Mediante unha entrevista realizada a Nuria Garaboa Carro, responsable de Calidade e I+D+i da Casa Grande de Xanceda, o alumnado afondou nos aspectos máis salientables relacionados cos procedementos de control de calidade, capacitación do persoal, rastrexabilidade e etiquetado, así como a retroalimentación do cliente. O grupo de entrevistadores fórmano Cayetana Fernández, Lucía Pereira, Laura Freire e Diego Núñez.
Nuria Garaboa Carro
Responsable de Calidade e I+D+i
Cal é a orixe da materia prima utilizada na elaboración dos produtos lácteos de Xanceda e como se garante a súa calidade?
A materia prima base dos nosos produtos é o leite, que vén da nosa granxa e aínda que inicialmente só transformabamos o leite da nosa granxa, agora tamén o facemos doutras seis granxas socias que producen leite para nós. Con respecto á segunda parte da pregunta, garantimos a nosa calidade cos controis diarios, tanto microbiolóxicos como fisico-químicos; ademais das analíticas que realizamos aquí, tamén se fai a través do Laboratorio Interprofesional do Leite de Galicia (LIGAL). O leite está controlado día a día para que a súa calidade sexa adecuada.
Que medidas toma Xanceda para garantir a calidade nutricional do leite?
Todo o leite, desde o materno ata o de vaca, ovella, cabra, ..., todo é san. Os ácidos graxos do leite son moi beneficiosos, hai moito omega-3. Nós facemos lácteos enteiros, con toda a graxa que trae o leite, e tamén facemos lácteos desnatados, pero sen engadir natas, espesantes... Os nosos iogures son do máis natural, é sinxelamente leite con fermentos que se transforma en iogur.
Ademais, cando facemos iogures enfocados ao mundo infantil, cumprimos uns parámetros nutricionais enfocados ao desenvolvemento saudable dos nenos.
Os nosos iogures son do máis natural, é sinxelamente leite con fermentos que se transforma en iogur.
Que tipo de fermentos usan para a fabricación dos diferentes produtos? Onde obteñen eses fermentos inicialmente para que a producion sexa ecolóxica?
Dependendo de cada tipo de produto, o fermento é distinto. Cando elaboramos iogur, o fermento son Lactobacillus bulgaricus e Streptococcus thermophilus. Só a combinación deses dous cultivos pode denominarse iogur. Se a maiores leva algo máis, como por exemplo, Bífidus, Kefir ou L.casei, xa non se pode denominar iogur. A lexislacion define estes produtos como leite fermentado.
O kéfir leva outros doce cultivos vivos diferentes, por iso é kéfir 14. O L.casei leva os dous fermentos do iogur e a maiores L.casei e os bífidos levan unha cepa de Bifidobacterium. Os junior levan una cepa LGG, que é unha cepa de bífidos que están orientados ao sistema inmunitario infantil.
Temos unha ampla gama de fermentos en función do tipo de iogur. Son fermentos que compramos nun laboratorio produtor de fermentos e veñen conxelados ou liofilizados, os cales dosificamos segundo o produto que vaiamos elaborar.
Que medidas se toman para garantir a frescura e a conservación dos produtos lácteos de Xanceda desde a produción ata a súa chegada ao consumidor final?
Os nosos produtos son ecolóxicos, co cal non teñen ningún tipo de conservante, só levan leite, fermentos e no caso dos de froita, froita. Isto fai que a vida útil do produto sexa moi curta. De todos modos, o iogur é un produto moi estable porque hai fermentos, entón se tedes a data de caducidade / consumo de 25 de marzo e estades no 26 ou no 27, mirando o estado do iogur, o que lle pode pasar é que se inche a tapa, ou que estea un pouco ácedo e que non vós guste, pero microbioloxicamente vai ser estable.
Para garantir a conservación ata a chegada ao consumidor final, facemos un estudo de vida útil para determinar o rango activo de consumo, vixiamos a cadea de frío durante o seu almacenamento e transporte para que o produto estea sempre á temperatura adecuada, garantindo as condicións de frescura e conservación de todos os produtos.
Os nosos produtos son ecolóxicos, co cal non teñen ningun tipo de conservante, só levan leite e fermentos.
Que procesos de control de calidade se implementan desde a produción ata a distribución dos produtos de Xanceda?
En función de cada produto final facemos diferentes tipos de análises: diarios, semanais e trimestrais. Analízase todo: aspectos microbióticos, físico-químicos, organolépticos, presenza dos contaminantes que marca a lexislacion, incluíndo os que son para público en xeral e especificamente os infantís, xa que teñen unha lexislación específica que se chama babyfoods, a cal é mais restritiva por exemplo en cloratos, chumbo e outros elementos.
Como se asegura a rastrexabilidade nos produtos de Xanceda para garantir a súa calidade?
Cada produto fabricado ten que garantir a súa trazabilidade: a tapa, o vaso, o leite, o persoal, a maquinaria, a temperatura, o cliente ao que foi...; todo está moi controlado. O albarán permite dar unha resposta no caso de que apareza algunha emerxencia.
Como se xestionan e resolven as posibles reclamacións ou incidencias, no caso de habelas, relacionadas coa calidade dos produtos de Xanceda?
Hai un departamento onde chegan as queixas, as incidencias e eles rebótanas a calidade. Alí mírase con que leite se fabricou, con que iogur. Sempre se ten unha unidade en retención que se chama mostreoteca e con esas unidades pódese investigar cal foi o problema: se a cadea de frío, o supermercado, o cliente,... A mostreoteca tense ata o fin da vida útil do produto. No caso dos xeados, como a súa vida útil é máis longa, pódese ter durante máis tempo en mostreoteca.
Que certificación de calidade posúe a Casa Grande de Xanceda e como contribúen á confianza do consumidor nos seus produtos?
Temos unha certificación de calidade que se chama IFS GLOBAL MARKETS. É unha certificación de calidade bastante potente que vén esixida polas grandes cadeas: Carrefour, O Corte Inglés, Eroski, Gadis… Este selo avala que tes un produto de calidade, certificado e controlado. Que achega ás grandes cadeas este selo ISO? A seguridade de que hai un auditor que te vén vixiar con regularidade, polo que o que lles achega é confianza no produto.
E temos a certificación de ecolóxico tamén, loxicamente.
Tedes algún premio neste eido?
Sí. Déronnos un selo Líder en Calidade no Sector de Alimentación no 2018 e selo de calidade Spin-Off PuntoGal no 2022, Alimentos de España no 2013, entre outros.
Como se involucra o persoal de Xanceda no control de calidade dos produtos e na mellora continua dos procesos?
Pois no noso caso, temos tres valores de empresa. O primeiro valor é a calidade. Así pois, desde a alta dirección da empresa foméntase que a calidade é o máis importante aquí. Temos que dar un produto de calidade, un servizo de calidade, unha atención de calidade, e polo tanto o persoal, que estea cen por cen involucrado, sabemos que é o noso piar base, polo que o traballamos a través de formacións, de cursos, de traballo diario para que todo o mundo estea involucrado na calidade do produto. E os outros dous valores son a responsabilidade social e a prevención.
Que estratexias ten Xanceda para innovar e diversificar a súa liña de produtos lácteos, mantendo a calidade e a autenticidade dos seus produtos tradicionais?
Nós temos que estar ao día do que o mercado nos demanda. Entón se os comerciais nos trasladan que “todos nos están pedindo que fagades un iogur con galletas de cookies”, nós temos que ver se o podemos facer ou non, se iso se adapta dentro da nosa liña de produción,.... Para poder desterminalo, fanse probas a nivel de laboratorio, a nivel industrial, e se se pode facer, ten que ter sempre a calidade que marca o produto Xanceda, é dicir, podemos facer un iogur con galletas cookies pero é líquido, non é cremoso, non está bo, non funciona, pois non iría adiante, e unha vez que conseguimos facelo hai que testalo. E como o facemos? Pois coas visitas normalmente. Cos nenos é moi fácil. O iogur que mellor funciona nos colexios é o de fresa ou multifrutas, e o menos vendido é o de chocolate ou tipo natillas, non teñen cultivos vivos. O de stracciatella é todo un logro.
Na visita á Casa Grande de Xanceda, identificamos a importancia dos protocolos nos procesos de transformación do leite e na fabricación dos seus produtos lácteos.
A seguridade alimentaria é moi importante para a Casa Grande de Xanceda. Posúen unha organización estrita e segura, no que cada persoa ten as súas responsabilidades ben definidas para garantir que todo funcione correctamente. Grazas a como se involucran na calidade dos seus produtos teñen gañado o selo Líder en Calidade no Sector de Alimentación do 2018 e o selo de calidade Spin-Off PuntoGal, tamen gañaron o premio Aresa 2022, o cal lle dá moita confianza aos seus consumidores.
Nesta empresa innovan con produtos que os comerciais demandan pero sempre tendo a esencia da Casa Grande de Xanceda. As visitas á explotación axúdanlles a determinar no nivel de éxito dos novos produtos no mercado.