Como cada principio de curso, o alumnado de 1º da ESO participou nunha actividade para coñecer a biblioteca do instituto e aprender a moverse por ela con autonomía. Descubriron as diferentes seccións, como localizar e levar libros en préstamo e todo o que poden facer neste espazo.
Foi unha xornada na que aprenderon, participaron e, sobre todo, gozaron descubrindo todo o que a biblioteca lles ofrece.
Agardamos que, a partir de agora, a sintan tamén como un lugar seu ao que acudir para ler, aprender, descubrir e compartir.
Esperamos vervos moito pola biblioteca!
O alumnado de 1.º de Bacharelato da materia de Economía realizou unha visita á sucursal do Banco de España na Coruña, onde tivo a oportunidade de coñecer de preto o labor desta institución e afondar en cuestións relacionadas coa educación financeira.
Durante a visita, explicáronlles as principais funcións que desenvolve o Banco de España, así como o seu papel no funcionamento do sistema financeiro. Ademais, abordáronse conceptos fundamentais relacionados coas finanzas persoais, como o aforro, a planificación económica e o investimento.
Esta actividade permitiulles ampliar os seus coñecementos sobre a importancia de xestionar o diñeiro de maneira responsable, tomar decisións financeiras informadas e adquirir hábitos que contribúan a unha maior autonomía económica no futuro.
Sen dúbida, foi unha experiencia enriquecedora que achegou o alumnado á realidade económica e financeira, complementando os contidos traballados na aula cunha aprendizaxe práctica e útil para a súa vida cotiá.
Vinte e dous estudantes do noso instituto participaron do 6 ao 10 de outubro nunha viaxe a Estrasburgo que combinou o descubrimento do patrimonio cultural europeo cunha experiencia única de participación democrática no Parlamento Europeo, no marco do programa Euroscola.
Durante as xornadas previas á actividade parlamentaria, o alumnado percorreu algúns dos lugares máis emblemáticos da cidade alsaciana. A catedral de Notre-Dame, coa súa impresionante arquitectura gótica e o seu célebre reloxo astronómico, foi unha das visitas destacadas. As rúas e canles da Petite France, as pontes cubertas e os recunchos da Grande Île permitiron descubrir a riqueza histórica dunha cidade marcada polo encontro entre as culturas francesa e alemá. O percorrido cultural completouse cunha visita ao Museo de Artes Decorativas e ao Museo Histórico de Estrasburgo, que achegaron o alumnado á evolución artística, social e política da cidade.
O momento central da viaxe chegou o venres 9 de outubro, cando os nosos rapaces e rapazas se converteron en eurodeputados por un día no Parlamento Europeo. Xunto con mozos e mozas doutros países, participaron nunha xornada de intercambio de ideas, reflexión e debate sobre os retos que afronta a Unión Europea. A actividade incluíu unha sesión de preguntas e respostas cun vicepresidente do Parlamento, unha simulación do traballo parlamentario e un debate sobre a desinformación, que permitiu coñecer de primeira man os mecanismos de participación e toma de decisións nunha institución fundamental para a democracia europea.
O alumnado do IES Monelos tamén tivo ocasión de facer escoitar a súa voz. Carolina Barbeito interveu para reclamar unha revisión da atención que se presta á saúde mental da mocidade, poñendo sobre a mesa unha cuestión que preocupa especialmente ás novas xeracións. Pola súa banda, Xián Bendaña defendeu a necesidade de preservar os valores que deben definir Europa: a democracia, os dereitos e as liberdades, nun contexto internacional cada vez máis complexo. Tamén Noa Vázquez interviu no debate de igualdade de xénero. Catalina Bago tivo a oportunidade de conversar directamente co Eurodiputado Lukas Sieper e Martín Jaspe con Sara Ahnborg, da unidade de Integridade da Información da Dirección General de Comunicación do Parlamento Europeo.
A experiencia en Estrasburgo foi moito máis ca unha viaxe cultural. Supuxo unha oportunidade para comprender mellor o funcionamento das institucións europeas, contrastar puntos de vista con estudantes doutros países e comprobar que a cidadanía europea tamén se constrúe coa participación, o diálogo e o compromiso das novas xeracións.
Para o IES Monelos, esta participación en Euroscola constitúe un recoñecemento ao traballo desenvolvido no marco da súa Escola Embaixadora do Parlamento Europeo e, sobre todo, unha experiencia educativa difícil de esquecer. Os nosos 22 alumnos e alumnas regresaron cunha visión máis próxima de Europa, novas aprendizaxes e a lembranza duns días nos que puideron sentirse, de verdade, parte do proxecto europeo.
O pasado 6 de outubro, o alumnado de 4.º da ESO da materia de Economía e Emprendemento participou nunha charla do proxecto Finanzas para Mortales, unha iniciativa de educación financeira do Banco Santander, enmarcada na Semana da Educación Financeira 2026, que este ano se celebra baixo o lema «Aforra. Investe. Avanza».
A través da sesión «De viaxe ao estranxeiro», o noso alumnado aprendeu cuestións prácticas para xestionar mellor os seus cartos cando viaxa: os tipos de cambio, o uso das tarxetas bancarias e outros aspectos que convén ter en conta á hora de pagar fóra de España.
Unha oportunidade para adquirir ferramentas útiles para a vida cotiá e viaxar con máis información, autonomía e seguridade.
Sirva a presente publicación, que tiñamos esquecida do curso pasado, para abrir o Arredemo 2026-2027. Mil desculpas ás participantes!
O pasado 11 de febreiro para celebrar o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, dúas alumnas de 1ºBacharelato B asistiron a unha xornada moi especial:
"Masterclass de Física de Partículas no IGFAE".
Alí, Claudia Juiz e Claudia Sanhueza, xunto con rapazas procedentes de 30 institutos de toda Galicia, descubriron as partículas que existen a partir dos datos dos detectores e participaron nunha videoconferencia internacional.
Dende o IGFAE enviaronnos os seguientes enlaces:
Aquí podedes ver a reportaxe no Telexornal da Televisión de Galicia: https://www.g24.gal/-/estudantes-do-igfae-sublinan-o-peso-das-mulleres-na-investigacion-subatomica
E preparamos tamén un pequeno vídeo que vos animamos a compartir nas canles de Instagram dos vosos centros, se as tendes: https://www.instagram.com/p/DUoUT4pjHLN/
O pasado martes 17 de marzo 8 alumnos e alumnas de física de 2°bacharelato participaron na Masterclass Internacional ‘Física de Partículas coas mans’.
A xornada tivo lugar na Facultade de Ciencias (Campus Zapateira).
Os estudantes participaron nunha serie de conferencias sobre a Física de Partículas actual, ademáis dunha práctica realizada en grupo. Os resultados obtidos os discutiron mediante videoconferencia con estudantes de São Paolo (Brazil), Varna (Bulgaria), Székesfehérvár (Hungría) e Padua (Italia) que participan na xornada de forma simultánea.
O noso instituto foi seleccionado como Escola Mentora do Programa Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo para o curso 2026-2027.
Un recoñecemento ao traballo realizado polo noso alumnado embaixador junior e ao compromiso do centro coa educación para a ciudadanía europea.
Moitas grazas a todos e todas pola vosa participación neste proxecto.
O alumnado de 1º da ESO fixo hai uns días unha ruta polo entorno do embalse de cecebre da man da asociacion COAWA.
Desde COAWA dan a coñecer a diversidade de flora e fauna que habita na Cuenca do Río Mero e, en especial, a contorna natural do Encoro de Cecebre. Trátase dunha Zona de Especial Protección (ZEC) e forma parte da rede Natura 2000 de espazos protexidos da Unión Europea. Ademais atópase dentro do territorio da Reserva da Biosfera Mariñas – Coruñesas e Terras do Mandeo.
A visita foi guiada por naturalistas cunha longa experiencia, o que achega un incalculable valor a estes roteiros. Ademais contan con materiais propios e a medida para a actividade, unha guía de campo e mapa de situación, que son recursos educativos que implican de xeito activo aos participantes.
O pasado martes 12 de maio comezamos as clases coa agradable visita de Nando López, o autor de libros como El reino de las Tres Lunas, Malditos 16 ou Hasta nunca, Peter Pan. E viunos de perlas, pois o mércores en 1º ESO seica tiñan a proba de lectura da primeira das obras mencionadas. Desmenuzou o libro que traballamos explicándonos as causas que o levaron a situalo na época medieval e contounos que o feito de que tratase o tema dos abusos non foi unha casualidade. Falamos ao redor del de todo: de ditaduras, de maxia...
Tamén explicou un pouquiño as razóns que o levaron a deixar as aulas como profesor para adicarse por enteiro ao oficio da escritura. Contounos o afortunado que se sinte de que lle paguen por algo co que disfruta tanto e animounos a ler outros títulos seus dos que avanzou un pouquiño o contido: Teníamos 15 años, Inventando a Lope y Nadie nos oye. E claro, acabamos con sesión de sinaturas adicadas e fotos. Xa é o segundo ano que nos visita e esperamos poder contar con el para o ano con novos títulos.
Un grupo de alumnos e alumnas de 4º da ESO do noso centro participou recentemente na I Olimpíada de Bioloxía para a ESO, unha iniciativa educativa que busca fomentar o interese pola ciencia e polo coñecemento do mundo natural entre o alumnado máis novo.
A experiencia resultou moi enriquecedora, xa que lles permitiu poñer en práctica os coñecementos adquiridos na aula, enfrontarse a novos retos e compartir unha xornada de aprendizaxe con estudantes doutros centros. Ademais, a participación nesta actividade contribuíu a potenciar valores como o esforzo, a curiosidade científica e o traballo constante.
Desde o centro queremos felicitar ao alumnado participante pola súa implicación, entusiasmo e excelente actitude, así como agradecer ao profesorado de Bioloxía o seu apoio e acompañamento durante a preparación da olimpíada. Sen dúbida, esta primeira edición converteuse nunha oportunidade moi positiva para seguir promovendo vocacións científicas entre a nosa mocidade.
O IES Monelos desenvolveu ao longo do curso o Proxecto Telémaco, un programa orientado á atención do alumnado con altas capacidades e alto rendemento, co obxectivo de acompañalo no seu desenvolvemento persoal, emocional e vocacional.
Dentro deste proxecto leváronse a cabo diferentes actuacións complementarias. En primeiro lugar, o alumnado realizou un test de orientación vocacional, unha ferramenta que lles permitiu coñecer mellor os seus intereses profesionais e abrir novas perspectivas de futuro.
Así mesmo, participaron nun taller centrado no autocoñecemento, as emocións e a resiliencia, no que puideron reflexionar sobre a súa identidade, aprender a identificar e xestionar emocións e adquirir estratexias para afrontar dificultades con maior seguridade.
O programa completouse cun taller de orientación vocacional, enfocado a analizar as opcións académicas e profesionais tras o Bacharelato, comprender a relación entre estudos e profesións, e traballar a toma de decisións a través da elaboración dun plan persoal de futuro.
Finalmente, o encontro con mentores e mentoras, antigos alumnos e alumnas do centro, permitiu achegar ao alumnado experiencias reais tanto da etapa formativa como do mundo laboral, ofrecendo unha visión práctica e próxima dos distintos camiños posibles.
O Proxecto Telémaco supón unha aposta por unha educación máis personalizada, que atende non só ao rendemento académico, senón tamén ás necesidades emocionais e ás inquedanzas vocacionais do alumnado, acompañándoo nun momento clave da súa vida.
O pasado día 21 de abril tivo lugar no Parque de Oza unha actividade moi especial organizada polo noso centro: a exposición sobre o Parlamento Europeo, elaborada polo alumnado dentro do programa de escolas embaixadoras.
A iniciativa permitiu achegar á cidadanía o traballo realizado nas aulas, sendo as alumnas embaixadoras junior de 4º de ESO —Noa, Lara, Vera, Eva, Paula e Inés— as encargadas de explicar os contidos da exposición, resolver dúbidas e dialogar co público asistente.
O acto contou coa presenza de representantes dos distintos partidos políticos do Concello da Coruña: polo PSOE, o concelleiro de Educación Juan Ignacio Borrego Vázquez; polo PP, Miguel Lorenzo Torres e Carlos San Claudio; e polo BNG, Francisco Jorquera. Durante a xornada, tiveron a oportunidade de conversar co noso alumnado, xerando un espazo de intercambio de ideas e reflexión arredor do funcionamento das institucións europeas e a súa influencia na vida cotiá.
A actividade desenvolveuse nun ambiente participativo e enriquecedor, no que se puxo en valor o compromiso do alumnado coa educación cívica e europea, así como a importancia de levar a aprendizaxe máis alá das aulas e compartila coa contorna.
A continuación, recóllense as reseñas publicadas na prensa sobre este evento.
O día 10 de marzo un grupo de 10 alumnas e alumnos e dous profesores, representaron ao noso centro no Evento de Recoñecemento de Meteoescolas e Escolas Verdes Excelentes, polo traballo desenvolvido durante o curso 2024/2025 no Proxecto Meteoescolas; neste Proxecto estiveron implicados varios departamentos e alumnado de diferentes cursos o que permitíu desenvolver unha grande variedade de actividades relacionadas co clima , favorecendo a interdisciplinariedade e o traballo en equipo desde diferentes materias.
O acto tivo lugar na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, onde se realizaron presentacións de traballos de dous centros educativos, tivo lugar unha conferencia pola Doctora , investigadora e divulgadora científica Déborah García Bello e un espectáculo de maxia e ciencia.
Tamén se realizou o lanzamento dun globo sonda e finalizou a xornada cunha comida para que os rapaces e rapazas puidesen compartir experiencias e gozar dun merecido premio.
Parabéns a todos os participantes neste Proxecto!!!!
O Centro interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña celebrou este sábado 11 de abril o CKK, o Congreso Científico Inkrustado, no que o alumnado participante no programa Incrúst@te, un total de 20, espuxo os resultados da súa práctica experimental ante un tribunal especializado.
Dito tribunal seleccionou catro dos traballos presentados pola súa calidade e destreza na exposición e defensa deste. Como premio, os estudantes alongarán a súa estancia no CICA durante dúas semanas.
Entre os seleccionados atópanse dous dos nosos alumnos: Antonio López Pichel que traballou no grupo BioNanoChem e Lara Prego Ameneiros, que participou no grupo GIR-S.
A Investigación de Antonio titulada Sistemas Poliméricos como Modelos de Compartimentalización Intracelular, desenvolve un sistema baseado en polímeros sintéticos capaces de formar compartimentos artificiais que imitan a organización interna das células.
O experimento de Lara, baixo o título Transferencia mitocondrial de condrocitos humanos, investiga como as células do cartílago poden intercambiar mitocondrias entre si, observando que este proceso aumenta cando as células están sometidas a dano inflamatorio.
Queremos desde aquí felicitar aos cinco participantes polo seu traballo e a súa motivación cara á ciencia, dun modo especial aos gañadores, e desexarles que sigan gozando coa ciencia e desenvolvendo todas as súas capacidades para lograr grandes retos.
Os alumnos que participan no xornal Defrit xunto con outros compañeiros de 4º de ESO visitaron as instalacións de La Voz de Galicia acompañados polos profesores Goretti Hermida e Tono Frade. O obxectivo era coñecer a rotativa onde se completa a última fase de impresión do noso periódico internacional que xa leva 31 anos léndose Europa adiante. E onde pensamos que só se imprimía o noso xornal ademais dos periódicos de La Voz, comprobamos que compartiamos empresa de impresión en Galicia con outras cabeceiras como El País, Expansión ou El Ideal Gallego.
O alumnado de 4ºPDC visitou o Castro de Elviña o 8 de abril grazas ao programa de visitas guiadas do Concello da Coruña. Acompañados por unha arqueóloga, entenderon as causas que levaron aos nosos devanceiros coruñeses a establecerse nese cumio nun primeiro momento para abandonalo máis tarde achegándose ao mar. Igualmente descubriron o pozo de auga que surtiu ese asentamento e as privilexiadas e defensivas vistas que desde alí se poden contemplar. E entre outras moitas cousas quedaron cun dato: está estudiado simplemente un 5% do asentamento. Veremos se cando volvan as cousas seguen como as atoparon.
Alumnado de 2º ESO ofreceu un concerto no que amosaron parte do traballo realizado ao longo do trimestre na materia de Música.
Entre o repertorio estaban obras vocais e instrumentais que foron interpretadas a alumnos de 1º ESO
Para conmemorar o Día das Artes Galegas 2026, Xurxo Lobato, fotógrafo e exalumno do IES Monelos, ofreceu unha charla sobre o fotógrafo José Suárez a quen homenaxea este ano a Real Academia Galega de Belas Artes.
O alumnado de Empresa e Deseño de Modelos de Negocio de 2º de Bacharelato participou recentemente nunha charla formativa dentro do programa de educación cívico-tributaria promovido pola Axencia Tributaria.
A sesión foi impartida por dúas representantes da delegación da Axencia Tributaria na A Coruña: Lorena Otero e Mª Jesús Muñoz. Durante o encontro explicaron ao alumnado o funcionamento básico do sistema tributario e o papel que desempeñan os impostos no financiamento dos servizos públicos.
Ao longo da charla abordáronse cuestións como que son os impostos, para que serven e como contribúen ao mantemento de servizos esenciais como a sanidade, a educación ou as infraestruturas. Ademais, puxeron exemplos próximos á realidade do alumnado e responderon ás súas preguntas sobre a responsabilidade fiscal das persoas e das empresas.
A actividade resultou moi útil para comprender mellor a importancia do cumprimento das obrigas tributarias nunha sociedade democrática e para relacionar os contidos da materia coa realidade económica e social. O alumnado participou activamente e valorou moi positivamente a oportunidade de coñecer de primeira man o traballo que realiza a Axencia Tributaria.
O alumnado de Economía de 4º da ESO tivo recentemente a oportunidade de participar nun interesante obradoiro sobre os billetes de euro impartido por Enrique Álvarez e Lupe Souto. Durante a sesión, os relatores achegaron ao alumnado ao funcionamento do diñeiro en efectivo e a algúns aspectos pouco coñecidos dos billetes que empregamos a diario.
Un dos temas que máis chamou a atención foi a explicación sobre a retirada progresiva dos billetes de 500 euros. Explicaron por que o Banco Central Europeo decidiu deixar de emitir este billete e como, aínda que segue sendo de curso legal, cada vez é menos habitual atopalo en circulación.
Ademais, o obradoiro incluíu unha parte moi práctica na que o alumnado aprendeu a detectar billetes falsos. A través de exemplos e demostracións, puideron coñecer as principais medidas de seguridade dos billetes de euro, como o relevo, a marca de auga, o fío de seguridade ou os cambios de cor ao inclinar o billete. Estas explicacións permitiron comprender como verificar a autenticidade do diñeiro dun xeito sinxelo.
A actividade resultou moi dinámica e participativa, e permitiu relacionar os contidos da materia con situacións reais da vida cotiá. Sen dúbida, foi unha experiencia moi enriquecedora que espertou a curiosidade do alumnado e reforzou a súa educación financeira. Desde o departamento de Economía agradecemos a Enrique Álvarez e a Lupe Souto a súa visita e a claridade coa que compartiron os seus coñecementos.
O pasado martes 3 de marzo, cinco dos nosos alumnos e alumnas de primeiro de ESO participaron nas Olimpíadas de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos, celebradas na facultade de camiños da UDC. Durante a xornada, o alumnado tivo a oportunidade de achegarse ao mundo da enxeñería a través de diferentes probas e retos relacionados coa construción de infraestructuras, o deseño de pontes e a resolución de problemas técnicos.
Parabéns rapazas e rapaces!
O día 12 de febreiro o alumnado de 3º ESO participou no programa "Reimagina la Ciencia", que este ano tivo como contido relevante os ensaios clínicos.
O grupo Big Van Ciencia ofreceu una serie de Monólogos científicos nos que se trataron temas como o cancro, as dianas terapéuticas e os radioligandos, facendo reflexionar ao alumnado sobre o papel dos ensaios clínicos na loita de enfermidades relacionadas coa oncoloxía.
Foi un espectáculo motivador e divertido onde apareceron heroes moi coñecidos e no que tamén houbo tempo para a participación do alumnado, destacando neste punto o alumnado do noso centro que se mostrou moi aberto e activo á hora de participar, especial mención a Loreto pola súa gran representación dun "ligando".
O día 11 de febreiro de cada ano celébrase o día internacional da muller e a nena na ciencia. No marco da conmemoración desta data, o alumnado da materia de Bioloxía e xeoloxía de 4º de ESO acudiu a unha actividade no Teatro Colón.
Trátase da experiencia titulada: "A metade invisible da ciencia", desenvolvida dentro do evento de comunicación científica Coruña Comunica Ciencia.
Os científicos e divulgadores Iria Ollero e David Ballesteros foron expoñendo un relato cronolóxico de mulleres que fixeron ciencia ao longo da historia, e a escaso ou nulo recoñecemento ás súas aportacións, así como as duras condicións nas que se tiveron que desenvolver.
Ao mesmo tempo, íase transmitindo a idea da necesidade de contar coa totalidade da sociedade para facer ciencia, contando con ambos sexos tanto como investigadores como tamén á hora de levar a cabo ensaios clínicos.
Constatouse que estamos avanzando cada vez máis nesa senda, pero que é importante seguir dando a coñecer e concienciando.
Intercalando ese tema, cuestionáronse "crenzas" científicas e realizáronse algúns experimentos, nos que tiveron a ocasión de participar os alumnos e alumnas asistentes.
O 5 de febreiro os alumnos de 3º ESO visitaron o Museo de Belas Artes de A Coruña. Tratábase de aprender a achegarse ás obras pictóricas de diferentes momentos históricos a través dunha exposición oral guiada. A iniciativa partiu do Departamente de Lingua castelá pois neste curso nesta materia vanse traballar as expoicións orais desde a investigación e a súa exposición ante a clase. A actividade estivo moi ben amenizada polas guías do museo e o alumnado pasouno moi ben.
O alumnado de 4º da ESO asistiu ao espectáculo Un mundo de fantasIA, celebrado no Teatro Colón dentro das actividades de Coruña Comunicaciencia. A experiencia resultou moi enriquecedora, xa que combinou divulgación científica, tecnoloxía e reflexión sobre o impacto da intelixencia artificial na sociedade actual.
Durante a función, o alumnado puido achegarse a conceptos clave relacionados coa IA dun xeito dinámico e accesible, a través de demostracións, exemplos prácticos e momentos participativos. O formato resultou motivador e favoreceu a curiosidade, o pensamento crítico e o diálogo posterior na aula.
En xeral, a actividade foi valorada moi positivamente, tanto polo seu carácter innovador como pola capacidade de conectar os contidos científicos coas inquietudes do alumnado. Ademais, contribuíu a espertar interese por ámbitos STEM e a comprender mellor os retos e oportunidades que presenta a tecnoloxía no presente e no futuro.
A Feira das Universidades celebrouse no noso instituto cun grande éxito de participación e interese por parte do alumnado. Durante a xornada, estudantes de diferentes cursos tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man a oferta académica de diversas universidades e centros de educación superior, así como resolver dúbidas sobre graos, saídas profesionais, bolsas e requisitos de acceso.
Os postos informativos, atendidos por profesorado universitario e persoal orientador, ofreceron asesoramento personalizado e materiais divulgativos que facilitaron unha visión clara das opcións formativas tras o Bacharelato e a FP.
Desde o instituto valoramos moi positivamente esta iniciativa, que se consolida como unha actividade clave dentro do noso plan de orientación académica e profesional. Agradecemos a colaboración das universidades participantes e o interese mostrado polo alumnado, verdadeiro protagonista dunha xornada enriquecedora e inspiradora.
O mércores 28 de xaneiro, por terceiro ano consecutivo, os alumnos de 2º da ESO, participaron no torneo Intercentros, organizado dentro do programa "Xogade" do Deporte Gallego, coa coordinación dos alumnos do ciclo Superior de Actividades Física e Deportivas da Laboral e a Federación de Rugby.
O tempo non foi o mellor, pero os alumnos pasaron unha mañá gozando do deporte.
A nosa alumna de segundo de ESO, Sofía González Barbeito, vai competir por A Coruña na Olimpíada Informática Galega deste ano.
O evento, organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (Cpeig) en colaboración coas tres universidades galegas e múltiples empresas e entidades, reunirá de 15.30 a 20.30 horas aos concursantes. A competición, que consistirá na resolución de varios problemas de deseño e eficiencia de algoritmos, dará a oportunidade aos dous primeiros clasificados de participar en abril nunha olimpíada a escala nacional que se celebrará en Valladolid. Á súa vez, os gañadores desa competición poderían presentarse a unha mundial en Usbequistán en agosto.
Moita sorte, Sofía! A dar batalla!
O 26 de xaneiro os alumnos de 1º de Bacharelato dos grupos A e C, visitaron a exposición da fotógrafa estadounidense Annie Leibovitz, situada no porto da Coruña, e organizada pola Fundación Marta Ortega.
Ademais da visita guiada polas salas da exposición, os alumnos puideron recrear algunhas imaxes da autora nun espazo no cal, por medio dun croma e fondos de diferentes obras de arte, deron mostras da súa creatividade.
Durante unha época da súa traxectoria profesional, a fotógrafa recreou obras de arte, a través da súa visión persoal das mesmas.
O profesor Paulino Montes-Solla, docente da Universidade da Coruña (UDC), impartiu unha charla ao alumnado de Economía de primeiro de Bacharelato na que analizou de maneira crítica as mensaxes sobre a chamada “liberdade financeira” que circulan nas redes sociais. A súa intervención centrouse en desmontar as promesas de enriquecemento rápido e os discursos simplificados que adoitan agochar riscos económicos e intereses pouco transparentes.
A través de exemplos próximos ao alumnado, explicou como estes contidos poden resultar enganadores e subliñou a importancia da educación financeira, do pensamento crítico e da análise rigorosa da información. A charla conectou directamente coa realidade dixital do estudantado e cos contidos da materia de Economía, favorecendo a reflexión e o debate.
En conxunto, a sesión supuxo unha achega moi valiosa para axudar ao alumnado a identificar falsas promesas e a comprender mellor a realidade económica actual.
As alumnas de Literatura Universal desenvolveron un traballo sobre heroes e heroínas da literatura e montaron unha exposición que podedes ver ao carón do salón de actos.
Personaxes como Aquiles, Antígona, Sherezade, Morgana, Gulliver, Elizabeth Bennett, Oliver Twist, Sherlock Holmes ou Katniss Everdeen representan un variado abano de caracteres que baten no noso corazón lector.
O luns 15 de decembro, o alumnado de 1º de BAC asistiu a unha charla onde mesturamos a cociña, a química e a orientación universitaria. Visitounos a Decana da Facultade da Universidade de Vigo, Mª Ángeles Peña Gallego, especializada en Química Computacional e fundamentalmente en sistemas aromáticos e en interaccións intermoleculares.
Explicounos moitos procesos químicos que se dan no noso día a día nas casas na preparación dos menús máis cotidianos. Despertounos outras curiosidades, non sabemos se algunha vocación, resolveunos dúbidas e prestouse para que nos dirixísemos a ela se tiñamos ao longo deste dous cursos algunha pregunta sobre as carreiras de ciencias que se poden cursan na Universidade de Vigo.
Organizou a charla o departamento de Lingua castelá como complemento da lectura obrigatoria do primeiro trimestre Lecciones de química de Bonnie Garmus.
O 19 de decembro, como actividade final do trimestre, os alumnos de 3º ESO visitaron á exposición na Fundación Barrié protagonizada polo obra do pintor Álvarez de Sotomayor. Tras asistir a unha visita guiada. fixeron un obradoiro onde tiveron que reproducir aos modelos que o pintor usaría para os seus cadros. A maiores, parte do grupo tamén fixo o roteiro correspondente ao libro Os nenos da varíola que tiveron que ler o ano pasado e que nos levou até a praza das Bárbaras, á Cornide e ao Instituto Zalaeta.
Foron acompañados por profesorado dos departamentos de Lingua castelá e Lingua galega .
Xosé Díaz estivo no noso centro falando sobre a vida e a obra do seu pai, Isaac Díaz Pardo, a quen este ano a Real Academia Galega de Belas Artes adicou o día das Artes Galegas 2025.
Moitas grazas Xosé por compartir a túa pasión e o teu coñecemento.
O alumnado da materia de Francés tivo este trimestre a oportunidade de vivir unha experiencia única: unha viaxe cultural a París, a cidade da luz. Durante varios días, os rapaces e rapazas mergulláronse na lingua e na cultura francesa, practicando o idioma en situacións reais e descubrindo algúns dos lugares máis emblemáticos do país.
Un dos momentos máis esperados foi, sen dúbida, a visita á Torre Eiffel. A emoción de vela erguerse sobre a cidade, brillante e maxestosa, foi enorme.
Outro dos grandes atractivos da viaxe foi a xornada completa en Disneyland París. Entre atraccións, desfiles, encontros con personaxes e a maxia que enche cada recuncho do parque, o día pasou voando. Para moitos e moitas, foi a primeira vez nun parque temático desta magnitude, e a ilusión quedará gravada para sempre nas súas lembranzas.
Ademais destas visitas imprescindibles, o grupo paseou polos barrios máis emblemáticos da cidade, saboreou a gastronomía local e coñeceu de primeira man aspectos culturais e históricos que complementan o aprendido na aula.
A viaxe a París non foi só turismo: foi unha oportunidade para convivir, aprender e crecer xuntos. Sen dúbida, unha experiencia que o alumnado non esquecerá e que o animará a seguir descubrindo o mundo a través do francés.
O 3 de decembro celebrouse no salon de actos a charla titulada "Cambio (s) climatico (s): Recostruir para sobrevivir" impartida por Armand Hernández Hernández, licenciado en Xeoloxía pola Universidade de Barcelona e doutor en Ciencias da Terra. O noso ponente é, entre outras moitas cousas, membro do CICA (Centro Interdisciplinar de Quimica e Bioloxía) dende onde está impulsando diversos estudos sobre paleoclimatoloxía.
A charla de divulgación científica está dentro das que ofrece a Universidade da Coruña para o curso 25-26 e foi impartida ao alumnado de Xeografía de segundo de bacharelato.
Moitas grazas, Armand!
O alumnado de 3º de ESO da materia de Valores Éticos realizou unha visita educativa aos Xulgados da Coruña, unha actividade pensada para achegarlles de primeira man o funcionamento do sistema xudicial. A chegada aos xulgados espertou moita expectación, xa que para a maioría era a primeira vez que entraban nun espazo deste tipo.
Durante a xornada, o grupo tivo a oportunidade de presenciar varios xuízos reais. A experiencia foi especialmente impactante porque lles permitiu observar o papel dos distintos profesionais: maxistrados, secretaría xudicial, avogadas e fiscais, e comprender como se desenvolve un procedemento xudicial desde dentro. Algunhas causas resultaron máis sinxelas e outras máis complexas, pero todas lles axudaron a tomar conciencia da importancia das normas e da administración de xustiza na vida cotiá.
Ao rematar, moitos comentaron que a visita lles abriu unha nova perspectiva sobre a responsabilidade individual, as consecuencias legais dos actos e o valor do diálogo e a mediación para evitar conflitos. A actividade converteuse nunha experiencia formativa moi enriquecedora, que probablemente quedará gravada na súa memoria escolar.
Comeza un novo curso escolar no noso IES Monelos e tamén comeza unha nova andaina da nosa revista Arredemo!
Esperamos que pasásedes un moi bo verán e que veñades coas pilas cargadas para afrontar os desafíos que nos deparará o novo curso escolar.
Aqueles alumnos e alumnas interesados en participar como reporteiros da revista Arredemo! podedes enviar un correo a arredemo@iesmonelos.edu.es indicando o voso nome e apelidos, curso, grupo no que estades e cales son as vosas afeccións.
Lembrámosvos en que consistirá esta actividade que se vai a desenvolver durante todo o curso:
- Escribir reseñas das visitas que faga o voso grupo fóra do centro.
- Facer entrevistas a profesores ou a compañeiros que practiquen algún deporte ou que realicen algunha actividade cultural.
- Escribir algunha reportaxe sobre algunha afección que teñades ou sobre algo que vos parece sumamente interesante e que queirades compartir cos lectores da nosa revista.
Animádevos a participar! Ao final do curso o voso traballo terá recompensa en forma de premios ás mellores reportaxes e ao mellor reporteiro ou reporteira.
Estamos á espera de reunir ao equipo de reporteiros deste curso 26-27. Agardamos que poidan crear contidos interesantes para vós e que toda a comunidade educativa do IES Monelos coñeza de primeira man o que está a acontecer no noso instituto.
Moitas grazas por participar deste proxecto!
Os que queirades apuntarvos ainda estades a tempo, escribide un correo a: arredemo@iesmonelos.edu.es