San Sadurniño é un concello marcado por un clima oceánico húmido e unha xeoloxía de transición entre as superficies de erosión do interior de Galicia e a costa norte do país. Por este motivo dominan os montes de cumes aplanados e pequenas mesetas elevadas, como en Bardaos, Santa Mariña ou no Forgoselo, que son restos da superficie de erosión fundamental de Galicia, creada no Secundario. Sobre delas, unha vexetación que en orixe estaba presidida polos bosques de tipo atlántico dos que hoxe, afogados polo eucalipto e o piñeiro, quedan poucos exemplos en masas máis ou menos continuas. A única, a da fraga de Igrexafeita e Naraío que poboa a ribeira sur do río Castro.
Esta conca, xunto co macizo do Forgoselo e o val do Xubia, forma parte da Zona de Especial Conservación (antes chamada LIC) Xubia-Castro. Son 2.074 hectáreas de territorio incluído en Rede Natura 2000 que toca os concellos de Narón, Neda, Moeche, As Somozas, A Capela e As Pontes, aínda que máis da metade da superficie (1.214 Ha.) son parte de San Sadurniño e supoñen o 12,16% do territorio municipal. A importancia desta ZEC vén determinada polos doce tipos de hábitats descritos na zona, nos que entran os bosques atlánticos, brañas, turbeiras, uceiras, lagos eutróficos e estanques temporais mediterráneos.
A paisaxe é sustento dunha fauna salvaxe ben variada -corzos, xabaríns, lobos, raposos, teixugos, lobos, morcegos, miñatos, falcóns, mouchos, rás, sapos, píntegas, etc. -que comparten espazo coa gandaría de vacún e cabalar, xa sexa en réxime extensivo ou en leiras aproveitadas con fins forraxeiros.
Por outra banda, San Sadurniño pecha polo sur o ámbito do Xeoparque do Cabo Ortegal. Unha iniciativa promovida por sete municipios e a Deputación da Coruña que foi recoñecida con este distintivo da UNESCO pola relevancia internacional e exclusividade da súa xeoloxía. O xeoparque pon en valor este recurso vinculándoo co patrimonio cultural e ambiental e tamén co tecido social e económico, na liña de contar cun argumento turístico máis para o desenvolvemento sustentable de toda a zona.
E é que a paisaxe é froito do paso do tempo durante millóns de anos, pero máis que nada da intervención humana no territorio, da pegada dos homes e mulleres que desde antigo aproveitaron a terra mentres foron enchendo San Sadurniño de numerosos elementos civís, militares e relixiosos erguidos segundo o devir dos tempos.
Grande parte do patrimonio histórico de San Sadurniño está encadrado no seu azaroso pasado durante a Idade Media e no poder exercido man con man pola Igrexa e a fidalguía durante séculos. Porén, ao seu carón tamén podemos atopar hórreos, muíños e outras solucións adoptadas para aproveitar os recursos dispoñibles en cada época. Menos visible é o pasado sen referencias históricas claras, representado nos restos de castros e mámoas difíciles de albiscar hoxe en día baixo a maleza e as repoboacións forestais.
Visitas: A descuberta de toda a riqueza natural pode facerse percorrendo os cauces fluviais e os camiños e carreiros que tecen San Sadurniño, un territorio de case 100 Km² que, ademais, conta con varias rutas ambientais e patrimoniais.