Coa inestimable axuda das alumnas que participan no voluntariado da biblioteca, realizamos na unha actividade coa alumnado de 1º da ESO.
Logo dunha breve presentación sobre a figura do insigne escritor, debuxante e político, comezamos co “Reto CASTELAO”, idea orixinal de Rebe Lemat do IES Chan do Monte de Marín e a quen agradecemos que o compartise.
O obxectivo do xogo é descubrir a frase agochada ao remate da viaxe proposta seguindo os pasos das seis etapas en que se artella o reto. Foron habilidosos e habilidosas e axiña atoparon a solución: SE AÍNDA SOMOS GALEGOS É POR OBRA E GRAZA DO IDIOMA.
Agradecemos a colaboración de Ane, Carolina, Eugenia, Paula, Rosalía e Zeltia que guiaron aos compañeiros e compañeiras de 1º ESO na súa propia viaxe de descoberta e a quen lles explicaron o significado da tan coñecida sentenza do autor.
Durante esta segunda semana de decembro, seguimos abrindo caixas e descubrindo novas propostas que esperten a curiosidade e o gusto pola lectura entre todo o alumnado.
Unha vez máis, son os rapaces e rapazas do club de lectura quen asumen o protagonismo e a responsabilidade de cada día abrir unha caixa nova.
Co gallo do 25-N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, a nosa biblioteca propón unha serie de títulos sobre o tema da coeducación para o coñecemento, reflexión e actuación en prol da igualdade e mellora da convivencia.
Títulos como Feminismo para principiantes, de Nuria Varela, Todos deberíamos ser feministas, de Chimamanda Ngozi Adichie, ou We too. Tu lucha, mi lucha, de Octavio Salazar, ofrécennos chaves de comprensión dun movemento que busca a igualdade de dereitos entre todas as persoas e que apela á implicación real e responsable de toda a sociedade.
Noutros como o Libro do mal amor. Haikus contra a violencia de xénero, poderás atopar a visibilización literia e plástica da cruel realidade da violencia machista. Tamén a lectura d'O inferno de Marta, de Pasqual Alapont, permitirá que te adentres no dano que unha relación desigual e violenta pode supór.
Ademais, cómics como Sufragistas, de Sally Heathcote, Persépole, de Marjane Satrapi ou Mentiras para ser una mujer de verdad, de Rocío Salazar, presentan, por unha banda, exemplos históricos da loita polos dereitos da muller ou o que pode implicar a perda destes, e por outra, os estereotipos de xénero que sosteñen a desigualdade.
Así mesmo, no vestíbulo do centro proxectouse unha presentación sobre os beneficios que un bo trato xera nas persoas e na sociedade, é dicir, como os coidados, a igualdade e a cobertura legal contribúen a unha sociedade sa e libre.
Agradecemos a Ana Barral a súa implicación na conmemoración desta data ao igual que noutras actividades promovidas pola biblioteca do centro.
No IES de Monelos xa estamos vivindo o Nadal con letra e maxia grazas ao noso Calendario de Advento de Recomendacións Lectoras. Ao longo deste mes, cada día agocha unha nova sorpresa literaria, e xa abrimos con ilusión as caixas correspondentes á primeira semana.
Os encargados de revelar estes títulos non son outros que os membros do club de lectura, que cada mañá baixan ao vestíbulo para abrir a caixa do día e descubrir o libro escollido. Despois, convertidos en auténticos embaixadores da lectura, suben ás aulas da ESO para presentar a obra ao alumnado e deixar unhas copias dun fragmento para que poidan lelo durante a hora de lectura.
Esta iniciativa está a encher o instituto de curiosidade, historias e moitas ganas de seguir lendo. Cada día é unha nova ventá aberta a un mundo distinto… e isto non fixo máis que comezar!
Catro centros de ensino fomos os que asistimos á Biblioteca do Castrillón para gozar dun encontro coa escritora pontevedresa: O CEIP Fernández Latorre, o CEE María Mariño, o IES Monte das Moas e o IES Monelos, unha nutrida representación do barrio e de barrios cercanos.
Nós asistimos con alumnado dos Clubs de Lectura; alumnas de 1º ESO que leron A lavandeira de San Simón e de 3º ESO que leron Memoria do silencio; ambas as obras formaron parte do decorrer do encontro.
Logo de realizar Alicia, bibliotecaria do Castrillón, unha breve presentación; chegou a ansiada intervención da autora que partindo de obxectos elaborados pola alumnado participante a modo de reto artellou un percorrido literario que nos trasladou a pequenos e a maiores a un mundo inzado de sensibilidade, igualdade e memoria.
O percorrido comezou con lecturas e comentarios de libros infantíns: Corre corre cabaciña, A mosca chosca, Maruxa, … que foron ledicia de pequenos e adultos. Continuou coa Lavandeira de San Simón, baseado na historia familiar de Eva Mejuto; historias descoñecidas e esquecidas que se recuperan en momentos concretos das nosas vidas. Rematou comentando a importancia de Memoria do silencio e A ladroa da Biblioteca de Meirás que recollen momentos da historia que non se deben esquecer; como dixo a autora, recollen e transmiten “A MEMORIA”
Alumnado de todas as idades, profesorado, nais e pais participamos e gozamos dunha amena sesión coa autora que nos adiantou parte do traballo que está desenvolvendo, pero iso… é un segredo que polo momento non imos desvelar!
Como cada ano, no IES Monelos celebramos dun xeito especial o Día das Bibliotecas. Aproveitamos ese día, o 24 de outubro, para dar a benvida aos integrantes do Club de Lectura do centro e entregámoslles unha invitación “moi doce” para acudir á primeira reunión dos diferentes grupos cos seus profes de referencia, na que se repartiron os libros que compartirán e desfrutarán.
Por outra banda, todos os usuarios que acudiron ese día á nosa biblioteca e levaron un libro emprestado recibiron o agasallo dun marcador.
Ademais, todos e todas puidemos desfrutar da presentación que Ana Barral, membro do Club de Lectura e profesora de Literatura Universal, elaborou xunto co alumnado da materia e que vos compartimos, xa que de seguro vos gustará tanto como a nós.
Durante as dúas primeiras semanas de outubro, o alumnado de 1º de ESO participou en catro sesións de formación para descubrir todos os segredos da súa nova Biblioteca. Aprenderon como se organiza, que seccións ten e, sobre todo, como atopar os libros que máis lles interesan a través de xogos e actividades dinámicas.
Agora móvense entre os andeis coma auténticos expertos e xa saben onde buscar cada historia que lles apeteza ler. Un bo comezo para disfrutar da lectura dende o primeiro día!
1975: ESCRIBIDE COMPAÑEIRAS!
Este foi o lema elexido este ano 2025 para celebrar as mulleres escritoras que hai cincuenta anos abriron camiño nun contexto de transición política e social e que reivindicaron coa súa palabras a igualdade e a liberdade.
A celebración deste día reivindica o legado literario das mulleres, tantas veces relegadas a un segundo plano da historia. Quixemos, desde a nosa biblioteca, unirnos a esa reivindicación amosando, nunha pequena exposición, obras escritas por mulleres. Ademais, este 2025 cúmprense 250 anos do nacemento da escritora británica Jane Austen, novelista tamén relegada a un segundo plano na época que lle tocou vivir.
Austen recolle nunha das súas obras máis emblemáticas un sentimento que recorre a vida das escritoras de todos os tempos:
"...Desexo, ao igual que todos os demais, ser totalmente feliz; pero, do mesmo xeito que os demais, ten que ser á miña maneira...".
Este sentimento que aparece en Sentido e Sensibilidade e que a autora nos transmite a través da súa protagonista parece un reflexo da súa propia vida.
Na celebración dunha efeméride como esta cómpre recoñecer, é de xustiza así facelo, o valor dos Premios Nacionais que recaeron en autoras galegas nestes últimos anos e, alén diso, o seu valor normalizador por seren autoras que publican na nosa lingua: Yolanda Castaño por Materia, Olga Novo por Feliz Idade, Pilar Pallarés por Tempo fósil, Alba Cid por Atlas, Berta Dávila por Carrusel, Marilar Aleixandre por As malas mulleres, Paula Carballeira por As Alumnas. Chus Pato, por Sonora, Bea Lema por O corpo de Cristo.
GRAZAS A TODAS POR ESCRIBIRDES E ESCRIBIRNOS!
Seguro que lembrades que hai un tempo publicamos a primeira parte desta actividade proposta pola biblioteca do Castrillón: participar nun concurso literario que tiña por estímulo fotografías antigas da nosa cidade; pois ben, a segunda parte da actividade realizouse o pasado día 16 no noso instituto e, por suposto, viñeron outra vez Alicia e Luísa.
Antes de desvelar o nome dos gañadores ou gañadoras do concurso as nosas bibliotecarias achegáronnos recomendacións lectoras para desfrutar este verán e animáronnos a participar no "Reto lector" que organiza a Biblioteca do Castrillón. Logo disto e de departir un pouco co alumnado, chegou o momento de coñecer as premiadas e premiados e, así, Alicia e Luísa foron abrindo os sobres e revelando os nomes dos gañadores:
1ª Eva Mª Paz Pérez (3º ESO B). O Título do seu relato é: Xornal dun neno pobre.
2º Diego López de Cruz (3º ESO A). O título do seu relato é: A foto do tempo. Corvo do leste.
3ª Elena Álvarez-Azurmendi Gutiérrez (3º ESOB). O título do seu relato é: O misterio de Francia.
O agasallo que recibiron Eva, Diego e Elena foi unha bolsa que contiña material escolar.
Agardamos que o curso que vén se repita o concurso e que o alumnado desfrute tanto como o fixo este curso.
PARABÉNS A TODOS E TODAS AS PARTICIPANTES!
Alumnos de 3º ESO falan con compañeiros de outros grupos sobre os libros do Club de lectura que estiveron a ler este ano.
Antía Campos , Celia Remeseiro, Gabriela Flores e Fernando Gota entrevistan a Álvaro Mosquera, Alejandro Lorenzo, Paula Seijas e Roque Vázquez.
Se queredes escoitalos mirade abaixo.
Desde a Biblioteca do noso centro e o EDLG, xa desde o remate do Nadal, estivemos deseñando unha actividade para conmemorar as Letras galegas deste ano 2025 coas compañeiras da Biblioteca do Castrillón. Nas reunións que tivemos con Alicia, Luísa, Rosa, Ana e demais compañeiras e compañeiros, consideramos a posibilidade dun encontro entre os centros do noso barrio: IES MONELOS (nós, claro), IES MONTE DAS MOAS e CEIP FERNÁNDEZ LATORRE, pero non só de centros educativos, pareceunos importante incorporar tamén os nosos maiores nunha actividade que, agardabamos, fose interxeracional, así participaron tamén os usuarios do CENTRO DE DÍA DE EIRÍS.
Os actos que se realizaron na biblioteca do Castrillón tiveron como protagonista principal a PAULA CARBALLEIRA quen, co seu facer habitual, nos deleitou cunha sesión de contacontacontos centrada na súa obra literaria.
A continuación, o alumnado de 6º Primaria do CEIP Fernández Latorre e os participantes no club de lectura da biblioteca do Castrillón de entre 8 e 12 anos realizáronlle unhas preguntas a Paula sobre a súa obra literaria e comentaron cuestións sobre A primavera das Letras.
Logo, os alumnos do IES Monte das Moas realizaron unha breve dramatización sobre textos de Paula Carballeira.
Nós contamos coa colaboración de catro alumnas que desde o primeiro momento manifestaron o seu entusiasmo por participar nas actividades que se organizaron para o día 13 de maio na biblioteca do Castrillón, elas son: Carolina, Noa, Paula e Carmela todas elas pandeireteiras e cantareiras. Non puido haber mellor remate para esta actividade que o recoñecemento para as mulleres que transmitiron a nosa lingua e a nosa música durante décadas e, que segundo veremos no vídeo, seguen facendo, non hai máis que escoitar estas catro mozas que tan ben tocaron e cantaron. E, como non hai foliada sen baile, tamén bailamos.
Unha actividade para lembrar!
GRAZAS A TODOS E TODAS AS PARTICIPANTES!
Este curso, a conmemoración das Letras galegas celébranse reivindicando a nosa tradición oral, esa que permitiu que esta lingua se mantivese viva nunha época en que o seu uso era relegado a ámbitos familiares. Foi a tradición oral e a transmisión xeracional o que permitiu que hoxe en día se siga falando esta lingua. Lembremos que sen escrita tamén hai literatura e transmisión de saber.
Propuxémoslle ao alumnado do centro que buscase cantigas populares ou, incluso, que as crease; logo só tiñan que copialas en folios de cores e, cunhas pinzas, colgalas na rede da biblioteca para homenaxear o saber popular.
Segundo dicían a actividade pareceulles moi orixinal.
Grazas pola vosa participación!
O 26 de abril, Día do Libro, os responsables do club de lectura do centro entregaron ao alumnado e profesorado participante, unha tarxeta para levar a casa para que as súas familias recomendasen un libro. Tamén lles deron unha flor como di a tradición deste día.
O peche da actividade será co encontro entre un dos libros recomendados e o lector ou lectora que o acollerá.
Que fermosísima actividade, moitas grazas por participar!
“A cidade nas nosas palabras” dálle título á actividade que o mércores pasado, día 2, nos viñeron presentar Alicia e Luísa, as nosas bibliotecarias do Castrillón. Achegáronse ao noso centro para facernos unha proposta moi interesante: participar nun concurso literario, pero non un concurso ao uso. Explícome: trouxéronnos unha morea de fotografías antigas da nosa cidade para que, partindo dunha delas, desataramos a nosa capacidade creadora e non convertésemos en novelistas, narradores e narradoras, poetisas e poetas… Para conseguilo só debemos centrarnos naquilo que nos estimule e suxira a fotografía elixida a cadaquén de nós
En breve, comezaremos a elaborar os nosos textos posto que ao remate deste mes debemos entregalos na biblioteca para seren valorados polo xurado composto polo equipo de bibliotecarios do Castrillón.
Aínda que haberá un premio que se corresponda coa calidade literaria do texto elaborado,
todos e todas gozaremos do premio de vermos expostos na Biblioteca do barrio as nosas creacións literarias ao lado da fotografía elixida por nós.
Dentro dun mes aproximadamente saberemos quen foi gañador ou gañadora da deste artístico concurso.
Sorte!
Este curso foron as alumnas que participan como voluntarias na biblioteca as que deseñaron as actividades para conmemorar este día. Elaboraron os carteis que se colgaron na biblioteca parar lembrarlle a toda a comunidade a importancia deste día..
Decidiron realizar unha exposición de libros relacionados coa literatura, coa ciencia e a matemática, coas artes plásticas, etc… O eixo do material elixido foi en todos os casos a muller. Ademais, decidiron expoñer fotografías, tiradas por elas mesmas, de profesionais desenvolvendo o seu traballo: acomodadora, caixeiras, dependentas, docentes…
Grazas a todas elas: Claudia, Carla, Noa, Lara, Sara e Inés.
Un curso máis quixemos homenaxear a Rosalía e fixémolo recuncando e retomando o lema que empregamos xa o curso pasado “Enrosalíate”.
Decidimos levar a Rosalía de Castro de visita polo centro: xefatura, biblioteca, aulas, corredores… e fomos tirando fotografías con quen quixera compartir a celebración.
Desfrutamos, ademais, de lecturas do seu libro máis coñecido Cantares gallegos, concretamente das composicións que abren e pechan este libro, composicións intimamente ligadas á literatura popular e ben sabemos que este ano o día das letras galegas se lle dedica á poesía popular oral.
Este curso o alumnado de 4º ESO participou activamente na celebración do Día da Paz achegando as súas impresións, razoamentos e debuxos para lembrarnos que un mundo mellor é posible.
Grazas á intervención de Ibán Pantín, compañeiro do departamento de música, tivemos a sorte de desfrutar da visita de Pablo Díaz e Olga Kirk referentes da música tradicional e cunha extensa traxectoria coñecida alén fronteiras.
Pero, cal é o motivo da visita de Pablo e Olga? Pois ben, desde o EDL e a Biblioteca do centro propuxémoslle a Ibán unha actividade para o Día da Paz e el, co entusiasmo que xa coñecemos, aceptou encantado. A idea era gravar unha canción cos alumnos e alumnas de 3º ESO para conmemorar o Día da Paz e a non violencia deste ano 2025 no noso centro; foi a partir dese momento que Ibán xestionou a visita de Pablo e Olga para compartiren con nós o seu bo facer. O resultado foi a gravación dunha canción composta por Pablo e na que nos acompañaron tanto Pablo como Olga.
Ao remate da gravación os rapaces e rapazas compartiron e departiron cos nosos visitantes sobre o traballo que desenvolven respecto á musica e o baile tradicional, que este ano 2025 se pode encadrar na conmemoración das Letras galegas dedicada ás cantareiras e pandereteiras.
Veremos axiña o vídeo. Seguro!
Grazas a Pablo, a Olga e a Ibán por compartir con nós este día.
Compartimos a gravación realizada na aula de Música e na que colaboraron Pablo e Olga co alumnado de 3º ESO para conmemorar o Día da Paz 2025
Este curso volvemos visitar a Biblioteca González-Garcés co alumnado de 3º ESO. A visita realízamola en dúas quendas de 30 alumnos e alumnas os días 14 e 21 de xaneiro.
Saímos do insti sobre as 9,40 e regresamos polas 12 do mediodia. Cando chegamos á biblio estaba agardando por nós Eugenio que foi o noso guía polos espazos que ocupan está inmensa biblioteca. Iniciamos a nosa visita no salón de actos para visionar unha presentación que pouco e pouco foi debullando Eugenio e na que o alumnado participou activamente, o tema foi máis que interesante para os adolescentes: os "bulos" nas redes sociais. Aprendemos todos e todas, tamén as profes que "bulo" é un castelanismo e que se debe empregar a forma loiada.
De seguido, subimos ao andar superior e detivémonos, antes de acceder á hemeroteca, nunha exposición singular dedicada a fósiles, comentounnos Eugenio quen é o dono, un garda de seguridade da biblioteca que leva recorrido e recollido o mundo nestes fósiles que se expoñen.
O grupo que foi na primeira quenda no visitou a Hemeroteca pero si o fixeron os da segunda quenda, é este un lugar que chama especialmente a atención do alumnado, para eles é xa un anacronismo que existan películas ou cds, xa non falemos do vinilo. Continuamos o noso percorrido e pasamos á sala de empréstitos, aquí Eugenio explicounos unha serie de cuestións relacionadas coa retirada de libros. Cando chegamos ao Depósito, onde se atesouran libros de hai 400 anos, Eugenio explicounos que cada vez que se publica un libro deben gardarse varios exemplares: un na Biblioteca Nacional, outro no Gaiás e outro na Biblioteca González-Garcés. Nesta sala o alumnado sorprendese coa temperatura, é inferior á do resto da biblioteca. No Depósito gárdanse exemplares de xornais desde os anos 50 do século pasado, velos esperta sempre a curiosidade dos rapaces e rapazas. Neste espazo Eugenio propúxolles un xogo aos alumnos, procurar un libro neses corredores móbiles con volantes, a sensación de claustrofobia medraba segundo se realizaba a búsqueda e se demoraba o achado do libro.
Finalizamos a visita no mesmo lugar que a comezamos: o salón de actos.
Por certo, volvemos para o instituto cun agasallo, mellor dito, con dous: dous libros que formarán parte do noso fondo: A ladroa da biblioteca de Meirás e Fuxida cara o sur.
Rematamos con gana de volver, seguro que moitos dos nosos alumnos e alumnas o farán!
Aquí tedes as recomendacións lectoras da biblioteca para este Nadal de 2024.
Agardamos que vos gusten!
O luns 16 e o mércores 18 de decembro visitamos, como é habitual nos últimos cursos, a biblioteca do Castrillón. O número elevado de alumnos levounos a organizar tres quendas de visita de unha hora de duración.
Cando chegamos á biblioteca estaban agardando por nós: Alicia, Belén, Alejandro e Ana, mais tamén nos axudaron nas actividades María e Rosa. Elas guiáronnos polas diferentes estancias amosándonos as salas e a que se dedica cada unha delas. Axiña chegamos á sala onde aparece o material destinado á rapazada de doce a catorce anos; alí tiñan preparado, as bibliotecarias, un "scape book" para goce e diversión dos nosos alumnos e alumnas. Unha vez que, por grupos, resolvían os enigmas propostos e abrían o cadeado dun cofre descubrían uns agasallos: un fermoso texto en que ser recolle o significado do solsticio de inverno e unha invitación para recibir ese ser alegre, que segundo a tradición celta, chega aos nosos fogares o 21 de decembro; ademais había algunha larpeirada que fixo as delicias de cativos e cativas.
Queremos agradecerlles a Alejandro, Alicia, Ana, Belén, María e Rosa a súa cálida acollida. Os alumnos e as alumnas comentaban de camiño de volta para o instituto que a experiencia fora moi divertida e que estaban desexando volver á biblioteca. Farémolo!
Moitas grazas a todos e todas pola vosa participación. Foi unha actividade incrible que seguro repetiremos o ano que ven. Desfrutade destas vacacións tan merecidas!
Hoxe abrimos a caixa do día 17 de decembro e xa estamos moi preto de rematar o noso calendario de adviento. Sergio repite e vos ensina a "Metamorfosis" de Ovidio. Feliz lectura!
Hoxe tocou "Megatoxos" de Anxo Fariña, "A odisea contada aos nenos" de Rosa Navarra Durán e "Cousas de mortos" de Manuel Cráneo. Dous alumnos, Roque e Nicolás, e unha alumna, Noa, de terceiro foron os que percorreron as aulas da ESO para levar as lecturas dun fragmento de cada un destes libros.
Casi esquecemos contarvos o que saíu o 13 de decembro. Aquí tedes a estas rapazas de 4º de ESO Aldara, Andrea, Blanca e Catalina, que tiveron a sorte de descubrir "Cartas de inverno" de Agustín Fernández Paz.
Despois dunha longa estadía en Quebec, o escritor Xabier Louzao volve a Galicia e atópase coas cartas que o seu amigo Adrián lle escribira durante a súa ausencia. Unhas cartas que, nunha espiral de enigmas, descobren os estraños sucesos que está a vivir Adrián na súa nova casa e que levan a Xabier a acudir na súa axuda. Pero alí, na vella casa colonial, os dous amigos terán que enfrontarse a misterios que talvez as persoas nin tan sequera somos quen de imaxinar.
O día 12 tocou un libro sobre ciencia de Javier Santaolalla, El Bosón de Higgs. Esta vez os alumnos que abriron o regalo foron Aitor, Antón e Geancarlo de 4º de ESO.
Deixamosvos por aquí un vídeo do autor explicando que é eso da "partícula de Dios".
Moitas grazas rapaces pola vosa colaboración!
Efrén Leira Cereijo e Inés Vázquez Lamas de 1º de ESO abriron o día 11 do noso calendario de adviento libreiro.
Neste caso tocou o libro de Jorge Mira "A que altura está o ceo?"
Por que vemos o ceo azul ou o Sol amarelo? Como se puido saber a que altura están a Lúa, o Sol e os planetas? Como é posible calcular o lonxe que está unha estrela ou unha galaxia? Cal é a idade do Universo? É certo que foi un cura quen primeiro falou do Big Bang? Estas e moitas outras preguntas son contestadas neste libro que vos recomendamos ler!
As nosas nadadoras favoritas, Violeta Fernández Rodríguez e Sisa Suárez Maceda foron as alumnas de primeiro de ESO escollidas para facer a apertura da caixa de hoxe. Neste caso atoparon o libro "Macrofestivales", un percorrido crítico polo auxe da industria dos festivais. Os grandes festivais convertéronse nun fenómeno que transcende a propia música, cando non contribúe directamente á súa estrangulamiento. Aínda así, non hai cidade, grande ou pequena, que non aposte polo seu. Nando Cruz disecciona neste libro unha industria que creceu ata desbordarse e mergúllanos na súa historia e reviravoltas para entender que hai detrás desa fin de semana bucólico de confetis, pulseiras, luces e concertos.
Hoxe tivemos que abrir unha chea de caixas acumuladas do festivo e da fin de semana. Por iso chamamos a Paula Rial Cernadas, Carolina Barbeito De La Cruz e Francisco Ameijenda Sesar, alumnas e alumno de segundo de ESO para que fixeran o traballo duro. Velaí os tedes, abrindo os regalos!
Javier Seoane Sánchez de 3º de ESO do grupo C desvelou hoxe a caxa número 5 do noso calendario de adviento. Esta vez trátase da marabillosa obra, Oliver Twist.
Oliver Twist ou o progreso dun neno de hospicio, coñecida popularmente coa forma abreviada Oliver Twist, é a segunda novela do autor inglés Charles Dickens. Publicouse orixinalmente como novela por entregas de aparición mensual na revista Bentley's Miscellany, entre febreiro de 1837 e abril de 1839.
O vindeiro luns 9 teremos que abrir 3 caixas! Agardamos que vos gusten!
Hoxe 4 de decembro, os alumnos do club de lectura do grupo de 3º de ESO A abriron a caixa que corresponde do día. Nela apareceu "Mujercitas" a conmovedora historia de catro nenas que crecerán rebelándose contra os roles que a súa sociedade imponlles.
O libro conta a historia de catro irmás (Meg, Jo, Beth e Amy) e a súa cotiandade durante a Guerra de Secesión norteamericana, na que o seu pai está a loitar, e os momentos tan difíciles que toda a familia debe afrontar. Unha aventura do día a día en que cada suceso vívese como un descubrimento ou unha oportunidade para crecer e cambiar.
Esperamos xa con gañas o libro que descubriremos mañá!
Hoxe 3 de decembro, Sergio San Luis de terceiro de ESO do grupo B abriu a terceira caixa do noso calendario de adviento de libros. Hoxe tocou "La noche más oscura" de Ana Alcolea. Agora, os membros do club de lectura de todos os grupos, farán unha pequena lectura deste marabilloso libro no que a Valeria espéranlle unhas vacacións moi especiais, ou polo menos iso é o que di a súa nai, unha auténtica especialista en buscar lugares orixinais para desconectar da rutina. Un lugar solitario e peculiar no norte de Noruega será o elixido, e alí o presente mesturarase co pasado nos soños de Valeria. É unha historia ocorrida durante a ocupación nazi no país, un faro no medio do mar e os ollos de Valeria, como nexo. E así, o que nun principio parecía que sería un verán aburrido, convértese nun verán inesquecible.
As nosas profesoras do club de lectura xunto cos alumnos e alumnas que participan desta actividade, puxeron este luns 2 de decembro o seu calendario de adviento para fomentar a lectura e dar a coñecer os libros que temos na Biblioteca. Cada día, ás primeras horas da mañá, membros do club farán lecturas moi breves en todos os grupos da ESO dos libros que desempaqueten no día. Hoxe Sabela e Aldara abriron as caixas dos días 1 e 2 de decembro. No día 1 tiñamos "Sin música, nada merece la pena" de Rudolf Herfurtner e na caixa do día 2 "Penúltimas tendencias" de Carlos Negro. Xa estamos agardando que nos terán preparado para o día 3! Que nervios!
Desde a biblioteca do noso centro quixemos lembrar que todos os días deben ser 25 de novembro, que todos os días se debe loitar contra violencia que se produce contra as mulleres.
Nesta semana do 25 ao 29 de Novembro propuxémoslles a dous grupos de 3º ESO (3º ESO B e 3º ESO C) o visionado e audición de varias cancións cuxo contido recolle a repulsa que supón a violencia exercida contra as mulleres.
As cancións elixidas polo equipo da biblioteca e a profesora de lingua galega que colabora na actividade foron: Pano Corado de Tanxugueiras, Morra o conto da Banda da Loba, Vai embora de MJ Pérez e A veciña do cuarto de Fillas de Casandra.
O alumnado decidiu o xeito de traballar coas cancións elixidas: uns reflexionaron en gran grupo e trasladaron as súas reflexións a folios de cores en que aparecían as súas mans; outros e outras realizaron a súa reflexión partindo de imaxes que recolle graficamente o xeito de rachar coas ataduras e distorsións do propio eu que conlevan algunhas relacións, ademais trasladan á escrita as súas reflexións. Mostra disto son as imaxes que achegamos.
Á realización desta actividade debemos engadir que en todos os recreos desta semana de novembro se proxectou na biblioteca o video https://drive.google.com/file/d/1eAuoQSdUmvO1Og3j7DJJ0BGbC96xEsR-/view?ts=673e5fd3, nel amósanse situacións en que se manifesta a loita contra a violencia de xénero.
Si, outro curso máis compartimos a biblioteca entre toda a comunidade educativa, pero coma sempre, quen máis goza dela é o alumnado, non hai máis que botar unha ollada ás imaxes dese día.
Este curso quixemos agasallar cun marcador de páxinas a quen entrase na biblioteca disposto a gozar o día 24; iso sí, quen quixese o agasallo debía cumprir un requisito: levar un libro en empréstito e, vaia se funcionou!!! Fixádevos nas imaxes! Tamén viñeron profes!
A actividade foi un éxito rotundo, habemos realizala máis veces sen agardar a día tan sinalado.
Durante as dúas primeiras semanas de outubro deste curso que empezamos, tivemos catro sesións de formación con alumnos de 1º de ESO para que se familiarizasen coa súa nova Biblioteca. Explicámoslles o sistema de clasificación que se utiliza, mostrámoslles as diversas seccións nas que se divide e sobre todo aprenderon a buscar os libros que quixesen a través de actividades entretidas e didácticas. Todos eles acabaron movéndose con facilidade entre os libros e sabendo atopar o que buscaban.
Conmemoramos o Día do Libro motivando o noso alumnado a participar nun concurso que os levou a pescudar, imaxinar, gozar…e gañar!
Expuñemos as nosas viñetas, viñetas que conforman todos os cómics sobre os que realizamos unhas preguntas. Así, partindo dunha serie de enunciados que recollen temática, personaxes, acontecementos históricos…, o alumnado debería identificar o título do cómic ao que pertenece cada enunciado. Entre os acertantes de todas as cuestións formuladas sortemaos uns merecidos premios.
Logo dunha cuantiosa participación do alumnado, entre todos e todas as acertantes das preguntas, realizamos o sorteo do que foron gañadores e gañadoras:
1º Premio: María Quiroga.
2º Premio: Paula Seijas.
3º Premio: Xián Bendaña
Obradoiro sobre Luísa Villalta: “A forma e o contido da poesía de Luísa Villalta: De En Concreto ao Papagaio”, impartido por Francisco X. Fernández Naval
Na biblioteca, rodeados da exposición dos cartaces enviados desde a Consellería e acompañados dun traballo creativo elaborado polo alumnado de 4º PDC sobre lecturas de composicións de Luísa Villalta, desenvolvemos a última actividade sobre a autora homenaxeada este ano nas Letras galegas. Nesta actividade tivemos a sorte de gozar do traballo desenvolvido por Fernández Naval.
Foron dous grupos de alumnos e alumnas de 3º e 4º ESO quen recibiron as ensinanzas do autor. Faloulles, este, do compromiso social, da procura da beleza ou da vocación musical, constantes na obra de Luísa Villalta. Por suposto, léronse textos poéticos acompañados de composicións musicais acaídas.
En palabras do alumnado: Para repetir!
Por Ainhoa Prado e Inés Candamio
O 18 de abril o alumnado de 4 PMAR foi á biblioteca do Castrillón para a entrega de premios do concurso literario ‘Cartas de amor’. O agasallo consistiu nun lote de libros e material escolar. Recibiron premio os traballos presentados por:
Goodluck Omedle ( 4ESO C)
Anakarina de Toma
Ainara Franqueira
Inés Candamio
Parabéns!
Sara, Paula, Elena, Sergio, Lara, Ines e Vera de 2º ESO B dramatizan parte da obra de teatro como actividade final do club de lectura.
Os días 19 e 21 de marzo visitamos a Biblioteca González-Garcés co alumnado de 3º ESO A e B. Dividímonos en dous grupos de 25 para pode realizar a visita. Saímos do insti sobre as 9,40 e regresamos polas 12 do mediodia.
Cando chegamos á biblio estaba agardando por nós Xisela que foi a nosa guía polo espazo que ocupa está inmensa biblioteca. Iniciamos, pois, o percorrido e o primeiro lugar que visitamos foi a sala infantil e xuvenil (ata os 14 anos). De seguido, subimos ao andar superior e detivémonos, antes de acceder á hemeroteca, nunha exposición singular dedicada a fósiles, comentounnos Xisela quen é o dono, un garda de seguridade da biblioteca que leva recorrido e recollido o mundo nestes fósiles que se expoñen. Logo, entramos na Hemeroteca, lugar que chama especialmente a atención do alumnado, para eles é xa un anacronismo que existan películas ou cds, xa non falemos do vinilo.
Continuamos o noso percorrido e pasamos á sala de empréstitos, aquí Xisela explicounos unha serie de cuestións relacionadas coa retirada de libros. Cando chegamos ao Depósito, onde se atesouran libros de hai 400 anos, Xisela explicounos que cada vez que se publica un libro deben gardarse varios exemplares: un na Biblioteca Nacional, outro no Gaiás e outro na Biblioteca González-Garcés. Nesta sala o alumnado sorprendese coa temperatura, é inferior á do resto da biblioteca. No Depósito gárdanse exemplares de xornais desde os anos 50 do século pasado. Como curiosidade, un grupo de alumnos preguntou se podían ver a portada do xornal do 12 setembro do 2021, día seguinte ao atentado nos Estados Unidos, amablemente Xisela amosoúllela.
Detivémonos tamén na Comicteca, aquí os rapaces e rapazas consultaron os cómics que están expostos e aos que se pode acceder libremente. Rematamos a nosa visita cun xogo. Cada grupo de cinco alumnos recibía unha tarxeta cunha referencia bibliográfica que debían procurar nas distintas salas; cando remataban tiñan que realizar o autoempréstito e devolución.
Foi unha visita interesante e intensa!
A Biblioteca do noso centro e o EDLG organizamos en colaboración coa Biblioteca do Castrillón unha actividade que se desenvolve en dous tempos. O venres pasado día 15 de marzo volveron visitarnos Alicia e Luísa, as nosas xa coñecidas bibliotecarias da Biblioteca do Castrillón. Desta volta, Alicia e Luísa realizaron unha serie de actividades co alumnado de 1º ESO A e 1º ESO B.Partindo dunha presentación explicáronlles aos pequenos quen é a autora homenaxeada este ano o día das Letras Galegas; logo disto, e co material preparado tamén por elas, o alumnado elaborou as súas propias creacións que leron na aula e que se expoñerán cara ao día das Letras na biblioteca. Unha actividade coa que disfrutaron moito foi coa elaboración d’O cadáver exquisito.
Ademais da presentación, Alicia e Luísa convidaron os pequenos e pequenas a visitar a biblioteca do Castrillón o día 20 de marzo xa que María Canosa realizaba unha presentación sobre Luisa Villalta e o libro q se lle dedica á homenaxeada e co que traballamos na aula: Luísa Villalta. Melodía de palabras. E ali estivemos o dia 20. A visita á Biblioteca do Castrillon foi moi entretida. María Canosa falounos do proceso de creación das biografías sobre mulleres e, ademais da de Luisa Villalta, falounos da de Emilia Pardo Bazán e da de Maruxa Mallo. Unha actividade diferente!
A Biblioteca e o EDLG do instituto colaboramos coa Biblioteca do Castrillón para realizar unha actividade con 4º ESO C e 4º ESO PDC. A actividade desenvolveuse na Aula Xurxo Lobato o día 15 de febreiro.
Será este o décimo ano en que se convocará o Concurso de Cartas de amor, é tamén este un ano máis no que se celebre a aventura de escribir sobre os nosos sentimentos. Un ano máis, tamén, Alicia e María compartiron cos nosos alumnos a súa maleta de libros, pero non calquera libro, os que elas chaman “delicatessen” non só polo súa forma, tamén polo seu contido e estimularon o alumnado a participar na aventura de escribir sobre o amor e as diferentes manifestacións que deste poidan existir.
Logo da participación do alumnado e da entrega das súas composicións, agardaremos a coñecer quen son os gañadores e á entrega dos premios que con seguridade se realizará cara o día das Letras Galegas na Biblioteca do Castrillón. Daremos conta dos premios proximamente.
Por fin chegou o día!
Hoxe 19 de decembro visitamos a biblioteca do Castrillón!
Segundo se veu organizando os últimos cursos, desde a biblioteca do noso centro realizamos unha visita co alumnado de 1º da ESO á biblioteca do Castrillón. Ao termos un número elevado de alumnos organizamos esta visita en dúas quendas: 1º ESO A: 9,00-10,30 e 1º ESO B: 11,00-12,30, pero a actividade que nos propuxeron desde a biblioteca foi, en esencia, a mesma.
Cando chegamos estaban agardando por nós: Alicia, Luísa e María. Elas guiáronnos polas diferentes estancias amosándonos as salas e a que se dedica cada unha delas. Como é habitual, o que máis chamou a atención do noso alumnado foron o que eles chaman "cadeiras colgantes" e un "xardín". Axiña chegamos á sala onde aparece o material destinado á rapazada de doce a catorce anos; alí tiñan preparado, as bibliotecarias, un "scape book" para goce e diversión dos nosos alumnos e alumnas. Unha vez que, por grupos, resolvían os enigmas propostos e abrían o cadeado dun cofre descubrían un agasallo: un marcador de páxinas e unha felicitación de Nadal.
Queremos agradecerlles a Alicia, Luísa e María a súa acollida. Os alumnos e as alumnas comentaban de camiño de volta para o instituto que a experiencia fora moi divertida. Volveremos!
Por Catalina, Covadonga e Noelia
E chegou o día da visita pola que levabamos un tempo agardando!
O día 12 de xaneiro, xoves, os alumnos e as alumnas que formamos parte do club de lectura de 2º ESO e tres profesoras realizamos unha visita á Torre de Hércules.
Fomos á visita: Catalina, Diego, Marta, Noelia, Josué, Mario, Sabela, Valentín, Xián, Mario, Iván, Omar, Alejandra, Aldara, Nel, Covadonga, Kevin, Damaris, Luca, David, Sadiel, Julián.
Saímos do instituto para coller o bus urbano número 4 que nos achegaba ao noso destino. Pouco despois xa viamos a Torre de Hércules desde a parada na que nos baixamos. Antes de chegar á entrada da Torre, e mentres subiamos pola rampla, fomos falando e observando o noso arredor: moita vexetación de costa, o mar tempestuoso polo vento, …
Cando chegamos á entrada, saíu a recibirnos unha guía, Lucía, que nos explicou a historia e a evolución da Torre a través do tempo.
Logo de subir os 215 chanzos, contados por nós, chegamos á mellor parte da excursión: a azotea. Desde a azotea puidemos desfrutar das vistas e das explicacións que nos deu Lucía sobre o significado da Rosa dos Ventos, entre outras cousas.
Ao rematar tiramos moitas fotos para crear un recordo moi especial e bonito.
OPINIÓNS:
Josué: “Gustoume moito, iso sí, pensei que ía haber máis chanzos”.
Mario: “ Foi entretido. Ademais de saltarnos clase aprendemos cousas sobre a nosa cidade”
Valentín: “Interesante. Unha parte da historia que nos explicaron eu non a coñecía”.
Catalina: “Aprendín cousas que non sabía, así que estivo moi ben.
Noelia: “Aínda que non era a primeira vez que ía gustoume moito”.
Opinión do alumnado do 4º de ESO sobre o libro de banda deseñada de Marjane Satrapi "Persépolis"