QUEIXEIRAS

QUEIXEIRAS


ANA I. MARTÍNEZ FERNÁNDEZ


Xa no século I d. C. Plinio fala duns saborosos queixos da Gallaecia aos que el chama "mamulas lactem" (mamilas de leite). Con todo, hai teorías que aseguran que este queixo procede dun convento de monxas do século XI, aínda que o que si está claro, é que Galicia sempre foi terra gandeira e que os pastores de vaca Rubia Galega, dispuñan de leite suficiente para a elaboración de queixo. O teto, era típica da parte leste da Coruña, que limitaba con Lugo, nos concellos de Curtis, Arzúa, Mellde ou Vilasantar. Coa festa do queixo, este tipo de queixo, do mesmo xeito que outros tipos de Galicia, foron cobrando forza e protagonismo. A historia deste queixo coincide coa do da Ulloa.

Facer os queixos era un labor exclusivo das mulleres da casa. O queixo era froito do traballo familiar, en contextos claramente preindustriaIs como sempre se fixera. As mulleres eran as artesás e seguían procedementos transmitidos de xeración en xeración e despois íanos vender ás feiras.

No Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago, podemos observar a famosa escena na que Daniel (Danieliño para os galegos) sorrí á raíña Esther (fronte a el), aínda que algúns cren que a figura representa á raíña de Saba. As autoridades eclesiásticas, escandalizadas polas amplas formas de Esther e pola pícara mirada de Daniel, ordenaron reducir o tamaño dos peitos da raíña.

Di a crenza popular, convertida xa en lenda, que o pobo galego, para protestar pola decisión do bispo, decidiu dar a algúns dos seus queixos a forma de teto que teñen actualmente. Así restituían a Esther os atributos perdidos. Desde entón os queixos de tetilla son un sinal máis de identidade en Galicia e os mutilados peitos de Esther, unha lenda que se conta en voz baixa aos visitantes da Catedral.