Chegar a Naraío non ten ciencia. Tal e como vedes no mapa está moi preto de Ferrol e da autoestrada AP-9. Se decidides achegarvos até o festival, tedes que saber que dispoñemos de tres grandes aparcamentos a menos de dous minutos a pé do festival, razón pola que non é necesario deixar coches nas pistas de acceso (onde está prohibido estacionar). Ten presente que as vías deben estar libres no caso dunha emerxencia.
Para que non haxa inconvenientes é moi importante aproveitar ben o espazo seguindo as liñas de estacionamento marcadas con cintas e/ou cordeis e atender ao que nos diga o persoal de Protección Civil.
En camper ou tenda de campaña
Se vés en autocaravana, podes parar sen problema de venres a domingo nos campos que temos habilitados como zona de aparcamento, especialmente nos denominados A Pena III e A Pena V, por estar perfectamente nivelados. Ademais, o Concello de San Sadurniño tamén dispón dunha nova área de servizos para este tipo de vehículos onde tamén é posible pernoctar, aínda que terás que desprazarte varios quilómetros.
Para acampar hai espazo ao pé da ponte da Ferraría -marcado en azul no mapa-... e cando remate o festival e vaia quedando sitio nos aparcamentos, tampouco pasará nada porque botedes a quechua a carón.