MARISCADORAS

MARISCADORA


MATILDE MOSQUERA LENDOIRO


As mariscadoras son as que teñen por oficio coller mariscos. O marisqueo defínese como “a modalidade de pesca consistente na actividade extractiva dirixida á captura de animais invertebrados mariños susceptibles de comercialización para o consumo”. As especies máis colleitadas son a ameixa e o berberecho, seguidas do percebe.

As mariscadoras ocuparon, en maior ou menor medida, unha posición secundaria no sector pesqueiro. Considerábase o marisqueo como unha actividade marxinal, que permitía uns ingresos mínimos que axudaban na casa, sen pretender un salario digno e sen intención de considerar o marisqueo unha profesión.

As unidades de produción do marisqueo son as agrupacións de mariscadoras, non os individuos. As agrupacións encárganse da dirección, xestión e control dos recursos. Dependen dunha zona costeira estreita segundo a xeografía e a ecoloxía, e fráxil e, en Galicia, sempre en risco de contaminación pola falta de medidas de prevención e protección axeitadas.

En Galicia, hai unha relación histórica co mar, e as mulleres da costa participan na actividade pesqueira con gran importancia socioeconómica. Interveñen en toda a cadea de produción, desde a extracción até a comercialización: pescan, transforman, venden e transmiten coñecemento.

Logrouse pasar da invisibilidade ao recoñecemento; unha historia sobre a coxestión e a importancia do diálogo entre a cidadanía e os poderes públicos; unha historia de confianza mutua e solidariedade entre mulleres; unha historia sobre as posibilidades do desenvolvemento sostible,… , a mellor mostra da capacidade feminina de superación e transformación colectiva… en Galicia, hai xa uns anos, as mariscadoras a pé protagonizaron unha auténtica revolución silenciosa.

Non é un proceso fácil o cultivo da ameixa fina. Hai que conseguir ameixa pequena, chamada semente, metela en bolsas para que non se dispersen, e vixiar o seu crecemento. No seu momento, sácanse das bolsas, límpanse e retíranse as sementes mortas. Cando teñen o tamaño axeitado, seméntanse na praia, preparada, limpa e libre de depredadores.

Para iso, hai que organizar o traballo, con quendas para meter as crías nas bolsas e seguir todo o proceso até a sementeira. Despois necesítase vixilancia para evitar o furtivismo, tanto externo como interno. E regulamentar a recollida da ameixa, con días de captura, cotas e fixando a talla á que se poden colleitar.