As nosas feiras, as nosas festas

Alén do seu rico patrimonio cultural e paisaxístico, o Concello de San Sadurniño tamén mantén ao longo do ano un calendario de festas e feiras cunha marcada orientación ao desenvolvemento rural e á posta en valor do sector primario. A programación municipal está dividida en dous tipos de convocatorias: dun lado están os mercados locais, que se desenvolven cunha periodicidade mensual entre a primavera e o outono nos xardíns municipais e, da outra, os dous grandes eventos anuais dedicados á terra, a Feira da Plantación e a Feira Rural.

Os mercados, que adoitan celebrarse durante a primavera e o verán, tentan recuperar a filosofía das feiras de antano como un xeito de dinamizar a economía local baseado na proximidade e na relación directa entre a produción e o consumo. Neles poden atoparse produtos frescos de temporada procedentes de pequenas explotacións de San Sadurniño e do resto da comarca, pero tamén alimentos transformados, artesanía e mesmo artigos de segunda man.

Na programación anual de mercados intercálanse as feiras monográficas dedicadas ás plantas e ao rural. Así, a Feira da Plantación celébrase o derradeiro domingo de abril como escaparate da produción de planta e flor que sae, principalmente, dos viveiros de San Sadurniño. O evento naceu en 1996 da man da Asociación cultural Bidueiro e foi o Concello quen asumiu a súa organización trala disolución desta entidade. Un cambio que tamén significou abrir o abano a máis expositores sen renunciar ao papel principal da planta ornamental. A Feira da Plantación celébrase ao pé do colexio público e xunta, uns anos con outros, a arredor de 5.000 visitantes.

O segundo evento feiral de relevancia é a Feira Rural, que ten lugar ao pé do paseo fluvial do Xubia o último sábado do mes de agosto. Trátase dunha cita cun protagonismo indiscutible de todas as iniciativas que buscan recuperar o potencial socioeconómico e ambiental das zonas rurais, xa sexa a través das posibilidades produtivas do sector primario, dos servizos ou do turismo. A feira réxese polo lema "Por un medio rural vivo" co que se reivindican estilos de vida e xeitos de producir que aseguren un futuro sustentable desde o punto de vista social e ambiental.

A Feira Rural programa ducias de actividades para todas as idades -unha proba de agility canino, obradoiros infantís, a ruta ciclista, paseos en kaiak polo río, exposicións, etc.-, ademais de acoller o tradicional concurso de froita autóctona no que se premian as mellores variedades do país, moitas delas recuperadas na horta municipal situada xusto ao pé do lugar onde se celebra a feira, na finca da Cortiña.

Porén, alén destes eventos feirais organizados polo Concello, San Sadurniño tamén oferta ao longo do ano outras citas relacionadas coa cultura como son o Festival do Río Castro, que se celebra en Naraío o primeiro sábado de xullo, e a Feira de Artesanía e de degustación de carrilleiras, que ten lugar no Chao de Lamas o último sábado ou domingo do mes de maio.

Neste apartado cómpre salientar as celebracións que teñen que ver coa tradición festeira das parroquias. E é que os "patróns" e as “patroas” son datas irrenunciables en todo o municipio, haxa ou non haxa festa propiamente dita.

As festas parroquiais de San Sadurniño son as seguintes, aínda que, de celebrárense, adoitan moverse cara á fin de semana que teñan máis próxima:


Feira da Plantación, que se celebra o último domingo de abril
A Feira Rural de finais de agosto xunta centos de visitantes que veñen pasar o día a San Sadurniño
Festa do San Pipote, unha das máis multitudinarias do concello
O Festival do Río Castro reivindica a cultura e o ambiente con música e actividades para toda a familia
As carrilleiras de tenreira son un prato típico que en Lamas conta con festa de seu
Nas festas parroquiais adoita manterse a tradición das alboradas e dos pasacorredoiras

Hai varios eventos que teñen datas fixas no almanaque, como por exemplo as feiras anuais e algunhas festas parroquiais -Santa Isabel e Bardaos, por exemplo-, mentres que outras soben ou baixan dependendo de como cadre o calendario.