LAVANDEIRAS

LAVANDEIRA


MARGA FERNÁNDEZ IGLESIAS


Os lavadoiros eran espazos completamente femininos, punto de encontro e lugares de referencia no espazo urbano, mais, sobre todo foron un importante núcleo de sociabilidade feminina durante a primeira metade do século XX. Era o lugar de encontro das mulleres das clases populares que lavaban para a súa familia ou para a casa onde traballaban de criadas ou lavaban para moitas casas cobrando polo seu traballo. Nos lavadoiros, non raro, falábase dos problemas que padecían, sen nos esquecermos que eses lugares constituíron tamén un lugar privilexiado para a circulación da información nos barrios; partíllanse tempos, problemas e saberes.

Tiñan os lavadoiros un algo de escenarios liberadores en que as lavandeiras podían conversar, rir, cantar e mesmo fumar, a afianzaren vínculos de solidariedade e compañeirismo que até certo punto permitiron aliviar as penurias e sacrificios que enfrontaban na súa vida diaria. Desde sempre, existiu un vínculo especial entre as mulleres, nado dun espazo de experiencias compartidas, onde se intercambian coñecementos sobre a crianza, a sexualidade ou a organización da vida doméstica. Hoxe falamos de sororidade, dese vínculo para se recoñeceren e se defenderen unhas a outras da opresión. E nese sentido os lavadoiros teñen representado ese espazo e ese tempo para as relacións humanas, nunhas coordenadas que fuxían dos padróns de competitividade.