O Castelo de Naraío, vixía da historia

(ver en español)

O castelo de Naraío está situado á beira do río Castro sobre un rochedo que nalgunhas partes se integra na construción. As escavacións realizadas en 2008 descubriron ata tres muros perimetrais que noutro tempo converterían o castelo nun edificio inexpugnable e con capacidade para resistir durante meses grazas ao grande alxibe de auga que aínda se conserva no interior da torre. Sobre as orixes do castelo todo son conxecturas históricas ao non ter aparecido documentos fidedignos sobre quen o tería mandado erguer. Recentes investigacións confirmaron que xa estaba en construción no século XII.

O enxeñeiro catalán Comerma i Batalla suxire a principios do século pasado que o castelo puidera ter pertencido á familia dos Piñeiro ata que lles foi arrebatado en 1364 polo rei Pedro I en favor de Fernán Pérez de Andrade “O Boo” en recompensa polos servizos prestados. A propiedade seríalle confirmada de novo unha década despois polo rei Henrique II de Trastámara en agradecemento por telo apoiado na loita contra o seu medio irmán Pedro I (disque o Andrade participou no seu asasinato). A fortaleza foi, segundo se cre, cárcere para malfeitores e tamén para morosos.

O castelo foi un dos escenarios da primeira revolta irmandiña (1431) dirixida sen éxito por Roi Xordo contra Nuno Freire de Andrade “O Mao”. Entre 1466 e 1469 volvería ser un dos focos da guerra Irmandiña, desta vez contra Fernán Pérez de Andrade “O Mozo”. Alonso de Lanzós -curmán do Andrade- encabezou aquí a revolta. O seu exército derrubou o castelo que, trala súa derrota, tivo que ser reconstruído como castigo polos propios sublevados. A fortaleza e as propiedades pasaron entón a mans de Diego de Andrade -fillo de Fernán- e, co tempo e os casamentos, á Casa de Alba, actual propietaria da fortaleza cedida ao Concello por un período de 30 anos.

Ficou abandonado a principios do século XVII e durante tempo foi empregado como canteira da que obter material de construción. Hoxe só se conserva a torre e parte dos muros superiores, ademais de dous arcos que soportaban portóns e o enciño. As escavacións efectuadas durante a segunda fase de consolidación da fortaleza descubriron cerámica, moedas e outros materiais de interese que agardan ao desenvolvemento dun proxecto expositivo asociado ao castelo.

A finais de 2019 finalizou a 3ª fase de consolidación da fortaleza, que consistiu en acondicionar sendeiros, asegurar algunhas partes e en mellorar a accesibilidade a todo o conxunto arquitectónico. O máis destacado da obra -que foi acompañada de novas catas arqueolóxicas- foi a instalación dunha estrutura interior que permite subir ao punto máis alto da torre e divisar parte do val do Castro. A raíz destes traballos foi cando se confirmou que a fortaleza era entre dous e tres séculos máis antiga do que se cría.

Do tempo dos Andrade tamén nos queda a Ponte da Ferraría (cca. o S. XIV), na parroquia de Naraío. A ponte ten un só ollo de arco gótico e é de cantería cunha fábrica moi semellante á do castelo. A finais dos anos 60 do século pasado foi remodelada engadíndolle unha prancha de formigón que permitise salvar as riadas do Castro durante o inverno.

Nun dos seus estremos conta cunha ruda escultura zoomorfa que aínda hoxe xera controversia académica sobre se se trata da figura dun oso ou dun xabarín, animais ambos ligados á simboloxía dos Andrade. En Naraío sempre se coñeceu como “o porco” e cóntase que en orixe eran dúas as figuras. A ponte foi durante séculos o principal punto de vadeo do Castro percorrendo o antigo “Camiño Real”, que hoxe forma parte do Sendeiro do Río Castro e, á súa vez, da GR-55 que vai desde Betanzos até Santo André de Teixido.


A fortaleza encóntrase no alto dun rochedo practicamente inexpugnable.
O proceso de rehabilitación do castelo arrancou en 2007
A ponte románica da Ferraría era principal punto de vadeo do río Castro, e tamén fonte de ingresos para o señorío
Xabaril dos Andrade, situado ao pé da ponte da Ferraría. Esta figura zoomorfa coñécese tradicionalmente como o "porco" da Ferraría

Visitas: Ao castelo pódese subir durante todo o ano con entrada libre, aínda que con precaución. No entorno hai zonas esvaradías e niveis con grandes diferenzas de altura. Por iso se pide que as visitas non saian dos sendeiros marcados e, dentro da torre, que en ningún caso se salten as varandas do miradoiro. Tamén é altamente recomendable que os nenos e nenas estean sempre na compaña de persoas adultas.