O venres 16 de maio, o IES Monelos celebrou un simulacro de eleccións europeas no marco do programa “Eleccións Sub18”, unha iniciativa que achega ao alumnado á vida democrática e ao funcionamento do sistema electoral europeo e que aboga pola reducción da idade de votación aos 16 anos.
Nesta actividade, o alumnado de 4º da ESO asumiu os roles principais: formaron parte da mesa electoral e actuaron como apoderados dos distintos partidos políticos. Pola súa parte, os votantes foron os alumnos e alumnas de 3º da ESO, que participaron activamente depositando o seu voto nas urnas.
A experiencia permitiu aos estudantes vivir en primeira persoa o proceso electoral, coñecendo os distintos elementos que o conforman: desde a campaña e as papeletas, ata a votación, o reconto e a proclamación de resultados.
Foi unha xornada moi enriquecedora, na que o alumnado reflexionou sobre o valor da democracia, o poder do voto e a importancia da participación cidadá na construción dunha sociedade máis xusta e plural.
Entre os días 12 e 17 de maio, un grupo de 17 alumnos e alumnas de 4º da ESO acompañados por tres profesores realizaron unha viaxe inesquecible á cidade de Bruxelas, capital de Bélxica e sede das principais institucións europeas.
Durante a estadía, o grupo tivo a oportunidade de descubrir os lugares máis emblemáticos da cidade: a Grand Place, co seu impresionante concello e a estatua de Everard’t Serclaes; as elegantes Galerías Saint Hubert, a catedral de San Miguel e Santa Gúdula, e o popular Manneken Pis, onde tamén degustaron os típicos gofres belgas. Para completar a experiencia, achegáronse ata a zona de Heysel, onde visitaron o icónico Atomium, símbolo da cidade, e o parque temático Mini Europa, onde puideron ver reproducións en miniatura dos monumentos máis emblemáticos do continente. Unha das paradas máis destacadas foi o Palacio de Xustiza, unha impresionante obra arquitectónica dende a que tamén puideron gozar das vistas sobre Bruxelas. Como parte da experiencia urbana, subiron á gran noria panorámica, disfrutando dunha vista de 360º da cidade.
Un dos momentos máis especiais da viaxe foi a visita ao Parlamento Europeo, onde foron recibidos por D. Francisco Millán Mon, eurodeputado galego. Alí puideron coñecer de primeira man o funcionamento das institucións europeas, visitar o hemiciclo e participar nun interesante encontro no que trataron temas sobre a UE, a democracia e o papel da xuventude no futuro de Europa. Despois desta visita institucional, completaron a experiencia europea coa entrada á Casa da Historia Europea, un museo interactivo que recolle a historia do continente dende unha perspectiva común, con exposicións que invitan á reflexión sobre o pasado, o presente e o futuro da Unión.
Esta experiencia resultou altamente enriquecedora tanto a nivel cultural como educativo, ofrecendo ao alumnado unha oportunidade única para ampliar os seus coñecementos, practicar idiomas e coñecer diferentes realidades europeas.
Sen dúbida, unha viaxe que quedará gravada na memoria de todos e todas como unha vivencia formativa e persoal de grande valor!
O venres 4 de abril as nosas alumnas saen hacia Oviedo para participar na Fase Nacional das Olimpíadas Europeas. Vai ser unha fin de semana intensa que comezará o venres cun acto de inauguración que amenizará a Real Banda de Gaitas Ciudad de Oviedo e na que estarán presentes, entre outras autoridades, Ignacio Villaverde, Rector da Universidade de Oviedo e Paz Andrés, Consejera de Estado. Moita sorte, rapazas! Deixámosvos coa publicación do diario Quincemil (El Español) no que contan o que tiveron que facer na fase rexional.
Xa temos os resultados da III Olimpíada Europea!
Catalina Bago, Martín Jaspe, Marta Souto, Claudia Escudero e Sabela García gañaron, en representación do noso centro, a fase rexional da devantita Olimpíada Europea.
Pasan polo tanto á fase nacional que se vai celebrar do 4 ao 6 de abril en Oviedo e Avilés. No caso de quedar entre os tres primeiros viaxarían a Madrid e no caso de gañar, a Bruxelas. Este ano Bruxelas vai estar a tope co alumnado de Monelos!
Noraboa aos nosos campións polo seu traballo!
O venres 7 de febreiro unha representación dos nosos embaixadores junior: Martín Jaspe, Catalina Bago, Claudia Escudero, Marta Souto e Sabela García participaron nas II Olimpiadas da Unión Europea en Vigo, no Edificio Redeiras da Universidade. Tiveron que redactar un ensaio sobre sostenibilidade e seguro que o fixeron de marabilla. Agora temos dúas semanas de espera para coñecer aos gañadores. 🤞
O pasado venres 13 de decembro os nosos embaixadores e embaixadoras junior puideron disfrutar da charla que impartiu Álvaro González López, delegado de formación do Equipo Europa en Galicia. Todos e todas sen excepción saíron encantados e desexando participar na vindeira Olimpiada da Unión Europea.
Despois dunha semana de traballo dos nosos embaixadores junior para informar aos seus compañeiros dos dereitos dos nenos e nenas na celebración da Semana da infancia, hoxe pusimos o broche dourado coa celebración da carreira solidaria #unoentrecienmil
A Fundación Unoentrecienmil é unha chea de persoas normais e correntes que crearon un movemento para impulsar a curación da leucemia infantil.
Non concibimos que por falta de recursos en investigación, 350 nenos, nenas e adolescentes ao ano se diagnostiquen con leucemia en España; e 2 de cada 10 nenos non consigan superalo. Para iso hai que moverse: para cambiar a estatística.
Moitas grazas aos rapaces e rapazas de primeiro e segundo de ESO pola súa participación chea de alegría e esperanza. E moitas grazas aos embaixadores junior de segundo de bacharelato por facer que todo fora especial.
A túa meta é a miña meta!
O pasado mércores 13 de novembro tivemos a sorte de contar polo noso instituto con reporteiros do xornal "La Opinión" de A Coruña.
Fixeronnos unha reportaxe que podedes ver aquí: https://www.laopinioncoruna.es/coruna/2024/11/14/europa-abre-embajada-monelos-111672633.html
Moitas grazas ao xornal por interesarse polo noso programa e moitas grazas tamén aos nosos embaixadores junior por facelo posible.
Hoxe 8 de novembro de 2024 colocamos a placa conmemorativa que recoñécenos como Escola Embaixadora do #parlamentoeuropeo. Para este acto contamos coa presenza do Director Antonio Orosa, con Xoan Manuel Vázquez como coordinador e unha pequena parte pero moi importante dos nosos embaixadores junior.
Con algo de retraso, aínda que máis vale tarde que nunca, xa temos o vídeo da celebración do Día das Linguas Europeas.
Moitas grazas aos nosos alumnos e alumnas participantes :
Carmen Tarrón Pérez
Paula Rial Cernadas
Valeria Vázquez Pais
Carolina Barbeito de La Cruz
Lucía Rodríguez Liñares
Kasparas Einoris
Maksym Alatko
O Día de Europa, cada 9 de maio, celebramos a paz e a unidade en Europa. Esta data marca o aniversario da histórica «Declaración Schuman», na que este expuxo a súa idea dunha nova forma de cooperación política en Europa, que faría inconcibible a guerra entre nacións europeas. A proposta de Schuman considérase o comezo do que hoxe é a Unión Europea. Sacamos á rúa aos nosos "Comandos UE" para informar sobre este día e as datas das elecións ao Parlamento Europeo.
Xa foi o quinto programa en directo de Monelos no Ar! Cada vez hai menos nervios pero o directo segue sendo imprevisible!
Hoxe contamos con Inés e Martín Jaspe pilotando o noso avión e Alejandro Lorenzo na técnica. Noa Vázquez axudounos coa producción e Álvaro Cardalda foi o encargado da pílura da saúde e o benestar.
As embaixadoras junior Covadonga Somorrostro e Aldara Eiroa faláronnos das eleccións europeas do 9 de xuño e tamén do día de Europa. Os alumnos e alumnas de segundo de bacharelato Iria Hidalgo, Álex Dourado e Nerea Revilla contaronnos como se aficionaron ao mundo do manga e o anime.
Mónica Alonso e Elena Conde coordinaron todo esta festa como poideron...
Moitas grazas a todos e todas pola vosa participación, o vindeiro mes de maio teremos máis sorpresas!
Xa temos no ar o noso cuarto programa en directo de Radio Monelos, coordinado polas profesoras Mónica Alonso e Elena Conde.
Na parte técnica tivemos a Alejandro Lorenzo de 1º de Bacharelato e na condución Raúl Orosa e Eva Paz de 2º ESO. Joel Torres, tamén de 2º de ESO, axudounos no sorteo dun calendario do Dépor.
O sumario estivo centrado en dous aspectos:
En primeiro lugar as Olimpiadas Europeas, no que Álex Moreira contou cal foi a súa experiencia e a dos seus compañeiros no evento.
En segundo lugar, fixemos unha entrevista ao profesor de lingua e literatura castelá do noso centro Antonio Frade Fraga. Moitas grazas, Tono!
Un grupo dos nosos embaixadores junior: Nicolás Castro Fontenla, Carla Cotón Naveira, Laura Mariño Díaz e Alejandro Moreira Torres acompañados pola profesora Elena Conde asistiron este pasado venres 15 de marzo á fase galega da II Olimpíada sobre a Unión Europea na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC.
O evento estivo organizado pola Delegación en Galicia da asociación xuvenil @equipo_europa e conta co apoio da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade de Santiago de Compostela e Europe Direct Coruña.
Fixérono moi ben, moitas grazas rapaces e rapazas polo voso interés en participar!
Este mes contamos coa visita ao noso centro do eurodiputado galego do grupo parlamentario do Partido Popular Europeo na eurocámara Francisco José Millán Mon. Fixemos unha crónica que vos contamos durante a primeira parte do programa. Temos tamén o audio do eurodiputado saudando a Radio Monelos.
Tamén entrevistamos a tres alumnos do noso centro que realizan formación musical no Conservatorio: Raúl Orosa (2º ESO), Adriana Miranda (4º ESO) e Martina Iris Estévez (1º Bacharelato).
Dirixido polas profesoras Mónica Alonso e Elena Conde. Presentan os alumnos de 1º de ESO Hugo Pasandín e Laura Virosta.
Crónica de Catalina Bago Pérez de 3º de ESO
O pasado venres 16 de febreiro o noso centro tivo unha importante e moi especial visita dentro do Programa de Escolas Embaixadoras da UE. O eurodeputado Francisco Millán Mon (PPE) impartiu unha conferencia sobre a súa xornada laboral e o funcionamento de diversas institucións europeas aos nosos embaixadores juniors.
Actualmente, Millán exerce de membro titular na comisión de Asuntos Exteriores e tamén é membro titular e Vicepresidente da Comisión de Pesca. O político pontevedrés contounos que co seu traballo segue moi de preto cuestións relacionadas con Galicia a nivel europeo, xa que é unha das potencias máis importantes no sector pesqueiro e todo o relacionado con actividades marítimas. Ademais, Francisco é o presidente do Programa de Roteiros Culturais Europeos, que ten como obxectivo promover o turismo e a preservación de bens culturais por todos os países europeos. Un deles é o Camiño de Santiago.
En canto á súa xornada laboral, falou da gran cantidade de voos que tiña que coller para viaxar de cidade en cidade para reunións e proxectos. Con ter un pouco de atraso no aeroporto, toda esa xornada veríase moi condicionada. Traballa en Estrasburgo, ou como el a chama con humor, "Estrésburgo". Viaxa ata alí os luns moi cedo, onde comeza a súa xornada de traballo, chea de reunións, asistencias a plenos e diferentes actos. Sempre cunha axenda moi completa. A súa estancia en Estrasbugoo finaliza o xoves volvendo a España.
Tamén nos estivo explicando como é o funcionamento do Parlamento Europeo, diferenciando partidos, actividades e labores que levan a cabo, diferentes eleccións, etc.
Francisco Millán resolveu todas as nosas preguntas sobre a súa traxectoria, actualidade e o Parlamento Europeo. Para finalizar o acto, as alumnas Noa Vázquez e Carolina Barbeito de 2º e 1º da ESO respectivamente, interpretaron unha peza musical tradicional galega, unha muiñeira e unha xota de Negreira.
Como agradecemento, fíxoselle entrega dun pequeno obsequio moi representativo da nosa terra. E como é tradición no noso instituto, deixounos unha dedicatoria no libro de firmas de Monelos.
Aquí tedes o magnífico traballo que fixeron os embaixadores junior no concurso #usatuvoto, da oficina do Parlamento Europeo en España. Non gañaron pero esforzáronse moito e conseguiron un gran resultado. Grazas a Nico Castro que estes días andivo bastante estresado coa edición. Parabéns!
Xa temos o primeiro programa de radio emitido en directo! Chámase "Monelos no ar" e resultou un bo chute de adrenalina para todos e todas.
Os nervios do directo!
O programa foi realizado no segundo recreo do mércores 20 de decembro dentro do proxecto de Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo. Nesta emisión falamos sobre a celebración do Nadal en distintos países da Unión Europea e presentamos algunhas recomendacións literarias feitas por varios alumnos e alumnas da ESO para estas vacacións.
Coordinaron a actividade as profesoras Mónica Alonso e Elena Conde. Presentaron as alumnas de 3º de ESO Catalina Bago e Sabela García, a productora foi Noa Vázquez de 2º de ESO e a parte da técnica correu a cargo de Alejandro Lorenzo de 1º de Bacharelato.
Moitas grazas as persoas que o fixestes posible.
En breve teremos as fotografías gañadoras por categoría! Grazas por participar!
Xa temos recollidas as preguntas que o alumnado do noso centro fixo aos embaixadores junior do parlamento europeo. En breve teremos xa aá vosa disposición os vídeos que respostan as vosas dúbidas. Moitas grazas por la vosa participación!
Do 14 de novembro en adiante nos recreos tedes a oportunidade de deixar no noso infopoint de Escola Embaixadora do Parlamento Europeo, todas as preguntas que lles queirades facer aos nosos embaixadores junior sobre a Unión Europea. Unha vez teñamos as preguntas, os embaixadores gravarán uns vídeos para contestarvos.
Animádevos a participar que aquelas preguntas mellor formuladas e máis orixinais levarán un premio.
Así é como vai quedando o noso infopoint na entrada do instituto!
O alumnado de Monelos escribe as súas dúbidas sobre a Unión Europea en xeral e sobre o Parlamento Europeo en particular. Grazas pola vosa participación!
En breve os embaixadores junior respostarán ás preguntas feitas a través duns vídeos.
Proxecto: "Te lo cUEnto"
A campaña Time to Move é un conxunto de eventos en liña e presenciais organizados todos os anos en outubro pola rede Europea Eurodesk. O seu obxectivo é sinxelo: conectar coa mocidade europea e darlle a coñecer as oportunidades dispoñibles para ir ao estranxeiro e a experiencia de aprender movéndose. O luns tivemos a sorte de poder participar dun destes eventos cos nosos embaixadores junior do Parlamento Europeo.
Como podería a UE ser un lugar aínda mellor para vivir? A Iniciativa Cidadá Europea permite aos cidadáns da UE propoñer ideas concretas para as leis da UE.
O concurso ImagineEU ofrece aos adolescentes a posibilidade de pensar en ideas que algún día poderían converterse no tema dunha iniciativa cidadá europea!
Máis información aquí: https://citizens-initiative.europa.eu/schools/video-competition_en y https://www.educaciontrespuntocero.com/convocatorias/concurso-imagineeu/
Tal como se expresa na web da Axencia Europea do Medio Ambiente "o Pacto Verde Europeo e o Plan de Acción para a Contaminación Cero da UE fan especial fincapé en mellorar o estado da natureza en Europa e en conseguir unha contorna sen substancias tóxicas que non resulte prexudicial para a saúde das persoas e os ecosistemas. A nosa saúde, a nosa calidade de vida e o noso benestar están inextricablemente ligados a un ambiente limpo. "
Neste sentido, queremos desde o IES Monelos unirnos á iniciativa desta axencia europea que busca conseguir a contaminación cero e contribuir á difusión dos valores de defensa do medio ambiente e conexión coa natureza, poñendo de relevo a súa influencia na saúde emocional e física das persoas.
Para iso, convocamos un CONCURSO DE FOTOGRAFÍA que dea visibilidade a estas iniciativas, coas seguintes normas:
Cada estudante poderá participar ata o 30 de novembro de 2023, cun máximo de catro fotografías (unha por categoría), referidas á temática do coidado da natureza e que poidan encadrarse nalgunha das seguintes catro categorías (as mesmas que se recollen na web da Axencia Europea do Medio Ambiente): AIRE, AUGA, TERRA E SON.
Bases do concurso aquí
Enviade as fotografías a: parlamentoeuropeo@iesmonelos.edu.es
Este curso académico o noso instituto foi seleccionado como Escola Embaixadora do Parlamento Europeo, dentro do programa educativo que leva adiante a Dirección Xeral de Comunicación da institución.Este programa ten por obxecto estimular o coñecemento de Europa e da democracia parlamentaria entre os mozos, proporcionándolles un coñecemento activo da Unión Europea e do Parlamento Europeo en particular, á vez que se lle ofrece ao alumnado a oportunidade de experimentar a cidadanía europea.
A través del, a comunidade educativa do IES Monelos xunto co alumnado e diversas organizacións partícipes realizarán actividades ao longo do curso relacionadas con estas institucións, onde se traballarán os materiais proporcionados polo programa e fomentarase a creatividade dos nosos e nosas estudantes. Ademais manterase un InfoPoint físico e un InfoPoint dixital con información actualizada que presente as novidades máis relevantes para eles e os seus procesos educativos tanto do Parlamento como da UE.
Tamén dentro das actividades que realizaremos ao longo do curso, celebraremos con toda a comunidade o Día de Europa.
É para nós un orgullo o ser seleccionados de entre todas as candidaturas españolas y europeas como Escola Embaixadora do Parlamento Europeo e iniciaremos así xunto a todos vós un proxecto ilusionante que nos acompañará nesta senda de aprendizaxe sobre a realidade actual, os valores e a cidadanía europeas.
Aqueles alumnos e alumnas interesados en participar, escribide un correo cos vosos datos a: parlamentoeuropeo@iesmonelos.edu.es. Animádevos que vai ser moi interesante!