Cartel do noso deseñador de cabeceira, o artista gráfico Juanlu Nacha

Edición 2022

En 2020 e 2021 a situación de pandemia primeiro e a obrigada precaución despois, obrigáronnos a suspender o noso festival. Porén, en 2022 regresamos con forza  levando a cabo o programa que tiñamos practicamente ultimado dous anos antes.

Así, volvemos convidar para a sesión vermú aos Feroces da Galgueira, xunto cun entretido obradoiro de baile tradicional para aprendermos os puntos básicos.

A partir das 15:30, Os Picos do Sol encargáronse de nos entreter con divertidos xogos moi relacionados coa sostenibilidade, o ambiente e a recuperación dos enredos de toda a vida, onde o importante era compartir máis que competir. 

Cara ás 17:30 tivemos a actuación dun dos nosos grandes amigos, Peter Punk Pallaso, todo un as dos malabares e do bo humor.

Ao remate do espectáculo, a iso das 18:30 comezou un dos apartados máis exitosos do noso festival, o campionato de xogos populares, que pón a proba a forza e a pericia de quen queira sentar cátedra co tronzador, tirando á corda ou petando na chave.

Ás 22:30 empezamos cos concertos nocturnos. Nesta edición, tal e como se pode ver no cartel, acompañáronnos Encrucillada, Os da Porfía e Tanto Nos Ten.