Hai moito, moito tempo...

(ver en español)

Os restos históricos máis antigos dos que se ten constancia en San Sadurniño -e que aínda son identificables- son as mámoas ou soterramentos do megalitismo galego, unha época ampla comprendida entre o 6000 e o 2000 antes de Cristo. Á vista son simples avultamentos do terreo que antigamente gardaban cámaras funerarias de pedra, espoliadas ao longo da historia na busca de tesouros. Só poden atoparse restos deste tipo no Forgoselo e tamén na zona de Santa Mariña do Monte, concretamente en Moimentos -a toponimia garda sempre relación co pasado-, onde hai identificadas dúas mámoas como parte dun complexo maior de 16 túmulos neolíticos concentrados no eixo Monte dos Nenos-O Esperón, xa no concello de Narón.

Ademais, preto de alí, tamén se atopa o marco de Portonovo de Valverde, que ben puidera ser unha laxa megalítica que durante séculos serviu de punto divisorio entre freguesías e posteriormente entre os concellos de San Sadurniño, Narón e Valdoviño.

A pedra fai as veces de pontella sobre o rego de Portonovo en pleno camiño a Teixido e dela despréndense numerosas lendas relacionadas co mito da impía cidade de Valverde asolagada por Cristo en castigo polos seus pecados. A tradición asegura que durante a operación Xesús deixou na pedra a marca dun dos seus pés. 

Marcas rupestres tamén se atopan en Naraío. O arqueólogo André Pena Graña describe unha laxe con sete cazoletas situada nas Penas Louseiras, preto do límite co concello de Neda.

Dos 19 elementos arqueolóxicos que hai identificados documentalmente, arredor dunha quincena pertencen ás idades do Bronce e do Ferro e á época da romanización. Os que máis cómpre salientar son os castros -seguramente habitados pola tribo Labacenga- situados na marxe norte do río Xubia así como en Bardaos e Santa Mariña do Monte, hoxe difíciles de ver debaixo das plantacións forestais.

Recompilando estudos existentes, o profesor Manolo González suxire que o Castro de San Sadurniño -situado preto da zona urbana- probablemente fora o máis relevante de cinco poboados que se estenden desde O Redo até O Rupiallo. Todos eles poderían ter formado unha cadea defensiva na antigüidade que seguiría rumbo oeste polo cordal elevado que San Sadurniño comparte con Narón.

Federico Maciñeira estudou os restos en 1905 cunha mirada científica e deixou constancia da aparición dun torque de ouro no século XIX. O achádego -do que Maciñeira nunca soubo o paradoiro- acompañouse da descuberta de varias fíbulas, obxectos, restos de muros e numerosos fragmentos de cerámica.



Laxa de Vilanova, tamén coñecida como Marco de Portonovo de Valverde. Arredor da pedra e das súas inscricións xurdiron numerosas lendas.

O a croa do Castro de San Sadurniño, seriamente danado por sucesivas plantacións forestais, é identificable no terreo

Visitas: os restos castrexos e do megalitismo galego non contan con sinalización específica, aínda que si están localizados. Na maior parte dos casos non son visitables por atoparse en leiras privadas no medio de pasteiros e plantacións forestais.