GARDAS DO ESPAZO é unha viaxe galáctica e didáctica dende o máis afastado —o cosmos e os seus misterios— ata a realidade máis próxima —o planeta Terra e a súa protección. Ao longo deste percorrido conceptual o alumnado conecta coñecementos astronómicos coas problemáticas ambientais actuais, favorecendo unha mirada crítica e comprometida co coidado da nosa contorna, contribuíndo ao desenvolvemento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
Este Proxecto Documental Integrado (PDI) nace cun obxectivo claro: reflexionar, coidar e transformar os espazos que habitamos e compartimos, desde unha visión ampla, crítica e comprometida. Un proxecto que permite traballar contidos curriculares á vez que se fomentan valores como a cooperación, o respecto, a inclusión ou a conciencia ecolóxica.
Ao longo do proxecto o "espazo" preséntasenos como algo máis que un lugar físico, preséntasenos como un espazo con múltiples dimensións:
O espazo exterior, referido á astronomía, ao coñecemento científico e á curiosidade polo que hai máis alá do noso planeta.
O espazo social, onde se constrúen relacións e identidades a través das "Gardas da memoria" ou o "Espazo violeta", a prol da igualdade de xénero.
O espazo comunitario, que reforza os vínculos entre escola, familias e contorno.
O espazo verde, que convida á aprendizaxe ao aire libre, ao xogo e ao respecto pola natureza.
O espazo creativo, onde a imaxinación e a expresión teñen cabida, favorecendo o pensamento diverxente e a innovación educativa.
O deseño da proposta estrutúrase en tres trimestres, cada un deles orientado a un enfoque específico, pero interconectado, que permite avanzar na comprensión do universo, do planeta e do papel que como individuos e comunidade xogamos na súa conservación e mellora. Neste proceso, a biblioteca escolar actúa como núcleo organizador e motor do PDI, sendo a estrutura facilitadora do seu deseño, desenvolvemento e avaliación.
"Gardas do Espazo" ofrece unha oportunidade para repensar os espazos que habitamos e habitarnos neles con conciencia, respecto e creatividade. Un camiño compartido que deixa unha pegada positiva e un legado de aprendizaxes que transcenden o curricular e nos sitúan, como comunidade educativa, nun horizonte de ESCOLA VIVA, ABERTA e en TRANSFORMACIÓN.