O Pazo da Marquesa, lembranza da Bèlle Èpoque

(ver en español)

Así é como se coñece o conxunto arquitectónico que noutro tempo pertenceu ao marquesado de San Sadurniño e onde hoxe se asenta a sede municipal. O que se ve na actualidade é só unha parte do que houbo no pasado, xa que o pazo eran o edificio principal, as estancias anexas, os xardíns, a capela derrubada en 1967 para ampliar a estrada de Ortigueira, o pombal e a granxa -hoxe restaurante- e unha frondosa fraga pechada que abranguía máis de 100 hectáreas de terreo. 

O que queda daquela é unha parcela de 1.8 hectáreas pertencente ao Concello na que destaca o edificio do pazo. A estrutura que se mantén en parte é froito dunha reforma do século XIX sobre unha edificación máis antiga, seguramente dos tempos da fundación do Señorío de San Sadurniño -S. XVI- por Fernando de Andrade, dous anos despois do pasamento da súa dona, Inés de Castro e Lanzós.

De feito, o torreón almeado do pazo está presidido por un escudo formado pola banda engolada por dous dragóns dos Andrade e os seis roeis dos Castro. Porén, o pazo orixinal tamén podería ser unha construción de finais do século XVII ou principios do XVIII, xa que o marquesado concedeullo Carlos II ao ourensán Pedro Álvarez Reinoso y Argiz en 1688, casado con Francisca Ventura de Andrade, décima señora de San Sadurniño. Só tiveron un fillo, Pedro Francisco Álvarez de Reinoso e Andrade, que morreu solteiro e sen descendencia. O marquesado e o morgado do señorío pasan daquela ao seu sobriño José Jacinto Quindós Reinoso de Andrade, bisavó de José Mariano Quindós y Tejada. Este último chegou a ser  senador vitalicio, alcalde de Madrid e formou parte da corte de Alfonso XII. Era o pai de María Natividad Quindós e Villarroel, a última moradora do pazo de estirpe fidalga.

O edificio ten planta cuadrangular presidida por un patio interior rodeado dunha columnata que sostén unha galería acristalada hoxe empregada como espazo expositivo. Os portóns do edificio permitían a entrada de carruaxes para deixar os viaxeiros e viaxeiras ao pé mesmo dunha maxestosa escaleira de pedra de toelo (ou serpentina) pola que aínda hoxe se accede ao primeiro andar. 

As estancias distribúense arredor da galería onde noutro tempo se facía vida e desde onde se podía subir ao torreón e pasar ao edificio anexo -agora exento do principal- que durante boa parte do século XX foi casa de acollida xestionada polas monxas de Cristo Rei. De feito, trala morte de Natividad Quindós todo o complexo tivo unha finalidade educativa que agora se recuperou en parte coa construción dunha escola infantil na planta baixa do edificio anexo, remodelado nos anos 60 sobre un proxecto do arquitecto Rodolfo Ucha. A fachada sur do pazo conta cunha grande terraza antano cuberta por un toldo desde a que se pode baixar aos xardíns.

En 1894 construíuse o peche perimetral e o enreixado da parte dianteira e, poucos anos despois, deseñáronse os xardíns ao gusto da moda modernista: estanques, plantas exóticas, cisnes, pavos reais e outros animais, grandes maceteiros e esculturas, bancos, proliferación de azulexos de cores vivas… Os xardíns eran o punto de transición á fraga onde os propietarios do pazo e os seus ilustres convidados e convidadas adoitaban organizar merendas campestres e outras actividades, incluídos os paseos en barca polo río Grande de Xubia. 

Á morte da marquesa case todos os terreos foron pasando a mans privadas e o conxunto arquitectónico do pazo foi esmorecendo ata quedar totalmente abandonado a principios dos anos 90. En 2004 o Concello obtivo a cesión de uso dos xardíns e o 29 de novembro de 2010 adquiriu a propiedade do conxunto do pazo, iniciando un longo proceso de rehabilitación de todo o conxunto que se prolongou desde 2008 até practicamente 2018.

A antiga residencia pacega é agora sede do Concello, mentres que os xardíns acollen os mercados mensuais e son un espazo de paseo e lecer onde, ademais, existe un pequeno parque infantil, máquinas de exercicios e unha campa para xogos tradicionais. 



O edificio sufriu unha grande remodelación no século XIX
A galería do primeiro andar e a columnata do patio son dous dos trazos máis destacados do edificio
O pazo conserva boa parte dos xardíns, que antano se prolongaban por unha extensa fraga
O acceso ao edificio está presidido por unha impoñente escaleira de toelo, un tipo de pedra case exclusivo desta zona.

Localización:   43°31'53.8"N 8°04'18.0"W

Visitas: A Casa do Concello pode visitarse de balde nos horarios de apertura das oficinas municipais, de luns a venres en horario de 8.30 a 14.30 h. Os xardíns están abertos todo o ano.