COSTUREIRAS

COSTUREIRA


PILAR SEOANE SÁNCHEZ


O oficio de costureira foi un dos máis populares da Galicia tradicional. Había costureiras ambulantes que ían polas casas "a mantido" recibindo ademais do xornal o almorzo, o xantar e a merenda. Outras desenvolvían o oficio no obradoiro fixo da súa casa, cobrando, como é lóxico, máis polo seu traballo.

O trebello máis importante do oficio é a máquina de coser, sobre todo a "máquina de man" máis liviá para levaren consigo polas casas. Tradicionalmente eran as encargadas de facer a roupa das mulleres e dos nenos así como a interior dos homes. Tamén facían camisas e confeccionaban outras moitas prendas de roupa necesarias para o fogar.

A renuncia que fan as costureiras dos traballos da terra para dedicarse a un oficio que non precisa tanto esforzo físico, e mesmo os beneficios que lles achega a mellor forma de vestir e a limpeza van provocar a idea dun certo "aseñoritamento" destas profesionais ao que fan referencia estas coplas: a boa costureira, queira ou non queira, sempre ten algo de sinoriteira.