Cartel do noso deseñador de cabeceira, o artista gráfico Juanlu Nacha

Edición 2023

Desde primeiras horas da mañá convidamos á veciñanza a que viñese de merenda á beira do río Castro. Porén, para irmos quentando motores de cara á troula da noite, en 2023  volvemos ter unha pequena sesión vermú a iso das 14:00h coas Escolas de Música municipais (cantos de taberna, pandeireta e gaita).

A partir das 15:30h, SEDEGA fíxonos pasar unha tarde ben entretida con xogos e actividades pensadas para grandes e pequenos, enfiadas todas pola igualdade e a concienciación ambiental.

Cara ás 17:30 tivemos a actuación do sempre solvente de Ce Orquestra Pantasma coa súa proposta de música participativa, interpretada por el mesmo tocando unha chea de instrumentos ao mesmo tempo.

Ao remate do espectáculo, a iso das 18:30 comezou un dos apartados máis exitosos do noso festival, o campionato de xogos populares, que pon a proba a forza e a pericia de quen queira sentar cátedra co tronzador, tirando á corda ou petando na chave. O importante é participar, pero lembrade que tamén haberá premios para os equipos gañadores en cada disciplina. 

Desde hai uns anos é obrigatorio que os equipos sexan mixtos e paritarios en cada modalidade: 2 persoas/equipo na chave (home e muller), 2 persoas/equipo no tronzador -obvio- (tamén muller e home) e 6 persoas/equipo no tiro á corda (tres mulleres e tres homes).

Ás 22:30 empezamos cos concertos da noite, no apartado Grupos tedes máis información sobre todas as formacións que nos acompañaron na última edición: Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Carapaus e a Mekánika Rolling Band.

A XXVIII edición do Festival do Río Castro contou coa colaboración da Deputación da Coruña, do Concello de San Sadurniño e da Cooperativa de Meirás.