Xan Pérez e Carlos Quintá unen as súas experiencias nun novo proxecto de música para o baile, a diversión e a festa. Tomando como punto de partida a música popular da tradición oral, elixen espirse, liberándose de sons pregravados e de propostas escénicas pretenciosas, nun exercicio esencialista, no que o acordeón diatónico, a voz e as percusións móstranse preparados para facer do campo da festa un momento de participación para o público.
Montse Rivera e Mercedes Prieto, as armadanzas da tarde, tráennos un espectáculo no que porán a bailar a toda a rapazada e a toda a xente que estea á beira do Castro. A proposta emprega como fío condutor un diálogo entre un mozo e unha moza nun tempo pasado, onde a conversa en lingua galega, e por extensión a música e o baile, servían como base das relacións humanas.
Con explicacións sinxelas van introducíndose danzas galegas e bailes-xogo de carácter tradicional que farán bailar a toda a familia. A lingua galega ten unha grande importancia no espectáculo, xa que se fai fincapé no seu emprego natural nas relacións entre as persoas e apréndeselle ao público un pequeno repertorio de cantigas que pola súa musicalidade e estrutura paralelística vai perdurar na memoria de quen acuda ao espectáculo.
As pandereteiras e cantareiras do grupo Algarabía, nado na parroquia de Lago (Valdoviño), son un piar fundamental para a conservación do patrimonio oral e musical na comarca de Ferrolterra. Desde finais dos anos noventa, estas mulleres dedican os seus esforzos a recoller, salvagardar e difundir o rico patrimonio oral, os cantos tradicionais e os ritmos de percusión herdados das xeracións anteriores. Coas súas voces potentes e o son vibrante das pandeiretas, enchen de ledicia e identidade colectiva cada foliada, serán ou romaría na que participan. A súa traxectoria demostra un compromiso inquebrantable coa cultura popular, servindo de ponte xeracional para que os costumes non caian no esquecemento.
Os Carecos son un grupo de música tradicional galega que iniciou a súa viaxe sonora en 2014, cando as súas voces se atoparon na Asociación Cultural Gamelas e Anduriñas de Espasante. Dende entón, abrazaron o folclore e a tradición galega, combinándoo cunha proposta renovada e auténtica. Veñen a Naraío coa súa proposta que xunta á perfección a polifonía das súas voces coa percusión de man, cun formato moi orixinal e elegante sobre o escenario.
O seu primeiro disco, “FOULA”, publicado tras un exitoso crowdfunding, marcou un punto de inflexión na súa traxectoria. Nel atopamos pezas como Palmira, Xota e muiñeira das Cortellas ou Tristimil, que xa anticipaban a forza do proxecto. A través deste traballo, o grupo reafirma o seu compromiso de levar o folclore galego cara a novas audiencias, abrindo camiños na música tradicional e demostrando que a mestura de tradición e innovación pode resultar nunha experiencia verdadeiramente valiosa.
Tiruleque é un grupo musical nacido na Coruña en 2002, formado por cinco mozos procedentes da música tradicional galega. Desde os seus inicios, combinaron a tradición musical galega, baseada en recollidas e cancioneiros, con diversas influencias que enriqueceron o seu estilo. Ao longo dos anos incorporaron novos instrumentos, ampliando as súas posibilidades expresivas e creando un son propio. Esta evolución reflíctese nos seus discos Tiruleque (2009), Mu!! (2013), Outro que tal baila (2018) e Tiruleque, 20 anos no camiño (2022). Actuaron nos principais festivais de música tradicional e folk de Galicia e percorreron numerosos escenarios de Galicia e do resto do Estado. Participaron en eventos de prestixio como Ortigueira, Pardiñas, Intercéltico do Morrazo e Beltaine. No ámbito internacional, representaron a Galicia no Festival Intercéltico de Lorient. Ademais, compartiron escenario con destacadas figuras da música galega e folk como Milladoiro, Budiño, Susana Seivane, Uxía, Treixadura, Xabier Díaz, Tanxugueiras e Kepa Junkera.