A filosofía é sinxela pero potente: aproveitar o monte para recuperar unha raza autóctona, limpar o sotobosque e crear emprego nunha zona que sofre o despoboamento.
Este proxecto pioneiro non só se ergueu como un símbolo de recuperación dunha raza autóctona coma o Porco Celta, senón tamén como un motor de dinamización local, prevención de incendios e fixación de poboación nunha zona con tendencia a despoblarse.
Cerca que arrodea o monte
Zona de piñeiral
Cabana de control sanitario e sinfín.
Nun monte de 10 hectáreas, oito delas cercadas, manéxanse ao redor de cincuenta exemplares desta raza galega. O gando pasta libremente e recibe aloxamento temporal nunhas instalacións móbiles, sen cimentación, deseñadas para non impactar o solo, facilitando a mobilidade sen deixar pegada ningunha.
O penso distribúese por un sistema sinfín horizontal, complementado por placas solares que alimentan a bomba de auga, o peche eléctrico, o sistema de alimentación e un reforzo de alarma para chamar aos porcos ás tolvas.
Cochiqueras na zona de alimentación
Bebedeiros
Zona de alimentación e refuxo
A alimentación dos animais fundaméntase no silvopastoreo: herba, raíces, insectos, froitos silvestres e un suplemento nutricional de penso, que varía entre un e dous quilos diarios, adaptado ás estacións.
No verán, o bosque prodúcelles despensa natural; no inverno, refórzase a dieta para garantir a saúde e un crecemento óptimo. Todo isto sucede nunhas condicións de benestar animal moi por riba das normas de ecolóxico, cunha densidade de só cinco porcos por hectárea, mentres que a normativa permite ata quince.
A tecnoloxía tamén ten o seu espazo: cada exemplar leva un dispositivo de GPS para coñecer a súa localización, ademais de cámaras de vixilancia que permiten un control en tempo real. Asoporcel e o Centro de Investigación Agraria de Mabegondo supervisan a saúde dos leitóns e a implantación dos crotales, nun estudo que enmárcase no programa europeo LIFE-Silfore, co obxectivo de mellorar a resiliencia dos sistemas agroforestais e reducir o risco de incendios
A cría de porcos comeza coa compra leitóns, polo que antes de sair ao monte, pasan unha fase de adaptación en instalacións pechadas, para asegurarse de que están fortes e sans cando pasen á cría en estabulación libre.
O ciclo de cría comeza sempre en maio para evitar os meses máis fríos do ano. Así as temperaturas e a humidae estival favorece o desenvolvemento facendo que esteán listos para o Nadal, que é cando máis se consome esta carne.
A comercialización da carne de Porco Celta criada polo proxecto Forescelta, en Ribeira de Piquín, está a dar pasos firmes e ambiciosos. Actualmente, a carne véndese a unha empresa do municipio de A Fonsagrada, que se encarga de todo o proceso: sacrificio, despece e comercialización. Con todo, o futuro promete novas oportunidades para o Concello e para o propio proxecto. Na actualidade estase a traballar para que a comercialización pase a mans do propio Concello, pechando así o ciclo produtivo no territorio e aumentando o valor engadido do produto. Ademais, a recén aprobada ordenanza reguladora permite tamén a venda directa a particulares, un paso máis para consolidar a aposta agropecuaria e sostible de Ribeira de Piquín.
Nun momento en que Galicia busca reverter a perda de poboación do rural, Forescelta achega unha proposta viva: atrae xente nova, principalmente con ligazóns familiares á zona, ofrece formación, emprego e unha oportunidade de retorno.
Ribeira de Piquín, como outros concellos da contorna do río Eo, conta agora cun modelo replicable que combina recuperación de razas autóctonas, sostibilidade ambiental e viabilidade económica.