O pronome persoal

Apuntamentos:

0 O pronome persoal.pdf

Vídeos:

O pronome persoal

1. Formas tónicas

1.1. As FORMAS RECTAS do pronome tónico (eu, ti, el/ela, nós, nosoutros/as, vós, vosoutros/as, eles/elas) funcionan como suxeito e atributo. Ex.: Nós loitamos polo noso (Suxeito) / Os que loitamos fomos nós (Atributo).

  • Os pronomes el, ela, eles, elas contraen coas preposicións de e en cando forman parte da mesma frase. Ex.: Non te fíes del / Non confíes nela. Esta contracción non ten lugar cando a preposición introduce un verbo, aínda que non o vaia acompañando directamente. Ex. De eles chegaren a tempo, imos xuntos.
  • As formas nós e vós levan til diacrítico para diferencialo das formas átonas nos e vos. Ex.: Nós non nos renderemos.
  • As formas nosoutros/as e vosoutros/as, fronte a nós e vós, teñen un significado máis específico: refírense a un grupo pechado e ben delimitado. Ex.: Nós somos todos do concello de Culleredo, pero nosoutras somos de Vilaboa.
  • Dialectamente, no galego central rexístranse as formas tu (ti) e il, iles (el, eles).

1.2. As FORMAS OBLICUAS LIBRES (min, ti, el/ela, nós, nosoutros/as, vós, vosoutros/as, eles/elas, si) funcionan como termo de preposición ou de conxunción comparativa. Ex.: Faláronme a min (termo da prep.) / É tan alto coma min (termo da conx.)

  • A maior parte das formas oblicuas libres coinciden coas rectas, agás min. Así pois, o pronome eu non se pode usar despois de preposición nin da conxunción comparativa. Ex. Falou para min (non *para eu); É coma min (non *coma eu).
  • Na comparación é obrigado usar as conxuncións ca e coma ante pronomes persoais. Ex. É tan simpatico coma ela, pero menos atrevido ca vós; non podemos empregar que ou como: *como ela, *ca vós.

1.3. As FORMAS OBLICUAS LIGADAS (comigo, contigo, consigo, connosco, convosco, consigo) son o resultado da contracción coa preposición con. Ex. Non vai ir convosco porque agora está comigo.

  • Pode empregarse con nós e con vós, pero son preferibles as formas connosco e convosco. Ex. Vide connosco.

N.B. As formas reflexivas si e consigo refírense á mesma persoa que realiza a acción. Así, cando a acción é reflexiva (recae sobre a persoa que a realiza) debemos empregar estes pronomes. Fíxate na diferenza entre as seguintes oracións: Mercouno para el (para outro ou para si mesmo) / Mercouno para si (para si mesmo); Levaron o rapaz con eles (con eles mesmos ou con outras persoas) / Levaron o rapaz consigo (con eles mesmos).

2. Formas átonas

  • Os pronomes átonos desempeñan as funcións de Complemento Directo (formas de acusativo) ou de Complemento Indirecto (formas de dativo). As formas de dativo tamén poden ter o valor de dativo de solidariedade.
  • O pronome de 3ª persoa (singular e plural) de acusativo (C.D.) presenta diferentes alomorfos coa seguinte distribución:
      1. -lo, -la, -los, -las: emprégase despois de formas verbais rematadas en -r ou -s. Ex. Fixemos os deberes → Fixémolos
      2. -no, -na, -nos, -nas: emprégase despois de formas verbais rematadas en ditongo. Ex: Viu unha pantasma → Viuna
      3. o, a, os, as: emprégase no resto dos casos (detrás doutras terminacións e cando o pronome vai diante do verbo). Ex: Fago unha tortilla → Fágoa / Non fago unha tortilla → Non a fago.

  • Na segunda persoa temos unha forma para o Complemento Directo: TE e outra para o Complemento Indirecto: CHE. Nalgunhas áreas dialectais só existe che para as dúas funcións (este fenómeno denomínase cheísmo). Ex. *Non che vin Noutras áreas só existe te para as dúas funcións (este fenómeno denomínase teísmo). Ex. *Non te falou.

  • CONTRACCIÓNS: os pronomes de dativo (me, che, lle, nos, vos, lles) contraen co acusativo de terceira persoa o, a, os as:

3. Valores de SE


  • Valor reflexivo: indica a coincidencia entre o axente e o paciente da acción verbal. Exemplo: Manolo peitéase con coidado.
  • Valor recíproco: Indica dous ou máis suxeitos executando e recibindo simultaneamente a acción verbal. Exemplo: Os gatos aloumiñábanse con tenrura.
  • Valor pronominal: O se acompaña a verbos que necesitan o pronome para manter o seu significado; forma parte do verbo. Exemplo: queixarse, arrepentirse, inmutarse...
  • Valor impersoal: O se é marca de impersonalidade en construcións que carecen de suxeito. Só se emprega con verbos en 3ª persoa de singular (non admite o plural). Equivale a ‘alguén / hai persoas que / hai quen’. Exemplo: Dise que o mercado financieiro está en crise (Alguén di...).
  • Valor de pasiva reflexa: A diferenza das impersoais con se, as pasivas reflexas si que teñen un suxeito que concorda co verbo. Aparecen co verbo en singular ou en plural, pero sempre en voz activa (fronte á pasiva normal) e non levan o C. Axente. O pronome persoal se enmascara a identidade do axente. Ex. Véndese unha casa en Lousame / Véndense casas en Tui.

4. Colocación do pronome


1. A posición normal do pronome átono é DESPOIS do verbo (Posición enclítica). Exemplo: Quérote moito.

Un pronome átono nunca pode comezar unha oración. Exemplo: *Te quero moito.


2. O pronome vai diante do verbo (Posición proclítica) nos seguintes casos:

    • En oracións negativas (non, nunca, ninguén, nin...): Non te quere / Nunca te quixo.
    • Con pronomes interrogativos ou exclamativos (quen, como, que, cando, por que...): Por que te quero? / Canto te quero!
    • En oracións subordinadas (introducidas por nexos subordinantes coma que, se, quen...): Eu sei quen te quere. / Pregúntalle se te quere.
    • En oracións desiderativas: Oxalá o queira.
    • Cando a oración comeza por adverbios coma xa, sempre, , moito, moi, tanto, seica, tamén...: Sempre te quixo. / Moito te quere. / Seica te quere. / Quizais te queira.
    • Cando a oración comeza por algúns indefinidos coma algo, alguén, ambos, todo, calquera, bastante...: Todos te queren. / [Algúns quérente]