Ribeira de Piquín, un recuncho de indubidable valor paisaxístico no corazón da montaña luguesa, loita por manter vivas as súas raíces fronte ao desafío da España baleirada. É un lugar de beleza abraiante, co río Eo serpeando entre paisaxes únicas e un patrimonio rural que fala de historia e tradición. Pero, coma tantos outros lugares do interior, sente o peso do despoboamento, a preocupación polo envellecemento dos veciños e a mágoa polo abandono das terras fértiles deste concello.
A Fundación TerrEo nace da man do Concello de Ribeira de Piquín como un motor que busca dar pulo á economía local e crear oportunidades para que a xente nova quede a vivir alí. A través de proxectos innovadores e sostibles, está a recuperar tesouros esquecidos, sacando á luz a riqueza natural, produtiva e cultural do concello. Deste xeito, Ribeira de Piquín levanta a voz a través do seu alcalde Roberto Fernández Rico para reivindicarse como un exemplo de que o rural non só pode sobrevivir, senón tamén medrar con orgullo e futuro.
Na visita que realizou o grupo de 3º ESO o día 12 de maio, o alcalde respondeu ás nosas preguntas co fin de que comprenderamos o impacto que teñen as accións da Fundación TerrEo sobre a realidade e que fósemos quen de velas de primeira man.
Santalla
Río Eo
Chao do Pousadoiro
1. Cal é o obxectivo principal da Fundación TerrEo en Ribeira de Piquín?
O obxectivo principal da Fundación TerrEo é desenvolver proxectos que axuden a poñer en valor os recursos locais, que xeren emprego e contribúan a fixar poboación no concello de Ribeira de Piquín. A fundación, que depende do concello, céntrase en iniciativas que a pesar de non seren competencias municipais directas, teñen un gran impacto tanto económico como social dentro do concello.
2. Como xurdiu a iniciativa de desenvolver as tres actividades produtivas que neste momento acolle a Fundación TerrEo?
A iniciativa xurdiu como resposta ao problema de despoboamento que sufre Ribeira de Piquín, que pasou de ter 2.240 habitantes en 1935 a aproximadamente 495 no 2023. En aproximadamente 20 anos, Ribeira de Piquín perdeu máis do 40% da súa poboación. Ante esta situación, a fundación TerrEo decidiu impulsar proxectos produtivos que aproveiten os recursos naturais e fomenten o emprego local, co obxectivo de atraer e reter poboación no municipio e solucionar este problema. Foi o propio Concello quen en 2020 impulsou a creación da Fundación Municipal TerrEo, co obxectivo de xerar traballo local, aproveitar os recursos naturais da zona e dar unha nova vida a instalacións en desuso, centrada en tres proxectos fundametais como son:
A recuperación da piscifactoría de Santalla, para aproveitar a pureza das augas do río Eo e ofrecer un produto de calidade como a troita.
A plantación de kiwis no polígono agroforestal de Montefurado, como unha alternativa agrícola viable, adaptada ao clima e co potencial de crear unha marca de produto local.
A cría de Porco Celta dentro do proxecto Forescelta, como unha maneira de promover a economía circular a través da cría de porco celta en estabulación libre no monte.
Evolución do número de habitantes en Ribeira de Piquín desde 1940 ata 2024.
Roberto Fernández, alcalde de Ribeira de Piquín, explicando a produción de Kiwi en Monte Furado.
Abaixo, salto de auga nun caneiro no Eo.
3. Que apoio recibiu o proxecto por parte do Concello e outras entidades?
O proxecto recibiu o apoio inicial do Concello de Ribeira de Piquín, xa que nun principio financiou os primeiros proxectos da fundación. Ademais, a fundación busca continuamente financiamento doutras administracións como a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial, o Grupo de Desenvolvemento Rural para poder levar a cabo os proxectos. Polo tanto, a Fundación TerrEo adoita combinar varias fontes de financiamento, o que require unha estrutura administrativa moi forte e organizada.
4. Como contribúen estas actividades para fixar poboación no municipio?
As actividades contribúen a fixar poboación ao xerar emprego e poñer en valor os recursos locais. Diríxense principalmente a xente que marchou de Ribeira de Piquín e conserva vínculos co territorio, e tamén a novos poboadores, incluíndo migrantes ou persoas de cidades que buscan unha vida máis tranquila no rural. Os proxectos pretenden ofrecer oportunidades reais de traballo e vida no municipio, especialmente nos sectores agroalimentario e agropecuario, fundamentais para o futuro do rural galego.
A chegada de 51 mozos refuxiados procedentes de Mali e Senegal a Ribeira de Piquín en setembro de 2024 supuxo un incremento dun 10% na poboación deste pequeno concello da montaña luguesa? Grazas á colaboración entre o Concello, a ONG Rescate Internacional e a Fundación TerrEo, estes mozos non só están aprendendo o idioma e formándose en labores agrícolas, senón que tamén están a revitalizar as aldeas, nun territorio especialmente golpeado polo despoboamento.
5. Teñen previstas novas actividades ou ampliacións do proxecto?
A Fundación TerrEo enfrontou diversos retos significativos no desenvolvemento dos seus proxectos, especialmente no ámbito económico, burocrático e administrativo.
Desde o punto de vista económico, a posta en marcha de iniciativas como a recuperación da piscifactoría de Santalla requiriu investimentos considerables. A colaboración con entidades como a Deputación de Lugo foi esencial para financiar a adquisición de equipamentos e a contratación de persoal necesario para o funcionamento das instalacións.
En canto aos desafíos burocráticos, a fundación tivo que xestionar múltiples trámites ante distintas administracións para obter as autorizacións pertinentes. Por exemplo, no caso da piscifactoría, foi necesario coordinarse con diferentes organismos responsables da xestión da auga e da fauna piscícola, o que implicou un proceso administrativo complexo e prolongado.
Ademais, como entidade pública, a Fundación TerrEo está suxeita a normativas que esixen transparencia e concorrencia nas súas contratacións. Isto significa que calquera adquisición ou contratación debe realizarse mediante procesos públicos, nos que se presentan distintas ofertas e se selecciona a máis beneficiosa, o cal engade un nivel adicional de complexidade e tempo ás operacións da fundación.
6. Teñen previstas novas actividades ou ampliacións do proxecto?
En canto ás futuras iniciativas, a fundación ten previstas varias ampliacións. Entre elas, destaca a creación dun centro de transformación agroalimentaria vinculado á produción de kiwis en Montefurado, así como a rehabilitación dunha antiga escola fronte ao concello para establecer un centro de asesoramento e formación agropecuaria. Ademais, está en proxecto a construción dunha nova planta de produción acuícola preto de Chao de Ponferreiro, cunha capacidade estimada de 250 toneladas de troita, ampliando así a produción actual da piscifactoría de Santalla.
Imaxe do Chao de Ponferreiro onde se situará a nova piscifactoría.
7. Que estratexias teñen para asegurar a sustentabilidade a longo prazo destas actividades?
Para asegurar a sustentabilidade a longo prazo, a Fundación TerrEo, ademais de apostar por programas de formación e talleres para a comunidade, destacando as prácticas sostibles e a importancia de valorizar os recursos locais, tamén establece alianzas con entidades e busca fontes diversas de financiamento, como subvencións e axudas públicas, ademais dos ingresos xerados polas súas propias actividades para asegurar a continuidade económica dos proxectos. Por outro lado, promove a comercialización de produtos locais e a creación de emprego, mentres implica á poboación local en todo o proceso. Tamén avalía regularmente os seus proxectos para adaptalos ás novas necesidades, garantindo así a continuidade e a evolución das actividades no tempo.
8. Como percibe a comunidade local o impacto da Fundación e as súas iniciativas?
A comunidade local percibe o impacto da Fundación TerrEo de maneira positiva e colaborativa. As veciñas e veciños, cuxa terra está directamente vinculada aos proxectos (coma as dez hectáreas alugadas por cinco mil euros anuais a unha comunidade de montes), ven un beneficio directo a través deses alugueiros e tamén a través das novas oportunidades de emprego que se xeran. Ademais, valoran o traballo da fundación para dar un novo valor ás actividades agrogandeiras e para fortalecer a economía local. Desde o comezo houbo unha colaboración estreita, coa certeza de que o éxito da fundación tamén significa unha mellora para as súas vidas e a súa contorna.