LEITEIRAS

LEITEIRAS


MAR HERMIDA PICO


Os camiños que unían o rural e o urbano eran transitados por aquelas persoas que desde o rural se desprazaban á cidade para o subministro daqueles produtos máis necesarios e escasos.

Un dos bens máis apreciados era o leite da casa. As leiteiras percorrían a diario a distancia entre a súa parroquia e a cidade cargadas cos bidóns do leite. Normalmente facían o camiño en grupo; unha vez na vila ou cidade separábanse para ir cada unha á súa área de repartición para despois volverse xuntar e facer xuntas o camiño de volta.

Moitas comezaban na mocidade, en moitas ocasións porque tiñan algunha parente que xa traballaba no oficio. Para ser leiteira había que buscar a clientela. Primeiro, había que conseguir que as persoas que querían levar o leite a vender llo confiasen. Despois, era preciso buscar persoas que o quixesen mercar. No caso das mozas que herdaban o oficio dalgunha familiar, o máis frecuente é que seguise a facer a repartición nas mesmas condicións en que xa o viñan facendo anteriormente.

A pé, cun remolque ou, na mellor das sortes, axudadas por unha burra eran as formas máis habituais de desprazamento. Ir a pé implicaba levar unha lata dunha capacidade algo superior aos 20 litros na cabeza e outra pequena colgada na man coa medida. Cando levaban o remolque, podían levar máis cantidade pero as propias leiteiras eran a forza de tiro e había que puxar por el costa arriba e evitar que escapase costa abaixo. No momento en que se pensaba manter o oficio durante algo de tempo valorábase a posibilidade de comprar unha burra. O animal levaba a mercadoría e as leiteiras seguían desprazándose a pé.

Unha vez no lugar de destino, botaban o leite do bidón para as latas e coas latas na cabeza ían para as primeiras casas. O obxectivo era xuntar o número de fogares o suficientemente elevado para poder vender todo o leite transportado.