O martes 11 de novembro celebramos no cole o noso tradicional Magosto cargado de aprendizaxes e convivencia grazas a toda a comunidade educativa, á Asociación Juan XXIII e a nosa ANPA.
Ben cedo, as familias voluntarias comezaron a asar as castañas que o alumnado foi traendo ao longo da semana. Tras a merenda compartida, chegaron os xogos populares.
Grazas a colaboración da Asociación Juan XXIII o noso pavillón converteuse nunha mostra de xogos tradicionais galegos elaborados no centro ocupacional dentro do obradoiro de carpintería. En grupos internivel fomos coñecendo unha a unha as diferentes propostas enriquecendo o noso propio PDI e promovendo unha experiencia inclusiva e colaborativa.
Esta actividade enmárcase no programa de Centros Referentes na modalidade de Proxectos de Inclusión Educativa (PIE) da Consellería de Educación.
Entre sustos e risas, o SAMAÍN trouxo á Laxe uns obradoiros emocionantes, cheos de contos arrepiantes, experimentos misteriosos, maquillaxe terrorífica, decoración de cabazas e ata unha sala sensorial.
Foi unha xornada chea de imaxinación, creatividade e diversión, na que o cole se encheu de cores, luces e sons que fixeron desta xornada unha auténtica festa do outono.
Grazas ás familias e á ANPA pola vosa colaboración e implicación, sempre dispostas a participar.
Xornada deportiva: BALONCESTO
Esta semana, o alumnado de primaria gozou dunha mañá de baloncesto da man do clube Marín Peixe Galego, coñecendo e practicando un deporte moi presente na nosa contorna.
Esta semana abrimos as portas a un novo curso. Iniciamos un novo camiño que traerá ilusións, retos e aprendizaxes compartidas. E con el chega tamén a pregunta que acompañará aos nosos "SENTINELAS DO LEGADO" durante todo o curso: E ti, de quen vés sendo?
O reencontro veu acompañado pola música de Fentos e frouma, unha banda sonora que nos fala do que fomos… e do que queremos seguir sendo.
Foron días de acollida, de presentacións, de dinámicas de grupo e de pequenas actividades que nos axudaron a coñecernos mellor e a poñer en marcha esta viaxe común que agora comeza e da que daremos boa conta a través desta xanela. Benvidas/os!
FESTIVAL INTERNACIONAL DE MAXIA DE MARÍN
No marco do Festival Internacional de Ilusionismo de Marín, o noso alumnado gozou dunha xornada chea de ilusión e sorpresas coa visita do mago Óliver. Un espectáculo divertido e participativo que encheu o cole de imaxinación e sorrisos.