Do latín ao galego

As orixes da lingua galega

Presentación:

2 Do latín ao galego - As orixes da lingua galega - Presentación.pdf

Vídeos:

Do latín ao galego. As orixes da lingua galega

1. Introdución

A historia da lingua galega comeza coa chegada e o asentamento dos romanos na Gallaecia, no territorio do noroeste da Península Ibérica, arredor do século I a.C. Os romanos traen canda eles a súa lingua, o latín, que acabará substituíndo por completo todas as linguas que se falaban antes neste territorio. Adoptando unha perspectiva diacrónica, podemos dicir que a lingua galega que hoxe falamos é o resultado da evolución dese latín que chegou aquí hai 2000 anos.

Porén, antes de que os romanos chegasen ao NO ibérico, aquí xa había vida e, obviamente, xa había linguas. Esas linguas prerromanas constitúen o que denominamos o substrato do galego. Malia que todas as linguas do substrato remataron extinguíndose, influíron na lingua dos colonizadores, deixando a súa pegada no latín da Gallaecia (especialmente no plano léxico e na toponimia).

Despois dos romanos, logo da fragmentación do Imperio, instálanse na Gallaecia os pobos xermánicos (suevos e visigodos). Posteriormente, tamén na Gallaecia ten certa presenza (aínda que escasa) o pobo árabe. As linguas destes pobos non desprazaron a lingua latina, mais tamén influíron nela. Esas linguas posteriores á romanización constitúen o superestrato do galego.


2. O substrato

O substrato do galego está constituído polas linguas prelatinas, faladas pola poboación do NO da Península Ibérica antes da chegada dos romanos. O estudo das linguas prelatinas resulta moi complexo e coñécese moi pouco delas xa que non tiñan cultivo escrito. Podemos distinguir dous grandes tipos de substrato: o preindoeuropeo e o indoeuropeo.

2.1. Substrato preindoeuropeo

O substrato preindoeuropeo localízase cronoloxicamente na Idade de Pedra. Algúns exemplos de palabras de orixe preindoeuropea que chegaron até os nosos días son carqueixa, queiroga, carrasco, amorodo, morote, morango, carballo, toxo... É probable que os romanos descoñecesen estas especies e que, polo tanto, non tivesen un nome para elas e adoptasen as denominacións autóctonas.

2.2. Subtrato indoeuropeo

Cara ao ano 800 a.C., os preindoeuropeos foron desprazados do NO da Península Ibérica polos pobos indoeuropeos, entre os que cómpre destacar os celtas. No tocante á lingua, é relativamente numeroso o vocabulario galego de procedencia celta. Podemos sinalar algunhas palabras coma: berce, billa, balor, burato, bugallo, croio, lama, laxe, lousa, morno, sarabia, rodaballo, virar... Tamén é importante a influencia do substrato celta na toponimia. Podemos sinalar algúns topónimos (nomes de lugar) e hidrónimos (nomes de ríos) coma: Galiza - Galicia, Coruña, Alobre, Castrove, Lestrove, Avia, Avión, Miño, Sar, Sarela...


3. A romanización da Gallaecia

3.1. A chegada dos romanos e o seu asentamento na Gallaecia

A partir do século I a.C., a política imperial dos romanos lévaos a achegarse a terras galaicas. Na conquista romana da Gallaecia podemos destacar tres campañas militares:

  • 138 a.C. → Primeira incursión dos romanos na Gallaecia, coa expedición dirixida por Décimo Xunio Bruto. Nesta campaña ten lugar o singular episodio do Río do Esquecemento[1].
  • 61 a.C. → Comeza a conquista da Gallaecia coa campaña comandada por Xulio César.
  • 19 a.C. → Gallaecia intégrase definitivamente no Imperio Romano a partir das cruentas campañas de Octavio Augusto. Ao longo desta última expedición, ten lugar o famoso episodio do Monte Medulio[2].

Entre galaicos e romanos foise tecendo unha estreita rede de relacións sociais que favoreceu a penetración da cultura e da lingua dos invasores: aséntanse na Gallaecia colonos romanos, proliferan os matrimonios mixtos, o exército romano recruta para as súas filas poboación autóctona, romanos e castrexos traballan tamén xuntos na construción das vías de comunicación, nas explotacións mineiras… Así pois, houbo comunicación entre os castrexos e os romanos, o que contribuíu a que a lingua latina se pose espallando paseniñamente entre a poboación galaica.

3.2. A introdución do latín na Gallaecia

Estas relacións sociais entre os castrexos e os romanos, así como o gran prestixio da lingua latina, fan que a poboación autóctona vaia asimilando progresivamente a lingua dos invasores. Distínguense tres etapas na introdución do latín na Gallaecia:

  • Desde a conquista da Gallaecia, o latín está presente como a lingua dos colonizadores, da administración e do exército.
  • A partir do século II, comeza a substitución lingüística. O latín é o idioma da promoción social.
  • Polo século VI complétase a substitución lingüística, desaparecendo todas as linguas prelatinas.

3.3. Algunhas evolucións fonéticas do latín ao galego

  • Sonorización das consoantes oclusivas xordas intervocálicas: -p-, -t-, -k- > -b-, -d-, -g-. Exemplos: LUPU > lobo , ROTA > roda , AMICU > amigo , SAPERE > saber, VERITATE > verdade , FOCU > fogo
  • Desaparición das consoantes -D-, -G-, -L- e -N- en posición intervocálica. Exemplos: PARADISU > paraíso, CRUDELE > cruel, LEGERE > ler, LEGENDA > lenda, MOLA > moa, SALIRE > saír, LUNA > lúa, CORONA > coroa
  • Simplificación das consoantes dobres latinas -LL- e -NN- > -l-, -n-. Exemplos: CABALLU > cabalo, CASTELLU > castelo, ANNU > ano, CANNA > cana
  • Evolución do grupo latino -CT- a -it-. Exemplos: NOCTE > noite, LACTE > leite, DIRECTU > dereito, FACTU > feito
  • Evolución dos grupos consonánticos PL-, FL- e CL- a /tS/ (ch). Exemplos: PLORARE > chorar, FLAMMA > chama, CLAMARE > chamar, PLUVIA > chuvia, CLAVE > chave, PLICARE > chegar
  • Evolución do ditongo latino AU > ou. Exemplos: CAUSA > cousa, MAURU > mouro, AUTUMNU > outono, TAURU > touro

4. O superestrato

4.1. O superestrato xermánico

  • Século V → Caída do Imperio Romano. A fin do Imperio estivo provocada, entre entre outros factores, polas grandes invasións dos pobos xermánicos (bárbaros).
  • Século V → Á Gallaecia chegaron os suevos, que instauraron o primeiro reino da Europa medieval.
  • Finais do século VI (ano 585) → O reino suevo intégrase no visigodo.

As linguas destes pobos xermánicos forman parte do superestrato do galego. As linguas xermánicas non chegaron a desprazar o latín que se falaba aquí e a súa influencia foi bastante superficial. Podemos sinalar algúns xermanismos moi habituais na lingua galega coma: agasallar, arpa, frecha, guerra, luva, roupa…

Tamén é destacable a pegada das linguas xermánicas na onomástica (nomes propios), tanto na toponimia (nomes de lugar) coma na antroponimia (nomes de persoa). Así, son de orixe xermánica antropónimos coma Afonso, Alberte, Álvaro, Elvira, Fernando, Gonzalo, Guillerme… e topónimos coma Suevos, Mondariz, Allariz, Castromil, Gondar, Guisamonde

4.2. O superestrato árabe

Ano 711 → Entran os árabes na Península Ibérica e axiña dominan o territorio do reino visigodo. A súa presenza en Galicia (e, en xeral, no norte peninsular) foi escasa. Aínda así, na lingua galega tamén se rexistran numerosas palabras tomadas do árabe. Con todo, moitos destes arabismos chegaron á nosa lingua de xeito indirecto a través do castelán. Podemos poñer algún exemplo destas voces, coma: alcalde, alférez, aldea, algodón, alcohol, albeite, alfaiate, alfaia, alfombra, almofada, alfinete, álxebra, xadrez...

---

[1] Cando as tropas de Décimo Xunio Bruto chegan ao río Limia, confúndeno co mitolóxico Río Lethes, “río do esquecemento”. Segundo o mito, quen atravesase ese río ficaría sen recordos. Ante o temor dos romanos, Décimo Xunio Bruto atravesou de primeiro o Limia e, desde a outra beira, foi chamando polo nome aos seus soldados, demostrándolles que non os esquecera.

[2] No curso da cruenta campaña final de Octavio Augusto sitúase o mítico episodio do Monte Medulio. Un enorme grupo de galaicos rebeldes refúxianse no monte Medulio (que hoxe non logramos situar), tratando de facer fronte ao dominio de Roma. Cando se decatan de que non poden resistir máis perante o asedio romano, escollen o suicidio colectivo antes de caeren no poder do inimigo.