".
Logo de educación física e do recreo escribimos na axenda e lemos individual e silenciosamente.
Tamén tivemos lectura en pantalla, aprendendo un montón de información sobre os furóns e os canciños de pradeiras. Estivemos lendo bastantes páxinas, por quendas, desta revista científica.
Na última sesión, en vez de contextos (que retomaremos o luns) fixemos unha tarxeta especial. Tiñamos que pensar en cousas que nos fan sorrir. Escribimos o listado e decoramos. Por último pegamos nunha cartulina.