REDEIRAS

REDEIRA


ANA RILO RODRÍGUEZ


As redeiras desenvolven un labor tradicional manual e altamente cualificado que se desenvolve desde a aparición das redes. As crónicas máis antigas sinalan que nas súas orixes a reparación e confección de redes era un traballo realizado exclusivamente polos propios mariñeiros; eles mesmos as reparaban en navegación, despois de finalizada a manobra, e no caso de que a avaría fora grande, trataban de reparalas en terra. Porén, paseniñamente, as mulleres comezaron a situarse no oficio e hoxe en día trátase dun oficio feminizado, e só se aprecia unha maior presenza masculina en zonas onde se traballa con artes de gran tamaño e moi pesadas, coma o arrastre.


O traballo das redeiras [das máis de 800 que hai en España, 700 son galegas] é imprescindible para que os barcos poidan faenar, mais non foi ata 2009 cando conseguiu ser recoñecido como unha actividade profesional! E foi grazas á loita destas mulleres, que ata non hai moito viñan realizando os seus labores no porto, no propio peirao e á intemperie.


Durante moito tempo o labor deste colectivo de profesionais que conforma as redeiras resultaba descoñecido para moita xente, pouco visible e minusvalorado; na actualidade empézase a recoñecer o seu importante labor grazas á loita das propias redeiras pola defensa dos seus dereitos e intereses. Precisamente, grazas a esta loita deste colectivo conseguiuse que 2009 se establecese esta actividade dentro da Familia Profesional Marítimo Pesqueira, co correspondente certificado de profesionalidade que recolle a “actividade de confección e mantemento de artes e aparellos”.


A xornada laboral é de oito horas, normalmente de 9 a 13:00 e de 15 a 19:00, se ben, en moitas ocasións, teñen que traballar ata a completa reparación das redes para que o barco poida saír faenar e evitar a perda de ingresos dos mariñeiros. Cada tipo de rede ten un modo de confección diferente e estas artesás son capaces de dominar todas as técnicas para a confección, montaxe de artes e aparellos de pesca, a súa modificación e a súa reparación ou mantemento. Traballan con redes de aceiro e artes menores como “miños”, “vetas”, “trasmallos”, “volantas” ou “boliches”.


Tradicionalmente viñan realizando os seus labores no porto, no propio peirao e á intemperie. Hoxe, na maior parte dos portos onde traballan, dispoñen de naves onde poder desenvolver nunhas mínimas condicións de habitabilidade o seu labor profesional.