Outubro 2
MARTES 31 DE OUTUBRO
Escoitamos a lectura de varios poemas que "montamos" ao azar no libro "Monstruos de cocina" de Mar Benegas.
As rutinas foron guiadas por Lucas, quen nos dixo a data, muros e series de numeración.
Prestamos moita atención á exposición oral de Lucas, a quen lle gustaría viaxar a Madrid. A través dun mapa mental debuxado e acompañado de fotografías e pequenos textos, foi falando de cada un dos puntos do guión. Ao rematar, fixemos a valoración personal da exposición.
Ilustramos un "monstruo de cocina" logo de escoitar a lectura do poema tres veces.
Realizamos unha serie de problemas Quinzet individualmente e corriximos.
Logo de relixión/proxecto, educación física e recreo, saeu o sol!!! Aproveitamos para facer a masa de sal no exterior e rematar de construir os ósos para a nosa instalación do Samaín. Os que xa fixeran a masa días atrás tiveron máis tempo de recreo.
Na última hora, tivemos a segunda sesión do contexto de ciencias actual.
LUNS 30 DE OUTUBRO
Escoitamos a lectura de varios relatos de "Minimalario" de Pinto e Chinto: un león que se está quedando calvo, unha hiena que tivo que recuperar a risa, un verme que caeu dunha árbore, un gato ao que tiñan que rescatar os bombeiros...
As rutinas foron guiadas por Enzo, quen nos dixo a data e axudou a repasar días da semana, meses, series de numeración e abecedario.
Voluntariamente contamos as noticias do fin de semana ou ensinamos algo especial aos compañeiros e compañeiras.
Continuamos con traballo individual de matemáticas. Interpretación dunha gráfica de barras, simetrías e sumas.
Logo de inglés e do recreo, lemos individualmente e repartimos as tarefas para casa. A lectura inicial foi dos libros da clase, logo tivemos unha lectura comprensiva onde tiñamos que averiguar de que parte do corpo se trataba en cada caso.
Na última hora iniciamos un novo contexto, cambiando de profe e quedando co mesmo durante as vindeiras dúas semanas.
VENRES 27 DE OUTUBRO
Comezamos a mañá escoitando a lectura do conto "A verdadeira riqueza" (de Eloy Moreno). Falamos sobre o que nos quería ensinar o mesmo.
Gravamos e enviamos a Monse un pequeniño vídeo de despedida e felicitación pola súa xubilación.
Lucca realizou a súa exposición oral. Gustaríalle ir a México! Foi proxectando na pantalla e explicando os diferentes puntos do guión. Ao rematar, entre todos, fixemos a nosa valoración personal.
Fixemos intercambio de libros na biblioteca, tarefa que nos levou moito máis tempo do previsto.
Tiñamos tres estacións preparadas para o día, pero como quedaba pouco tempo para música cando chegamos a clase, organizámonos facendo neste tramo todos a estación máis curta: un sudoku sobre o Samaín.
Logo de música e do recreo, foi o sorteo das mochilas viaxeiras. Tocoulle a Tomás!
Organizamos as outras dúas estacións que faltaban dividíndonos en dous grupos:
Estación 1: Facemos ósos para unha instalación do Samaín sobre o neno caníbal. Para elo, lemos primeiro a receita da masa de sal e imos paso a paso. No remate, amasamos como se fora plastilina e modelamos ósos diferentes
Estación 2: Xogo de mesa "Times up". Un xogo no que hai tres rondas coa selección de 30 palabras. Na primeira ronda, temos que explicar o significado e os demais intentar averigualo. Na segunda ronda só dicir unha palabra. Na terceira só facer xestos ou onomatopeias.
Só deu tempo a pasar por unha estación. O luns faremos os ósos os que non poidemos facelos hoxe. Foi un día de moitos nervios e inquietude en clase, dende primeira hora ata a última (noite de tormenta, moitos días de chuvia, venres cerca do samaín, o tipo de actividades propostas..., unha mestura de todo... non sei, pero había tensión...). Iso fixo que o ritmo fora máis lento.
Nos últimos 15 minutos intentamos relaxarnos debuxando unha mandala do Samaín.
Para rematar a xornada fomos cantar coa a comunidade escolar. Foi realmente emocionante escoitar ao grupo de pais/nais tocando e cantando! Noraboa!
A mochila tocoulle a ... Tomás!
XOVES 26 DE OUTUBRO
Adiviñas sobre animais e prantas do bosque. Non foron doadas! De todos os xeitos fomos acertándolas todas.
As rutinas foron guiadas por Hugo, quen nos dixo a data e axudou coa cantiga dos días da semana, meses, series de numeración (para atrás dende o 20, de 2 en 2, de 5 en 5, de 10 en 10, de 100 en 100), muros do 5 e do 10 e abecedario.
Colocámonos en "modo teatro" para escoitar con moita atención a exposición oral de Hugo. Gustaríalle viaxar ao Polo Norte! Foinos dando as ganas a todos de estar alí con todas as fotos proxectadas na pantalla e explicacións que preparou. Ao rematar realizamos entre todos a valoración personal da exposición.
Continuamos con problemas da serie Quinzet. A profe le dúas veces o problema e, logo de pensar e calcular, escribimos o resultado no caderno de matemáticas. O que nos resultou máis difícil hoxe foi: "Se somos 6 amigos e tomamos media mazá cada un, cantas mazás tomamos entre os 6?"
Realizamos cálculo individual. A maioría aínda tiñamos que rematar os cálculos de "Canto me falta para chegar a...." (facendo sempre unha parada no 10). Axudámonos das regletas e da recta numérica para resolvelos. A unha gran parte da clase tamén lle deu tempo a realizar sumas en vertical (empezando polos centos, deces e uns).
Logo de educación física e dun recreo un pouco "revolto", fixemos lectura individual e algunha reunión informal para resolver malentendidos do recreo. Ao rematar comezamos a escribir un conto de medo inventado entre toda a clase.
Na última sesión rematamos o noso contexto actual. A partir do luns cambiaremos de actividade e de profe.
MÉRCORES 25 DE OUTUBRO
Lectura científica. A pregunta que nos fixemos hoxe foi: "Por que o océano é salgado?". Houbo moitas hipóteses, facendo referencia á vida dos animais do mar, ás rochas e minerais que están ao lado do mar... Logo lemos a resposta científica (na fotografía de máis abaixo) e algunhas curiosidades máis, como que o Mar Morto ten 10 veces máis sal que os demais mares, que flotamos mellor canta máis sal teña a auga, etc.
A continuación Ruy realizou a súa exposición oral sobre o lugar a onde lle gustaría viaxar. Escolleu Sudáfrica! Acompañou a súa exposición dunha bandeira do país, un libro-atlas e un diario de viaxe, onde tiña fotos e escritas ideas dos plans que lle gustaría realizar cada día da viaxe. Ao rematar fixemos a nosa valoración personal.
Explicación de mates para chegar dun número a outro buscando o 10. Non resultou doado e aínda en moitos casos está en proceso de comprensión. Para chegar dun número a outro, o luns practicamos facelo cos dedos (retendo un número na cabeza e contando ata o número ata o que temos que chegar). Hoxe intentamos facelo mentalmente. Para elo, primeiro buscamos o amigo do 10 e logo o que nos falta. Por exemplo: Se estou no 7, canto me falta para chegar ao 13? Primeiro me faltan 3 para chegar ao 10 e logo outros 3 para chegar ao 13, 3 +3 = 6. Seguiremos traballando porque é un adianto do que serán as restas subindo (as restas con levadas).
Realizamos unha ficha (que non todos rematamos) individual para aplicar o aprendido (axudándonos das regletas e tamén da mesa da profe que non daba máis de si:-).
Circuito matemático:
Estación 1: Cálculo mental. Practicamos esta nova estratexia de Canto me falta para chegar a...? axudándonos das regletas e da recta numérica. Apoiou esta estación a profe Rosana.
Estación 2: Lóxica. Dados 4 atributos (mesturados negativos e positivos) tiñamos que buscar os bloques lóxicos que reuniran todas esas condicións.
Estación 3: Sacos de Paco con cartos. Sacos con billetes e moedas onde tiñamos que calcular primeiro os centos, logo os deces e por último as monedas de euro. Sumar todo e escribir resultado.
Estación 4: Xeometría con xeoplanos. Dadas unhas figuras, tiñamos que reproducilas con gomas no noso xeoplano.
Pasamos só por dúas estacións para así pararnos con máis calma en cada unha delas. Para o mércores que vén serán as mesmas estacións pero faremos as outras dúas que non nos deu tempo hoxe.
Logo de inglés e do recreo, lemos 10 minutos de forma individual e silenciosa e tivemos a nosa sesión de filosofía na zona das follas. Volvemos escoitar con atención o capítulo da sorpresa do libro de "Pepe y Felisa". O plan de discusión de hoxe xirou en torno as actividades da clase. A primeira pregunta foi: Felisa estaba moi nerviosa en clase... Ti cando te atopas ou atopaches nervioso na escola? A outra pregunta foi: Que momentos da clase che parecen máis aburridos?
Logo da asamblea de filosofía tivemos 15 minutos un pouquiño libres, podendo escoller entre escribir notiñas para o buzón, ler, rematar algunha ficha atrasada ou rematar a catrina.
En contextos estamos rematando con este grupo, ultimando todo porque mañá é a última sesión antes de cambiar de profe.
Estación 1. Canto me falta para chegar a...?
Estación 2: lóxica matemática.
Estación 3: Sacos de Paco con cartos.
Estación 4: xeoplanos.
Lectura individual despois do recreo
Filosofía na zona das follas
Contexto do corpo humano
MARTES 24 DE OUTUBRO
Escoitamos a lectura de tres poemas de Antonio García Teijeiro do libro "Paseniño, paseniño".
Olivia levou a cabo as rutinas, dicíndonos a data, calculando a diferenza de temperatura interior con respecto á exterior, e repasando con todos os días da semana, meses, muro do 5, muro do 10, series de números para atrás dende o 20, de 2 en 2, de 5 en 5, de 10 en 10, de 100 en 100 e abecedario.
Olivia tamén fixo a primeira exposición oral do curso! A ela gustaríalle viaxar a París. Explicou, axudándose dunha presentación con diapositivas, todos os puntos do guión con detalle. Ao rematar fixemos a nosa valoración personal da exposición.
Ilustramos a poesía "Una mona a la moda", logo de escoitar a lectura por parte da profe.
Realizamos cinco problemas da serie quinzet. O primeiro, despistounos un pouco. Dicía: "Se tés 12 céntimos e gastas 8 céntimos nun caramelo. Cantos cartos gastaches?"
Comezamos a aprender a canción "O neno caníbal".
Logo de recreo, fixemos club de lectura. De momento co libro que le a profe de Ledicia Costas titulado "Conexión macarrón". Xa sabemos que lle pasou ao señor fúnebre no ascensor... Nada máis darlle ao botón, saéronlle luces brancas dos ollos! Espe pensou que estaba claro que era un extraterrestre e intenta ser hospitalaria con el. Entre ela e Rino regálanlle dous escorredoiros e dúas escumadeiras porque pensan que poden facer de sombreiros para os extraterrestres, dado que así poden sacar as antenas polos buracos se o colocan como casco.
En círculo, intentamos pensar que podía ser un escorredoiro ademais de servirnos para escorrer a pasta. Saeron un montón de propostas: casco para xogar aos cabaleiros, unha maceta, unha bañeira para monecas, unha ducha, unha fonte, un bebedeiro para mascotas... Logo escribimos as nosas ideas nunha ficha preparada para este fin. Tamén escribimos unha frase que aparecía no final do capítulo sobre o que significa a amistade (neste caso, a intención era mellorar a letra).
Fomos ao noso contexto científico coa profe correspondente.
LUNS 23 DE OUTUBRO
Escoitamos algúns dos minicontos da autoría de Pinto & Chinto recollidos no libro "Minimalario": un tigre moi flaco, unha rá que choraba por todo, un cabalo que se atopou cun cabaliño de mar...
As rutinas foron guiadas por Enzo. Díxonos a data e xunto a el repasamos os días da semana, meses, números para atrás dende o 20, muro do 5, muro do 10, sumas dobles, series de 5 en 5, de 10 en 10, de 100 en 100 e abecedario.
A necesidade básica que traballamos hoxe foi a necesidade de movemento. Cada un, nun círculo proactivo, comentamos algún momento no que necesitabamos movernos (e non podiamos pola circunstancia). Nalgúns casos esta necesidade ocorre moi a miúdo, noutros menos... O importante de coñecer estas necesidades básicas é recoñecer no momento o motivo que nos causa malestar (que soe ser unha necesidade básica non cuberta).
Tamén tivemos tempo para noticias e para ensinar e compartir cos demais os nosos "tesouros".
En matemáticas continuamos traballando a descomposición dos números que pasan a centena. Tamén as sumas que pasan de 10 intentando facelas mentalmente e buscando o 10, e canto falta para chegar a un número (algúns nenos/as resolven buscando o 10 e outros/as, de momento, contando cos dedos). Este pequeno exercicio de buscar canto me falta para chegar a outro número é un adianto para as chamadas restas subindo ou restas sumando.
Logo do recreo tivemos un pequeno tempo de lectura individual. Máis tarde realizamos unha ficha onde o obxectivo fundamental era facer boa letra en minúsculas. Tomámonos o noso tempo para intentar facelo o mellor posible. Será obxectivo deste curso escribir cunha boa caligrafía en letras minúsculas coa máxima soltura posible. De vez en cando, realizaremos simplemente copias, ditados... onde teremos que poñer o esforzo na presentación, trazo e uso de letras minúsculas. O resultado de hoxe, en xeral, foi moi bo.
Na última sesión fomos co noso contexto (co mesmo profe que a semana pasada).
VENRES 20 DE OUTUBRO
Lectura en asamblea do conto de Eloy Moreno: "A ra e o escorpión". Unha ra que axuda a todos os animais a cruzar un lago, vése comprometida a levar a un escorpión...
Día na biblio (estacións en imaxe máis abaixo). Este plan en biblio resultou moito mellor que o plan de traballo plantexado hai 2 semanas. Conseguimos facer 4 de 5 estacións, avanzando bastante a nivel autonomía. O comportamento na biblio e o nivel de compromiso coas tarefas propostas tamén mellorou.
Estación 1. Mini- conto en radio.
Estación 2. Arte.
Estación 3. Escrita creativa.
Estación 4. Construímos unha casa tenebrosa.
Estación 5. Pequena investigación sobre seres mitolóxicos.
XOVES 19 DE OUTUBRO
Adiviñas tecnolóxicas. Comezamos a mañá buscando solucións a catro adiviñas que tiñan como resposta un aparato tecnolóxico. Esta vez acertámolas con bastante facilidade.
As rutinas foron guiadas por Mateo Piñeiro, quen nos dixo a data e axudou a que calcularamos a diferenza de temperatura interior coa exterior, números para atrás dende o 20, muro do 5, muro do 10, números de 2 en 2 ata o 20, sumas dobles, números de 5 en 5, de 10 en 10, de 100 en 100 e abecedario.
En cada caderno resolvemos 5 problemas de Quinzet. Houbo varios do tipo... Se teño 4 euros, canto me falta para ter 12?... Corriximos entre todos e compartimos estratexias de resolución.
Tivemos tempo para o traballo individual de mates, realizando sumas en árbore con números que pasaban do 100.
Tamén de xeito individual realizamos expresión escrita axudándonos de secuencias temporais.
Logo de educación física e do recreo, lemos individualmente e algúns nenos/as foron ler coas profes.
Máis tarde, axudándonos do libro da "fábrica de contos" creamos e escribimos un conto entre todos. Escribímolo e ilustrámolo no noso caderno de expresión escrita. Por último inventamos pequenos contos coa mesma estructura: onde, quen, que fai, con qué. Por exemplo: Nun bosque unha bruxa voa coa súa vasoira.
No último tramo acudimos ao noso contexto.
MÉRCORES 18 DE OUTUBRO
Lectura científica. A pregunta sobre a que tivemos que facernos hipóteses foi: "Por que nos saen granos?" Logo de diferentes posibilidades que fomos aportando entre todos, lemos a resposta científica (foto da lectura máis abaixo). Tamén fixemos hipóteses sobre "Por que temos cera nos oídos?" e lemos a explicación científica.
Realizamos fichas que quedaban por rematar de matemáticas: sumas, gráficos, problemas, crucigramas numéricos...
Circuito matemático:
Estación 1: Sumas flash que pasan da decena (do tipo 7 + 8) para irnos familiarizando coa estratexia de buscar o 10. Nesta estratexia de cálculo mental teriamos que romper o 8 nun 3 (para formar o 10 xunto ao 7) e un 5, co cal fariamos 7 + 3 + 5 = 15. Fixémolo coa axuda dos colares de contas, que están repartidas de 10 en 10.
Estación 2: Xeometría. Montamos figuras co tangram. Tiñamos un modelo unicolor de figuras que tiñamos que intentar conseguir montar.
Estación 3: Horas. En punto, e media, e cuarto. Montamos no reloxo a hora que sae nun papel collido ao azar.
Estación 4: Lóxica. Clasificamos con 2 atributos negativos.
Na hora de ler compartimos os nosos escritos realizados a semana pasada na sesión de filosofía. Tiñamos que escribir un listado de sorpresas que para nós serían fantásticas e outro listado de sorpresas que non nos farían ningunha gracia... Lémolas e escoitamos as dos nosos/as compañeiros/as.
Unha vez rematada esta lectura en asamblea, fixemos unha lectura comprensiva individual.
No último tramo acudimos ao noso contexto, relacionado coas emocións (profe Laura), os sentidos (taller de radio do profe Diego) ou o corpo humano (profe Magoia).
Estación 1: Sumas con colares buscando o 10.
Estación 2: Xeometría. Tangram.
Estación 3: Horas (en punto, e media, e cuarto)
Estación 4: Lóxica. Clasificamos os bloques lóxicos tendo en conta dous atributos negativos.
Lemos escritos propios sobre as sorpresas.
Lectura comprensiva individual.
MARTES 17 DE OUTUBRO
Escoitamos a lectura por parte da profe de dous poemas de Antonio García Teijeiro do libro "Paseniño, paseniño". Gustounos moito un que levaba uns versos de Rosalía de Castro ao principio: "Non digo nada, pero vaia...!"
As rutinas do encargado foron guiadas por Bernardo. Díxonos a data e axudounos a repasar os días da semana, meses, números para atrás dende o 20, muro do 5, muro do 10, números de 2 en 2 ata o 20, sumas dobles, de 5 en 5 ata o 50, de 10 en 10 ata o 100, de 100 en 100 ata o 1000 e abecedario.
Realizamos individualmente as sumas cronometradas de cálculo mental, apuntando o tempo conseguido en cada caso.
Rematamos a ficha do gráfico de barras (no caso de non tela rematada onte).
Realizamos crucigramas numéricos (de momento con números ata o 100) de forma individual.
Logo de relixión/proxecto, educación física e recreo, na hora de ler escoitamos a lectura da profe doutro anaco do libro "Conexión macarrón" de Ledicia Costas. O señor do paraugas non parecía tan terrible como nos imaxinaramos a semana pasada! Presentouse, era o novo veciño do noveno piso. Foron camiñando con el cara a casa e, de súpeto, o seu chapeu deu varias voltas en círculo... O peor sucedeu cando subiron no ascensor... (Neste momento paramos a lectura...)
En círculo fomos suxerindo "Que puido suceder no ascensor?" Cada quen pensou e comentou a súa continuación da historia... Logo, individualmente escribímola intentando facelo en galego (e nalgúns casos en minúsculas).
Na última hora tivemos contextos.
LUNS 16 DE OUTUBRO
Escoitamos catro minirrelatos de animais do libro de Pinto&Chinto titulado "Minimalario". Unha galiña que puxera 6 ovos pero tivo 7 pitiños, un visón ao que lle salvou a vida temblar de medo ao ver ao cazador, unha lagartixa á que lle naceu un corpo partindo dun rabo... Historias sempre cheas de creatividade e que nos deixan sorprendid@s.
Continuamos coas rutinas, que foron guiadas por Pablo. Díxonos a data e axudounos a repasar os días da semana, meses, números para atrás dende o 20, muro do 5, muro do 10, números de 2 en 2 ata o 20, sumas dobles, números de 5 en 5 ata o 50, de 10 en 10 ata o 100, de 100 en 100 ata o 1000 e abecedario.
Repartimos os encargos da semana e falamos sobre unha nova necesidade básica: a necesidade de ser escoitados. Buscamos momentos onde necesitabamos que se nos escoitara pero por diferentes motivos non foi así, como nos sentimos nese momento... E situacións nas que nos damos conta de que non nos están escoitando porque se nos contesta con algo que non ten nada que ver...
Comezamos as noticias, pero axiña tivemos o cambio para a segunda sesión (de mates) e fixemos en equipo o traballo de numeración proposto. Montabamos un número con placas do 100 e regletas (tipo 345) e tiñamos que "rompelo" (descompoñelo) en centos, deces e uns. Logo escribiamos a suma que se nos formaba.
Tamén realizamos a interpretación dunha gráfica de barras sinxela, contestando ás preguntas que nos facían sobre a mesma.
Logo de inglés e do recreo, rematamos as noticias na hora de ler, tivemos tamén tempo para a lectura individual ou en parella e para o reparto das carpetas de tarefas para casa. Cambiamos o club de lectura que estaba previsto facer o luns para o martes (porque non nos daba tempo a todo).
Na última hora comezamos un novo contexto, cambiando de profe e de actividade.