Febreiro 1
Xoves 8 de febreiro
Logo de ter a visita da "avoa de Paulo" e tendo coidado de "non pisar o freghado", comezamos co enigma científico habitual dos xoves. Trataba de orientación durante a noite e aprendemos grazas a el que cando estamos no hemisferio Norte, se a lúa está en menguante, as puntiñas da lúa sinalan o oeste. Cando estamos no hemisferio Sur sucede todo á inversa.
As rutinas foron guiadas por Mateo Piñeiro, quen nos dixo a data, e xunto a el repasamos as secuencias temporais, muros e series de numeración.
Realizamos o deseño da nosa insignia para o delantal.
Continuamos cunha ficha de multiplicacións da táboa do 5.
Mentras realizabamos estes traballos, fomos coser os petos que faltaban, por parellas, coa profe.
Logo de educación física e do recreo escribimos na axenda, lemos individualmente e realizamos a nosa insignia en cartolina. Tamén continuamos con decoracións e adornos do entroido. Mentras, rematamos de coser os petos de todos os delantais.
AGRADECER a nai de Diana toda a axuda prestada durante estes días. Rematou coa máquina de coser todos os delantais da clase, así como colocou as tiras para atar e soster a cabeza. Quedaron preciosos! Moitísimas grazas!!!!
Mércores 7 de febreiro
Foto conxunta con 4º durante o Paseniño.
Lectura científica. A pregunta de hoxe foi: Por que estornudamos? Logo de escoitar varias hipóteses (moi acertadas), escoitamos a lectura da explicación científica, aprendendo tamén curiosidades sobre este tema. Sorprendeunos que o esturnudo saia a unha velocidade aproximada de 160 km/h!
Fixemos escrita colectiva, esta vez en "modo ditado". Escribimos varias frases que describían o traxe da pantalla de Xinzo. Logo pintamos e pegamos un debuxo dunha pantalla no caderno.
Nas seguintes sesións, salvo para inglés e a axenda, tivemos tempo para facer máscaras, decoracións de entroido para a aula, peliqueiros, boteiros... e mentras, por quendas, ir cosendo con lá os petos dos delantais coa axuda da profe Rosana e Magoia. Leva máis tempo do que pensabamos coser un peto...:-)!
O recreo foi moi intenso e divertido! Saeu o Oso de Salcedo, o peliqueiro, a pantalla e o boteiro (estes dous últimos foron nenos).
Martes 6 de febreiro
Sacamos unha foto na chegada todos en pixama.
Continuamos coa lectura de poesía do libro "Animalario para ler a diario" por parte da profe. Lemos poemas dun moucho calvo, dun cabaliño do demo, das moscas do verán...
As rutinas guiounas Nacho. Escribimos data, diferenza de temperatura, e repasamos días da semana, meses, series de numeración, muros e abecedario.
Fixemos 5 problemas da serie Quinzet no caderno de mates.
Logo de relixión/proxecto e educación física desfrutamos no recreo con dúas pantallas!!
Na hora de ler escribimos na axenda, fixemos decoracións de entroido e unha lectura comprensiva de instrucións.
Na última sesión decoramos o noso peliqueiro con papel charol e fomos chamando para coser os petos do delantal entre Rosana mais a profe Magoia.
Luns 5 de febreiro
Relatos de Minimalario lidos polo profe Diego.
Rutinas diarias e cambios de encargos semanais.
Noticias.
Ficha de mates con multiplicacións e series varias.
No recreo saiu o peliqueiro!!!
Na hora de ler, logo de facer a axenda, lemos coa profe Cristina 3 páxinas do libro do club de lectura.
A proposta creativa do club de lectura foi "tunear" elementos da aula da mestra Sinistra. Como serán as cortinas da súa aula? E as mesas? Debuxamos e escribimos no caderno do club de lectura.
Venres 2 de febreiro
O conto co que comezamos hoxe a mañá titulábase "As sete marabillas do mundo". Unha mestra, pediulle ao seu alumnado que acordaran cales serían para eles as sete marabillas. Moitos estaban dacordo en monumentos tan impresionantes como a muralla chinesa, as pirámides de Exipto... Pero unha nena, propuxo algo totalmente diferente... Entre todos falamos da molarexa do conto, sobre as "pequenas grandes cousas" que xa temos e que son marabillosas.
Pensamos no que nos apetecía pedir no Mandadiño e houbo acordo para solicitar que o martes viñeramos en pixama. Tamén inventamos entre tod@s a copla do entroido, que tamén por maioría foi de protesta polos baños da escola.
Logo fomos a biblioteca a facer o intercambio de libros para casa.
Nas demais sesións (salvo na hora de música e o recreo) traballamos no atelier. Tivemos estacións autónomas e fomos pouco a pouco indo a cortar o delantal co patrón (con Rosana) ou a coser (con Magoia). As estacións eran as seguintes:
Estación 1: Manualidades. Seguindo as instrucións dun libro intentamos facer unha banderilla con temática de entroido para colgar na clase.
Estación 2: Mates. Xeoplanos. "Debuxamos con gomas" nos xeoplanos de forma libre.
Estación 3: Robótica. Montamos circuitos varios e desplazamos ao robot programándoo previamente.
Durante a mañá fomos observando que había nais na escola colocando os traxes de entroido en diferentes zonas. Achegámonos a eles, observámolos, tocámolos... para ir perdendo medos e coñecéndoos un pouquiño mellor.
Na última media hora fomos a clase e tivemos tempo de descanso, podendo xogar cos legos, facer papiroflexia, continuar con algunha manualidade, escribir notiñas... Mentras, repartimos tarefas para casa e a vindeira exposición oral (as tarefas son as da semana que vén, pero xa quedaron repartidas).
Estación 1: Manualidades
Estación 2: xeoplanos
Estación 3: Robótica
Xoves 1 de febreiro
Enigma de Ciencia en pantalla. Escoitamos con atención os datos do enigma: un aprendiz de cociña comeza a traballar cun chef. Tócalle botar a canela por riba dos postres e... cando se dá conta, alguén lle gastara unha broma pesada e mesturara ourego no bote de canela. O chef pide un globo e un prato. Conseguirá que os postres non saiban a ourego?
Rutinas guiadas por Enzo.
Escrita colectiva. Rematamos a historia que comezamos onte, escribindo no noso caderno.
Problemas matemáticos. Tivemos algúns onde tiñamos que seleccionar a resposta correcta e outros, máis complicados, onde tiñamos que realizar todos os pasos con operacións máis grandes.
Logo de educación física e do recreo, escribimos na axenda e tivemos lectura en parella. Máis tarde realizamos unha lectura en pantalla sobre os hábitats. Lemos todos e mooooi ben!
Por último acudimos ao noso contexto educativo de aprendizaxe.