San Sadurniño quedará na zona de sombra proxectada pola eclipse total de Sol do mércores 12 de agosto de 2026. Un fenómeno único nas nosas vidas que se poderá observar en toda a súa plenitude desde o noso concello. É máis, San Sadurniño e o resto da comarca serán o mellor lugar do mundo para ver a eclipse, que comezará ás 19:30h e finalizará ás 21:21h.
O intre máis agardado e espectacular durará iso, un intre de pouco máis de minuto e medio, entre as 20:27h e as 20:28h, momento no que a paisaxe se escurecerá completamente -case coma se fose noite- mentres que no ceo poderemos ver a Lúa como un grande punto negro interpoñéndose entre nós e o Sol.
Proximamente publicaremos un mapa cos mellores sitios para observar a eclipse sen saír de San Sadurniño.
Nunca mires directamente ao Sol sen lentes ou filtros de protección homologada, agás durante os breves instantes de totalidade completa. Volve poñer os lentes ou filtros protectores tan pronto como reapareza o primeiro punto brillante do Sol.
Utiliza exclusivamente lentes especiais para eclipses certificadas coa norma EN ISO 12312-2:2015. Para ter máis garantía tamén é importante que as lentes ou filtros posúan o marcado de conformidade CE da Unión Europea.
Non empregues lentes de sol convencionais, radiografías, pantallas de soldar, CDs, cristais afumados nin outros métodos caseiros.
Se utilizas prismáticos, telescopios ou cámaras, deben levar filtros solares específicos colocados diante da óptica. O uso sen protección pode provocar danos oculares irreversibles. O máis seguro é utilizar estes aparellos proxectando a imaxe sobre unha folla en branco.
As crianzas deben observar a eclipse sempre acompañadas por persoas adultas, que han de supervisar o uso correcto de lentes ou filtros.
Recoméndase levar auga, gorra e protección solar para as actividades ao aire libre e evitar exposicións prolongadas á calor.
Procura chegar con tempo aos lugares de observación e segue sempre as indicacións dos servizos de seguridade e emerxencias.
Respecta o contorno natural e urbano, evitando deixar lixo nas zonas de observación.
A eclipse total de Sol do 12 de agosto de 2026 será un fenómeno astronómico excepcional, visible como eclipse total en San Sadurniño e noutras zonas de Galicia. Agárdase a chegada de miles de persoas para vivir este evento único, polo que se recomenda planificar os desprazamentos e consultar a información oficial e meteorolóxica nos días previos.
Ligazóns de utilidade:
Documento de recomendacións de seguridade e observación elaborado polo Consello da Cultura Galega, coordinado polo profesor Jorge Mira
ESA (Axencia Espacial Europea): Mapa global da eclipse 2026
NASA Eclipse Explorer: Mapa interactivo da NASA
Time and Date: Horarios e simulacións do eclipse
Ferramenta española de planificación: Tres Eclipses
Información específica para a nosa zona: Datos completos da eclipse en Ferrolterra
A principal ameaza para desfrutar do fenómeno non será a duración da eclipse, senón a meteoroloxía. Recoméndase ter dúas ou tres localizacións alternativas preparadas e decidir o destino definitivo segundo as previsións das últimas 24 horas. En Galicia, unha diferenza de poucos quilómetros pode significar ceo cuberto nun punto e completamente despexado noutro.