Rosalía de Castro naceu en Santiago de Compostela o 24 de febreiro de 1837. Era filla dunha fidalga vida a menos e dun seminarista. A súa infancia transcorre en Padrón. Esta vila e os seus arredores están moi presentes na súa obra.
A partir de 1850 instálase en Santiago. Alí recibe estudos de música, francés, deseño, lectura… Tamén en Santiago entra en contacto con outros intelectuais da época coma Eduardo Pondal ou Aurelio Aguirre.
A partir de 1856 instálase en Madrid, onde publica os seus primeiros libros en castelán: o poemario La flor e a novela La hija del mar. Tamén en Madrid coñece a Manuel Murguía e casa con el; tiveron oito fillos.
En 1863 publica Cantares gallegos, obra inaugural do Rexurdimento pleno e da Literatura Galega Moderna. En 1880 publícase Follas novas, o seu segundo e último poemario en galego.
En 1884, despois de vivir en múltiples lugares por mor do traballo de Murguía, a familia instálase definitivamente en Padrón, na chamada Casa da Matanza, hoxe convertida en museo e sede da fundación Rosalía de Castro.
Enferma de cancro, Rosalía falece en 1885. Foi enterrada no cemiterio de Padrón e posteriormente os seus restos foron trasladados ao Panteón dos Galegos Ilustres (en Santiago de Compostela).
A obra escrita por Rosalía en galego consta de dous libros de poesía: Cantares gallegos e Follas novas e un relato breve titulado Conto gallego.
Rosalía foi tamén unha prolífica autora en castelán, con títulos de poesía coma La Flor ou En las orillas del Sar e tamén de narrativa coma La hija del mar, Flavio, El caballero de las botas azules…
Cantares gallegos saíu á luz o 17 de maio de 1863. A súa publicación constitúe un auténtico fito na historia de Galiza xa que é a obra que inaugura a Literatura galega contemporánea. Cen anos despois escolleríase esa data, o 17 de maio, como Día das Letras Galegas.
A obra consta de 36 poemas. Todas as composicións están vinculadas a unha cantiga popular que Rosalía reproduce e glosa. Noutras palabras, Rosalía crea un novo poema partindo dunha cantiga popular. A escritora segue o modelo empregado polo escritor vasco Antonio Trueba, no seu Libro de los cantares (1852).
Os 36 poemas van precedidos por un PRÓLOGO no que Rosalía explica os motivos que a levaron a escribir este poemario en galego. A autora perseguía tres obxectivos:
Ademais, tamén no prólogo, Rosalía manifesta as dificultades de escribir sen posuír un modelo de lingua estándar.
Atendendo á TEMÁTICA, podemos clasificar os poemas de Cantares gallegos en catro grandes apartados: Poema inicial e poema final, poesía costumista, poesía intimista e poesía social.
a. Poema inicial e poema final. No primeiro poema da obra, unha voz poética que podemos identificar como a autora pídelle a unha meniña gaiteira que cante en lingua galega (na lengua que eu falo). A rapaza acepta esa petición e comeza a “cantar” os Cantares gallegos.
No derradeiro poema, que serve de despedida, volve aparecer a meniña gaiteira, que se escusa por ter cantado con pouca graza toda a fermosura de Galiza: eu cantar, cantar, cantei, a grasia non era moita.
b. Poesía costumista. Neste poemas, Rosalía busca reflectir a idiosincracia, a personalidade colectiva do pobo galego. Neles recréanse aspectos da vida cotiá tradicional: romarías, supersticións, traballos no campo, personaxes populares… Exemplos: A Virxe da Barca / Un repoludo gaiteiro
c. Poesía intimista. Nestes poemas, Rosalía expresa vivencias e sentimentos persoais, como a saudade, a lembranza dos antepasados e da infancia, o medo… Séntese unha persoa marcada pola soidade e pola desgraza. Exemplos: Campanas de Bastabales / Aló nas tardes serenas
d. Poesía social. Neste poemas, Rosalía trata e denuncia a situación social que vivían os galegos nese tempo: a pobreza do campesiñado, a imaxe negativa e os desprezos cara o pobo galego, o drama da emigración… Exemplos: Adiós ríos, adiós fontes / Pobre Galicia...
Follas novas saíu á luz no ano 1880. A obra consta dun prólogo en prosa e 137 poemas, clasificados en cinco apartados: Vaguedás (20 poemas), Do íntimo (36), Varia (40), Da terra (9) e As viúvas dos vivos e as viúvas dos mortos (31).
- PRÓLOGO: no prólogo de Follas novas, Rosalía explica que os poemas desta obra xa foran escritos con bastante anterioridade á súa publicación (dez anos antes) e confesa ademais que non era a súa intención publicalos, senón que o facía a desgusto e obrigada “por vellos compromisos”. Rosalía advírtenos tamén de que Follas novas é un poemario diferente de Cantares gallegos, invadido por un ton máis pesimista, no que se reflexa o “estado do seu espírito”. Por outra banda, ademais de poesía intimista, no propio prólogo tamén se introduce a outra liña poética que encontraremos na obra: poesía social e reivindicativa, na que Rosalía mostra a súa solidariedade co pobo galego e cos seus problemas, especialmente coas mulleres campesiñas.
a. Poesía intimista, invadida polo pesimismo, reflexa sentimentos coma o desacougo, a saudade, a intranquilidade, o paso do tempo, a perda da ilusión e dos soños, o desamor… Este tipo de poemas encontrámolos nas tres primeiras partes da obra: Vaguedás, Do íntimo e Varia.
b. Poesía social e reivindicativa: denúnciase o atraso económico de Galiza, o drama da emigración… Céntrase especialmente na situación das mulleres campesiñas, por quen mostra a súa admiración e con quen se solidariza. Este tipo de poemas encontrámolos nas tres últimas partes da obra: Varia, Da terra e As viúvas dos vivos e as viúvas dos mortos.
Para valorarmos como merece a singularidade e a importancia de Rosalía de Castro, cómpre non perder de vista o contexto no que viviu e escribiu a súa obra: o século XIX.
No século XIX...
Neste contexto en contra, Rosalía de Castro...
Por todo isto, consideramos a Rosalía de Castro un símbolo da rebeldía contra a sociedade patriarcal e defensora dos dereitos lingüísticos e políticos do pobo galego.