Para camiñar sen perderse

Xunto coa riqueza patrimonial, a beleza da contorna ofrece unha chea de posibilidades para gozar do aire libre. 

Hai dúas rutas de sendeirismo deseñadas polo Concello, a dos Muíños do Aceiteiro e a do Río Castro, as dúas de dificultade baixa e cun alto valor ambiental e cultural. A primeira baixa desde a zona do Camiño Arriba seguindo o cauce do rego ata chegar a San Sadurniño, mentres que a segunda arranca ao pé da Fonte de San Roque, no lugar do Eirexado, en Naraío, e segue o curso do Castro entre fragas e bosques de ribeira até a área recreativa do Pozo de Lamas, en Igrexafeita.

Este trazado ofrece como elemento destacado o castelo, pero tamén as fervenzas e pozas naturais que hai xusto ao seu carón, visitadas por centos de persoas durante o verán. Cara ao final da ruta, xusto onde se atopa a área recreativa, podemos aventurarnos monte arriba polo rego de Mariaqueira ata chegarmos aos Carboados. Non é unha ruta apta para calquera -non está sinalizada e recoméndase ir con alguén que coñeza a zona- pero o esforzo verase compensado pola espectacularidade das fervenzas da Pasada da Barra (no rego de María Queira), que baixan con forza no inverno e na primavera alimentadas polas brañas e lagoas do Forgoselo.


Itinerarios doados no centro de San Sadurniño: "Terra de vida"

Ademais, no centro urbano poden facerse dous itinerarios circulares cun trazado inferior aos 3 Km. e escaso desnivel, concibidos máis como paseo que como ruta propiamente dita. O primeiro deles, denominado “Ruta do patrimonio” sae do Pazo da Marquesa, sobe ao convento do Rosario e logo chega á Capela do Belén, volvendo desde aí ao punto de saída seguindo o camiño do Enxerto, desde onde temos boas vistas do centro urbano e da veiga do Xubia. 

A segunda senda, chamada “Ruta da Natureza”, sae tamén do Pazo, baixa polos xardíns e percorre o paseo fluvial até o Muíño de Mera, pasando ao carón da estatua da Deusa Navia -a única que existe en Galicia- e por dous elementos tamén únicos no país: o Arboreto de especies autóctonas da Cortiña e a Horta de conservación de froiteiras “Carlos Fornos”.   

O arboreto é un mostrario dos sete tipos de bosque galego distribuídos pola parcela e debidamente identificados. Pasando polos sendeiros podemos ver loureiros, carballos, aciñeiras, sobreiras, acivros, castiñeiros e outras árbores que exhiben a pequena escala a riqueza dos nosos montes. 

Ademais, en 2022 enriqueceuse coa colección de figuras de fábula -dragóns, gnomos, duendes, etc.- que poboan a Fraga Máxica. Un espazo de lecer familiar do que gozan especialmente as máis pequenas e pequenos da casa.

A horta de conservación Carlos Fornos é un proxecto municipal sostido en colaboración coa AGFA do Eume que ten en produción case 200 árbores froiteiras propias das comarcas do Eume, Ferrol e Ortegal. O obxectivo é preservar este patrimonio vexetal, pero tamén servir de espazo formativo e de difusión de todo este valor. 

Estes itinerarios englóbanse no proxecto "Terra de vida", co que o Concello pretende dar a coñecer e dinamizar os espazos do núcleo urbano. Neste sentido, poden concertarse visitas guiadas contactando co correo de Cultura ou chamando ao 616 332 919. Ademais tamén se editou un caderno informativo do proxecto.


Polos sendeiros do medievo

Tamén toca o territorio o Camiño a Santo André de Teixido con dous itinerarios distintos: o máis antigo vén desde o Mosteiro do Couto, en Narón, subindo por Sedes, onde entra en San Sadurniño tocando a parroquia de Santa Mariña antes de pasar a Valdoviño. A outra ruta, de deseño máis recente, é a denominada GR-55 de Betanzos a Santo André, que cruza Naraío procedente da Capela, vai a Igrexafeita pasando polo Castelo e logo baixa por Ferreira para proseguir camiño xa en Moeche. 

Parte da ruta do Castro e da GR-55 coinciden coa Ruta dos Castelos e Mosteiros do Eume-Xubia, que une os principais elementos relixiosos e defensivos da zona, como o mosteiro de Caaveiro, o Castelo de Naraío ou o Castelo de Moeche. 

O Concello mantén, ademais, áreas recreativas nas parroquias de Naraío, Igrexafeita, Ferreira, Lamas, Bardaos e Santa Mariña, ademais das grandes zonas de lecer que supoñen o paseo fluvial do Xubia, o contorno do arboreto de especies autóctonas da Cortiña e os propios xardíns municipais, situados na parte traseira do antigo pazo da Marquesa. 

Destaca entre todas elas o novo espazo anexo á piscina municipal dos Currás, dotada cunha ampla zona de merendeiros con sombra e grellas, ademais de dúas pequenas pistas multixogos e outros elementos para que brinque a cativería.

Porén, unha das recomendacións que facemos para admirar o territorio é achegarse aos miradoiros naturais que hai repartidos por todo San Sadurniño. En Naraío atopamos o miradoiro do Saíme, xusto fronte ao castelo de Naraío. Seguindo monte arriba chegaremos ao repetidor do Furado e o alto de Racamonde -549 m.- desde onde se pode ver en días claros case todo o arco que vai desde o macizo de Herbeira ata as Illas Sisargas, en fronte de Malpica. 

Outro miradoiro excepcional é o do Pico de Ferreira. Ao pé da cama do santo temos unha panorámica de 360º desde a que se observa o val do Xubia desde Moeche ata Pedroso. O terceiro punto natural desde o que mirar o territorio é o Coto Agudo, en Bardaos, que nos permite achegar a vista ás terras do norte que lindan co océano e tamén ao encoro das Forcadas.

En Igrexafeita atopamos tamén as Penas do Rei Mouro emerxendo do cordal do Carazo. O nome vén da crenza tradicional nun rei máxico que sentaba na súa propia cadeira labrada na pedra. Hoxe en día a súa cara norte é un dos puntos de visita obrigada para calquera persoa que queira iniciarse no deporte da escalada.

Desde o Pico de Ferreira pódese ver todo o val do Xubia
O paseo fluvial é paso obrigado nas rutas urbanas de San Sadurniño, e máis aínda desde que existe a Fraga Máxica
Ao carón dos principais itinerarios existen numerosas áreas de lecer, coma esta de Lamas.
Área recreativa e piscina dos Currás
Vídeo resume dos contidos da horta de conservación de froiteiras
Penas do Rei Mouro, en Igrexafeita

Áreas recreativas, miradoiros e rutas