25 anos non son nada

O Festival do Río Castro naceu aló polo ano 1994 coa intención de reivindicar a conservación do río través da música e das actividades ao aire libre. Desde aquela a cita anual foi converténdose nun referente en toda a comarca e no resto de Galicia pola calidade dos grupos que pasaron por Naraío e tamén polo ambiente festeiro e familiar que se alenta durante toda a xornada. Mesmo hai quen dí que o mellor do festival é botar todo o día ao pé do río rodeado de amigos.

Aínda lembramos aquel ano en que o festival se celebrou no lugar da Veiga, ao pé da pista polideportiva e do campo de fútbol. Houbo que facer números para que o esceario quedase nivelado pero o resultado foi magnífico.Daquela facíase todo case sen axuda, cos escasos recursos que se conseguían de colaboradores, vendendo camisetas, pratos e bonos. Hoxe segue facéndose con moito traballo, aínda que hai apoio económico e humano de distintas entidades, como o Concello de San Sadurniño, a Cooperativa de Meirás ou a Deputación da Coruña.

Estas institucións e, sobre todo, a colaboración desinteresada da xente de Naraío, fan máis levadeira a organización dun festival no que se invisten moitas horas de traballo. Ao longo dos últimos anos, as actuacións que pasaron polo Festival do Río Castro foron moitas e moi variadas: grupos de baile tradicional, cantareiras, pandeireteiras, regueifeiros, cantares de cego, folc, folc-reggae, etc.

O festival está a ser plataforma para moitos grupos galegos que inician a súa andaina no mundo da música, xunto con aqueles con máis experiencia e renome. Se ben nun inicio o festival lle deu cabida a formacións doutras zonas, como Asturias ou Cantabria, desde 2009 o Río Castro quere ser unicamente escaparate do noso, da capacidade que temos en Galicia para crear e para ilusionar a través da música.