Seguindo coas sesións vermú iniciadas con motivo da 25 edición, en 2023 volvemos ter música a pé de toldo con Vai Rañala Meu!, quen acompañou coas súas pezas tradicionais o obradoiro de baile ofrecido por Óscar López "Coki".
Tralo xantar, SEDEGA volveu facernos pasar unha tarde ben entretida con xogos e actividades pensadas para grandes e pequenos, enfiadas todas pola igualdade e a concienciación ambiental.
A media tarde tivemos a actuación da compañía Teatro Ghazafelhos co espectáculo para a rapazada A illa sen tesouro, que encheu de risas infantís a campeira da Bóla.
Risas que continuaron ao remate do teatro, ao comezo do serán, cando se desenvolveu o campionato de xogos populares. Un clásico do festival que volveu poñer a proba os distintos equipos formados para participar nas probas de tronzador e tiro á corda (este ano non houbo chave por axustes do programa).
Ás 22:30 empezamos cos concertos da noite -nesta edición foron catro-, co grupo Encrucillada, Tres pesos, Os Viqueiras de Ordes e, pechando a festa, A Requinta da Laxeira.
A XXIX edición do Festival do Río Castro contou coa colaboración do Concello de San Sadurniño e da Deputación da Coruña.