Panorámica xeral

da Historia da lingua e da literatura galegas

Presentación:

1 Panorámica xeral da historia da lingua e da literatura galegas - Presentación.pdf

Infografía:

Para saber máis:

Panorámica xeral da

Historia da lingua e da literatura galegas

  1. Orixes da lingua galega - Séculos I a.C - VII
  2. Etapa medieval - Séculos IX - XV
  3. Séculos Escuros - Séculos XVI - XVII - XVIII
  4. Século das Luces - Século XVIII
  5. Rexurdimento - Século XIX
  6. Século XX / Actualidade - Século XX, XXI

1. Orixes da lingua galega - Séculos I a.C - VIII

A historia da lingua galega comeza coa chegada dos romanos á Gallaecia, no territorio do noroeste da Península ibérica, arredor do século I a.C. Os romanos traen canda eles a súa lingua, o latín, que acabará substituíndo por completo todas as linguas que se falaban antes neste territorio (as linguas de substrato). Despois dos romanos, logo da fragmentación do Imperio, instálanse na Gallaecia os pobos xermánicos (suevos e visigodos). As linguas destes pobos (linguas de superestrato) non desprazaron o latín, mais si influíron nel.


2. Etapa medieval - Séculos IX - XV

Co devir dos séculos, o latín falado na Gallaecia foi evolucionando de xeito progresivo ata desembocar nunha nova lingua: o galego. A maior parte das/os estudosas/os consideran que desde o século IX o latín e o galego debían ser xa dúas linguas diferenciadas.

Nesta etapa, o galego (ou galego-portugués) era a lingua romance falada en toda a franxa noroccidental da Península Ibérica, desde o Cantábrico ata o río Douro. Tras a independencia de Portugal no século XII, galego e portugués iniciarán camiños diverxentes.

Do século IX ao XII, o galego é a lingua oral de toda a poboación, mentres que o latín continúa a ser a lingua de cultura, empregada na redacción de documentos escritos.

É a partir do século XII cando comezan a escribirse os primeiros textos en galego, tanto de carácter administrativo e xurídico (testamentos, preitos, ordenanzas…) coma literarios. Nesta etapa, a literatura galega vivirá o seu momento de máximo esplendor coa lírica dos trobadores, que acada unha extraordinaria importancia.


3. Séculos Escuros - Séculos XVI - XVII - XVIII

A partir de finais do século XV, o castelán entra en Galicia para se converter en lingua escrita e, paulatinamente, na lingua habitual das clases altas. Entramos nos chamados Séculos Escuros.

Instálase en Galicia unha minoría castelá que ostenta o poder político e relixioso. Fronte a este grupo reducido, a inmensa maioría do pobo mantén o galego como lingua oral.

Esta decadencia do prestixio da lingua galega está estreitamente vinculada cos acontecementos históricos: a integración de Galicia na Coroa de Castela, a chegada ao poder dos Reis Católicos e a acentuada política centralista destes monarcas.


4. Século das Luces - Século XVIII

No século XVIII, a situación da lingua galega non sofre variacións con respecto aos séculos anteriores. Porén, coa chegada da Ilustración xorden unha serie de figuras defensoras da cultura e da lingua galegas. Entre elas destacan o Padre Feixóo e o Padre Sarmiento.


5. Rexurdimento - Século XIX

Logo do silencio dos Séculos Escuros, o XIX é o século do Rexurdimento, un movemento de recuperación da lingua, da literatura e da cultura galegas. Este movemento está estreitamente vinculado coa aparición e desenvolvemento da ideoloxía galeguista, que defende e trata de dignificar a identidade galega.

Na literatura, as tres grandes figuras do Rexurdimento foron Rosalía de Castro, Eduardo Pondal e Curros Enríquez. Resulta admirable o labor dos escritores e escritoras desta etapa, que comezan a usar como lingua literaria un idioma que, naquela altura, era desprezado pola cultura oficial e relegado a lingua rural e familiar.


6. Século XX / Actualidade - Séculos XX, XXI

Comezos do século XX

Ata 1936 asistimos a importantes avances para Galicia, para a nosa lingua e a nosa cultura. É a época das Irmandades da Fala, do Grupo Nós, do Partido Galeguista, do Estatuto de Autonomía do 36… Tamén é a época de grandes obras e autores coma Castelao, Otero Pedrayo, Cabanillas, Manuel Antonio…

1936 - 1975

Estes avances vense truncados en 1936 por mor do estalido da Guerra Civil e da posterior ditadura franquista. As voces da intelectualidade galega son silenciadas; algunhas son asasinadas e outras vense obrigadas a exiliarse. É a chamada longa noite de pedra. A lingua galega volve desaparecer da escrita e de calquera acto oficial. Ademais, increméntanse os prexuízos cara ao galego e a perda de galegofalantes.

A partir de 1950 iníciase unha lenta recuperación cultural e literaria coa fundación da editorial Galaxia e a publicación de autores coma Álvaro Cunqueiro, Eduardo Blanco Amor, Celso Emilio Ferreiro ou Xosé Neira Vilas.

A partir de 1975

En 1975 remata a ditadura e iníciase a transición cara á democracia, que vai recoñecer as diferentes linguas e culturas dentro do Estado español. Así, o galego, recoñecido como lingua oficial, vai entrando en ámbitos que ata entón lle estaban vetados: o ensino, a administración, os medios de comunicación… Con todo, malia estes avances, a lingua galega non acadou aínda a súa plena normalización. O principal problema no momento actual é a continuada perda de falantes, que conduce a nosa lingua cara a un futuro incerto.