O Festival do Río Castro celébrase cada ano grazas á implicación de moitos veciños e veciñas de Naraío que colaboran de moitos xeitos: cedendo os terreos, axudando nos preparativos, na organización, promocionando a festa e, sobre todo, dando ánimo para que a asociación continúe no futuro con este encontro da música e a cultura.
Uns anos cos outros, o festival ronda os 20.000 euros de presuposto. Unha contía que se asume con recursos propios e con importantes achegas.
O Concello de San Sadurniño, é o noso principal colaborador económico, grazas a unha subvención nominativa por valor de 6.500 euros cos que cubrimos unha parte importante dos custes do festival. Ademais, o Concello sempre bota unha man traéndonos colectores para a recollida do lixo, emprestándonos valados metálicos e, nesta edición, tamén achegando a actuación da Corral Poliafónica do Aturuxo de Melpómene na xornada de presentación do festival celebrada o 30 de maio (incluída na Rede Cultural da Deputación da Coruña).
Por último, nesta edición nº XXXI tamén participamos da campaña de difusión dos sabores e saberes culinarios da provincia, impulsada pola Área de Turismo da Deputación da Coruña a través da acción "A paisaxe que sabe".