PEIXEIRAS

PEIXEIRA


YOLANDA GONDELL DELGADO


Ao longo dos tempos foise forxando unha imaxe épica do pescador varón -veraz, pero incompleta-, presentado como protagonista exclusivo que arriscaba a vida con afouteza na captura do peixe, tendo que afrontar terribles temporais. A isto contrapúñase a representación prosaica das mulleres como simples auxiliares: carrexonas, redeiras, mariscadoras e pouco máis. Elas estaban aí, na retagarda, reflectidas na consabida estampa da agarda, vivindo con impaciencia e temor o regreso dos seus homes. Ollábase a estas mulleres como figurantes nun teatro en penumbra, ás que ninguén concedía maior importancia. Pouco visibles na súa condición de traballadoras, elas tamén vencelladas ao mar, mais case desapercibidas.

Só moi recentemente comezouse a recoñecer a aportación verdadeiramente relevante das mulleres ao sector pesqueiro, realizada dende praias, portos e mercados, milleiros de esforzadas mulleres que arranxaron as redes, limparon, axeitaron e comercializaron o peixe.

No espazo litoral, as mulleres, ademais de ocuparse da casa e atender os fillos, adoitaban ter que coidar dunha horta e alimentar os animais domésticos: un porquiño e unhas galiñas. Pero sobre todo aplicábanse en arduas actividades vencelladas á pesca, como redeiras, carrexonas, espichadoras, peixeiras, mariscadoras... E, asemade, como percebeiras, faena pouco visibilizada. A imaxe tópica é a dun home nas rochas afrontando -de novo a épica!- o estoupido das ondas. Unha delas manifestaba que nos nosos días ían faenar con botas e traxes de neopreno, pero había que imaxinar as súas avoas, que apañaban o percebe con saias e alpargatas.