Abril 2
Martes 30 de abril
Lecturas de varias poesías do libro "ABC: un invento extraordinario", onde o autor xoga coas letras a súa sonoridade. Escoitamos e tamén rimos...:-)
As rutinas foron guiadas por Enzo, quen nos dixo a data e axudou a repasar as series temporais e de numeración habituais.
Fixemos un ditado prestando especial atención ao uso da letra r. Asentando a norma de que só poñemos rr cando soa forte e está entre vogais, escribimos con coidado varias frases que tiñan por obxectivo esta norma ortográfica. Corriximos.
Logo de relixión/proxecto, educación física e do recreo, escribimos na axenda e tivemos un tempo de descanso. Mentras, diferentes equipos foron rematando o guión para o podcast sobre o libro do club de lectura.
Acudimos ao noso contexto.
Luns 29 de abril
Rematamos a lectura do libro "Cuentos en verso para niños perversos" de Roald Dalh. Hoxe tocou o conto dos tres porquiños.
Continuamos coas rutinas, das que foi hoxe encargado Pablo. Escribimos a data e repasamos os días da semana, meses, números para atrás dende o 20, muro do 5, muro do 10, números de 2 en 2, de 5 en 5, de 10 en 10, de 10 en 10 partindo do 29 e abecedario.
Pensamos e aportamos sobre que obxectivo deberiamos plantexarnos esta semana. O máis votado foi o de "Mellorar nos Paseniños", aportando que deberiamos intentar estar máis tranquilos neste tramo, falar baixo, se estamos no corredor permanecer sentados no sofá da zona das follas, recoller a tempo...
Nas noticias compartimos experiencias vividas durante este fin de semana así como mostramos algún xoguete novo que nos apetecía compartir.
En matemáticas fixemos cálculo individual, esta vez de repaso, realizando sumas e restas subindo ata o 100.
Logo de inglés e do recreo, escribimos na axenda, repartimos tarefas semanais e, por equipos, fomos redactando o programa de radio que imos facer sobre o libro do club de lectura. Mañá continuaremos na hora de lectura con esta proposta de escrita en equipo (que acabará en podcast).
Na última sesión acudimos ao noso contexto.
Venres 26 de abril. Día na biblio.
O conto de hoxe titulabase "A motorista e o anxo". A moralexa, como noutros contos do libro de "Cuentos para niñas y niños felices", volveu ser a de valorar o que temos, de darlle máis valor ao que non se pode mercar...
Inventamos entre tod@s a nosa aportación ás coplas do maio. Quedounos así:
"Os maios son moi bonitos
todos cheíños de flores,
con colares de pampullos
e Coviña de colores".
Fomos á biblioteca e realizamos o intercambio de libros para casa habitual.
Comezamos o plan de traballo, que nesta ocasión consistiu en axudar ao equipo de "artesáns de xoias".
Na última sesión tivemos media hora de descanso e acudimos á biblio para cantar en comunidade.
Xoves 25 de abril
Enigma de Ciencia. Hoxe sobre un avión na selva e as necesidades dos seus ocupantes para coller auga... Escoitamos diversas hipóteses e finalmente lemos a resposta científica.
Problemas de Quinzet. Escribimos solucións no caderno de matemáticas e compartimos estratexias de cálculo.
Realizamos individualmente unha ficha de numeración (contar de 10 en 10 para adiante e para atrás), así como sumas grandes e multiplicacións.
Logo de educación física e do recreo, escribimos na axenda, lemos en parella e tivemos tempo de descanso. Quixemos ler en pantalla, pero por problemas técnicos, tivemos que deixalo para outro día...
Acudimos ao noso contexto educativo de aprendizaxe.
Mércores 24 de abril
Pregunta científica: "Por que non son as crías animais tan indefensas como os bebés humanos?". Escoitamos moitas hipóteses e logo lemos a resposta científica, que tiña que ver co tamaño do cerebro dos bebés humanos... (explicación detallada na foto máis abaixo).
Ditado. Hoxe fixándonos en gue gui coa u no medio. Escribimos no caderno prestando especial atención á ortografía e á boa letra.
Circuito matemático (non deu tempo pasar por todas as estacións, polo que repetiremos a semana que vén facendo cada equipo o que lle falta):
Estación 1 (doble de tempo): Xogo de mesa "Código secreto" (cálculo mental).
Estación 2: Ruta do 100. De forma manipulativa, partimos dun número ao azar (tirando os dados) e temos que calcular canto nos falta para chegar a un 100. Escribímolo na pizarra.
Estación 3: Lóxica. Partindo de creacións xeométricas en función de condicións lóxicas, realizamos diferentes xogos propostos pola profe Rosana.
Logo de inglés e do recreo tivemos unha asamblea para buscar solución ao ruido deliberado que se montou no regreso do mesmo (mentras esparabamos a que todos lavaran as mans). Acordamos ter moito máis coidado, falar baixo e aprender a esperar dun xeito máis tranquilo.
Escrita creativa: dada unha foto, inventamos frases que describiran a paisaxe partindo dos diferentes sentidos. Ao rematar fixemos a axenda (esta vez non lle deu tempo a todos).
Acudimos ao noso contexto.
Estación 1: Xogo de mesa "Código secreto".
Estación 2: Ruta do 100. Canto me falta para chegar a 100?
Estación 3: Lóxica.
Martes 23 de abril. Día do libro.
Escoitamos a lectura de varios poemas do libro "ABC: un invento extraordinario" que nos prestou Ruy. Gustounos o xogo coas letras do abecedario das diferentes poesías.
Rutinas da encargada, que nesta ocasión foi Maia. Escribimos a data e repasamos as series numéricas habituais así como abecedario.
Realizamos 5 problemas da serie Quinzet e compartimos estratexias de cálculo. Por exemplo, para restar 14 - 6, un neno restou 7 e sumou 1, outro restou primeiro 4 e logo os outros 2 que faltaban...
Aprendemos a facer multiplicacións grandes! Encantáronnos! Realizamos algunhas en grupo e outras de xeito individual.
Logo de relixión/proxecto, educación física e o recreo, escribimos na axenda e realizamos unha ficha de caligrafía, intentando ser moi coidadosos no trazo e na letra.
A nosa parella da paz veu buscarnos para ler xuntos. Fomos ao lugar da escola que máis nos gusta para compartir os nosos libros preferidos.
Chegamos 10 minutos tarde a contextos logo da lectura compartida, pero logo traballamos de xeito habitual.
Luns 22 de abril.
Comezamos a semana escoitando a lectura do conto de "Caperucita roja" na versión de Roald Dalh (Cuentos en verso para niños perversos).
Continuamos coas rutinas, que guiou Nacho, escribindo a data e repasando os días da semana, meses, números para atrás dende o 20, muro do 5, muro do 10, números de 2 en 2 ata o 20, sumas dobles, números de 5 en 5, de 10 en 10, de 10 en 10 partindo do 22 e abecedario. Logo fixemos o reparto de encargos desta semana.
Realizamos unha asemblea para escoller o obxectivo da semana, saeron propostas diversas e votamos a que nos parecía máis importante a cada un. O obxectivo escollido foi "Non protestar", algo que non ten nada de malo cando a causa é inxusta, pero que nos está resultando cansino no día a día cando, nalgún caso, a protesta se escoita de modo continuado.
Escribimos un ditado para afianzar a norma ortográfica de que bra bre bri bro bru sempre se escribe con b. Ao rematar realizamos unhas sumas de mates.
Logo de inglés e do recreo, escribimos na axenda algo que nos gustara do día e recordamos que mañá temos que traer un libro para compartir coa nosa parella da paz. Repartimos as tarefas semanais e rematamos o libro do club!!
Na última hora acudimos ao noso contexto.
Venres 19 de abril.
Escoitamos a lectura dun conto para nenas e nenos felices e buscamos a moralexa.
Fomos á biblioteca a realizar as devolucións e préstamos de libros para casa. Compartimos lecturas en parella cos libros da biblio.
A proposta de estacións tivo relación co PDI de artesanía. Esta vez prestamos axuda ao equipo de papel realizando unha "vidrieira" de papel. Cortamos por dentro un paxaro e fomos pegando anacos de papel de seda. A complicación estivo no recortado sen romper o contorno negro... Non todos rematamos, pero seguiremos durante a semana seguinte..,
Tivemos un recreo máis longo despois de música. A mochila viaxeira tocoulle a Leire!!!!
Na última sesión continuamos co noso traballo de artesanía de papel.
Xoves 18 de abril.
Enigma de Ciencia. Un espía escondeu no fregadeiro da súa casa unha fórmula secreta metida nun vaso, pero o fregadeiro estaba cheo de auga e outra louza. Cando quixo coller a fórmula estaba intacta! Non se mollara! Por que? Lemos a resposta científica que tiña relación con que o aire tamén ocupa. O vaso estaba boca abaixo e o aire que tiña non permitía entrar a auga para que mollara o papel.
Rutinas, levadas a cabo por Mateo Piñeiro. Escribimos a data e repasamos series numéricas, muros e series temporais como cada día.
Mateo e Pablo Fernández quixeron compartir unhas fotos e vídeos que eran unha sorpresa. Encantáronnos!! Estiveron coidando dúas crías de pomba e mostraron como fixeron con elas para darlle de comer e que sobreviviran.
Realizamos 5 problemas da serie Quinzet. Compartimos diferentes estratexias de cálculo, a verdade, que cada vez máis sofisticadas!
Cálculo. Aprendemos a facer multiplicacións máis grandes. Se 3 x 3 = 9, 30 x 3 = 90 e 300 x 3= 900... Resolvemos sen moita dificultade. Tamén realizamos restas subindo.
Logo de educación física e do recreo escribimos na axenda e rematamos a carta que iniciaramos onte, así como decoración do sobre.
Na última hora comezamos un novo contexto.
Mércores 17 de abril.
Lectura científica. Comezamos un novo libro titulado "¿Por qué no? 1111 respuestas a casi todo". A pregunta de hoxe foi "Por que as aves non se caen das árbores cando durmen". Logo de escoitar varias hipóteses lemos a resposta científica, que tiña relación cos pés de catro dedos das aves. Tamén lemos curiosidades sobre a cola dalgúns animais.
Escribimos un ditado, onde o obxectivo principal era recordar a norma ortográfica de m antes de b e p. Prestamos especial atención á letra e á ortografía. Corriximos.
Circuito matemático:
Estación 1.- Concepto de multiplicación. Collemos unha tarxeta flash cunha multiplicación, montamos con grupos de landras, metendo "diamantes" en caixóns e coa táboa de multiplicación Montessori. Contamos e comprobamos resultados.
Estación 2.- Horas. A través dun xogo de ordenador practicamos as horas e punto, e cuarto, e media.
Estación 3.- Lóxica. Propostas de lóxica feitas pola profe Rosana axudándose dos materiais de Logic Case. Unha parte do grupo busca unha resposta a unha pregunta, e outra parte do grupo á inversa.
Estación 4.- Viso-espacial. A través dunhas plantillas plastificadas, realizamos laberintos, buscamos diferenzas, trazamos figuras, simetrías... para traballar a atención e orientación.
Logo de inglés e do recreo, escribimos na axenda algo que aprenderamos durante o día. Logo escoitamos a lectura do conto titulado "A carta" de "Sapo y Sepo" (Arnold Lobel). Sepo estaba moi triste porque non recibía nunca cartas, entón Sapo decidiu escribirlle unha e enviarlla para que mellorara o seu ánimo. A proposta de escrita foi redactar unha carta para podela botar no buzón de alguén próximo (mañá continuaremos).
Acudimos ao noso contexto (último día no contexto actual).
Estación 1: concepto de multiplicación.
Estación 2: horas.
Estación 3: Lóxica.
Estación 4: Viso-espacial.
Martes 16 de abril.
Lectura por parte da profe de varios poemas do libro "Palabras brancas" de Elvira Riveiro. Todos eles teñen algo en común: só se utiliza a vogal a. Gustounos moito a súa sonoridade!
Continuamos coas rutinas, esta vez guiadas por Adam. Escribimos a data e repasamos as series temporais e de numeración habituais.
Mateo Piñeiro quixo compartir, proxectando fotos na pantalla, a súa experiencia na visita á Exposición Dinosauria Experiencie de Vilagarcía. Mostrounos os dinosauros robotizados que foi visitar e observamos as fotos con atención.
Continuamos cunha serie de 5 problemas de Quinzet. Resolvemos individualmente e compartimos estratexias de cálculo. Por exemplo, se quero sumar 9 + 4, podo romper o 4 nun 3 e un 1, así xa sumo o 9 +1 para ter o dez e sei que só me quedan 3 máis.
Logo de proxecto/relixión, educación física e o recreo, escribimos na axenda o que máis nos gustou facer no recreo. Tamén rematamos a actividade de escrita creativa relacionada co club iniciada onte. Logo fixemos unha lectura comprensiva onde tiñamos que deducir o final (e escribilo).
Na última sesión fomos ao noso contexto (seguimos sen cambio).
Luns 15 de abril.
Lectura da versión de contos en verso para nenos perversos de Roald Dalh, nesta ocasión de "Ricitos de oro".
Rutinas levadas a cabo por Virgi, dicíndonos a data e axudándonos a repasar os días da semana, meses, series de numeración e abecedario. Logo repartimos os encargos da semana.
Tempo de noticias. Como este fin de semana por fin foi soleado houbo numerosas intervencións e aventuras compartidas!
En mates centrámonos na numeración, buscando números anteriores e posteriores, ordenando de menor a maior e ao contrario... Tamén sumamos.
Logo de inglés e do recreo (que según parece non chegou a nada...), escribimos na axenda e tivemos un pouco de descanso mentras repartiamos as tarefas da semana. A continuación lemos dúas páxinas do club de lectura e comezamos a nova proposta de escrita relacionada co club. Tiñamos que inventarnos as características dun dos novos personaxes: ou ben de Auto ou de Caravana.
Na última sesión acudimos ao noso contexto.