O Xeoparque do Cabo Ortegal, unha viaxe ao interior da Terra

San Sadurniño é un lugar cunha xeoloxía singular. No sur do concello poden observarse fenómenos como os bolos, os taffoni ou cacholas, as pías e os castelos, ademais de apreciarse claramente o punto onde conflúe o bloque granítico do Forgoselo coas terras ultrabásicas do Complexo do Cabo Ortegal ao norte do río Castro, encaixado nese punto na antiga falla que vai desde As Pontes até a praia de Campelo, en Valdoviño. 

De feito, a área do Castro e do Forgoselo é un dos lugares de interese xeolóxico e científico do Xeoparque do Cabo Ortegal, recoñecido pola UNESCO en maio de 2023 como parte do seu programa das Ciencias e Xeoparques, do que só forman parte 195 territorios de todo o mundo.

A área abrangue case 800 Km² de superficie terrestre e marítima dos municipios de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, onde se localizan ata 52 lugares de interese xeolóxico e 6 sitios de relevancia internacional por atoparse neles formacións únicas ou case imposibles de ver en ningún outro lugar do mundo: a praia de area negra de Teixidelo, a única no planeta -que se saiba- de orixe non volcánica, afloramentos de lava, restos glaciais, e rochas que habitualmente están a máis de 70 kilómetros de profundidade e que aquí poden observarse a simple vista.

Porén, un xeoparque non é só xeoloxía, senón que esa herdanza natural debe estar vinculada -e así o esixe a propia UNESCO- con outros aspectos, como o desenvolvemento económico sostible, a cultura e o patrimonio.  Neste sentido, os xeoparques buscan ser motor para un turismo de calidade e con certo poder adquisitivo e para outras iniciativas de promoción local  que poidan beneficiarse deste recoñecemento internacional ao mesmo nivel que un Patrimonio da Humanidade que debe revalidarse cada catro anos. 




O Forgoselo é un grande bloque granítico onde se poden observar numerosos exemplos de erosión. Ademais, San Sadurniño é xunto con Moeche a zona onde se atopan maiores afloramentos de serpentinitas, máis coñecidas como toelo, unha pedra moi utilizada antano na construción e ornamentación.
En Mina Piquito -Moeche- existen "espeleotemas" formados pola oxidación  do cobre
Dentro do traballo divulgativo do Xeoparque organízanse xeorrutas polos elementos máis importantes dos concellos que forman parte da iniciativa

Plano de recursos máis relevantes*

(*)Elaboración propia a partir dos datos contidos no folleto publicado pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, con textos e supervisión técnica do xeólogo Francisco Canosa

A evolución dos continentes

Fonte: Ian Webster - http://www.ianww.com/Visualización non optimizada para móbiles