A lingua galega na Idade Media

Presentación:

6 A lingua galega na Idade Media - Presentación.pdf

Vídeos:

Mapa: Evolución diacrónica das linguas da Península Ibérica

A lingua galega na Idade Media

1. Contexto histórico, social e cultural

1.1. O Reino de Galiza na época medieval

a) Organización política e territorial

As fronteiras medievais da Península Ibérica pouco teñen que ver coas actuais.

Ao longo da Idade Media altérnanse períodos en que Galiza constitúe un reino independente e outros períodos en que se integra na órbita do reino astur-leonés e, máis tarde, na Coroa castelá.

No século XII prodúcese a independencia do condado de Portugal (separación de Galiza e Portugal).

A partir de 1230, con Fernando III, unifícanse as coroas de Galiza, León e Castela. Galiza vai perdendo poder.

b) Economía

A economía medieval era predominantemente agrícola e mariñeira, complementada coa actividade artesanal e comercial que se concentraba nos burgos (→ cidades).

c) Sociedade

A socidade medieval presentaba unha estrutura ríxida e desigualitaria, dividida en estamentos pechados. Os estamentos privilexiados, nobreza e clero, detentaban todo o poder e todos os bens, fronte ao campesiñado e á burguesía. Na cúspide da pirámide social estaba a figura do rei, que foi paulatinamente acumulando poder nas súas mans.

1.2. A Era Compostelá (séculos XII, XIII)

Os séculos XII e XIII abranguen a época de máximo esplendor da Galiza medieval. Ao longo desta etapa, a sociedade galega experimentou importantes melloras:

    1. Etapa de relativa paz
    2. Aumento da poboación
    3. Melloras na agricultura - Excedente agrario
    4. Crecemento das cidades e da burguesía
    5. Importancia da cidade de Compostela e do Camiño de Santiago. Co arcebispo Diego Xelmírez, célebre figura desta época, Compostela convértese nun importantísimo centro de peregrinación cristiá. O Camiño de Santiago converteuse nunha gran fonte de riqueza material, mais tamén cómpre destacar o intercambio cultural e artístico que xerou ao redor do camiño (música, arte románica, poesía…).
    6. Desenvolvemento da arte románica e da lírica trobadoresca galego-portuguesa. Eran bos tempos para a cultura. Grazas ao esplendor que experimenta Galiza nesta etapa nacen e desenvólvense dúas importantísimas manifestacións artísticas: a arte románica e a lírica trobadoresca galego-portuguesa. Ademais, foi durante a Era Compostelá cando o idioma galego vive o período de máximo esplendor e plena normalidade.

1.3. Decadencia de Galiza na Baixa Idade Media (s. XIV - XV)

Logo da etapa de esplendor vivida na Era Compostelá, comeza, a partir do século XIV, a decadencia de Galiza. Algúns factores que tiveron que ver neste declive foron:

    1. A importante crise demográfica e o estancamento económico que se vive en Galiza e en Europa (causado por súa vez por múltiples adversidades naturais, pola Peste Negra etc).
    2. A unificación das coroas de Galiza, León e Castela a partir de 1230 co reinado de Fernando III. Galiza vai paulatinamente perdendo poder fronte a Castela.
    3. Dous conflitos reais con consecuencias moi negativas para Galiza:
      • Pedro I vs. Henrique de Trastámara (s. XIV)
      • Dona Xoana vs. Dona Isabel (s. XV)

Pedro I vs. Henrique de Trastámara (s. XIV)

Coa morte do rei Afonso XI en 1350 iníciase un importante e longo conflito sucesorio entre:

  • Pedro I - Fillo lexítimo do monarca e da súa esposa, dona María de Portugal.
  • Henrique de Trastámara - Froito da relación extramatrimonial entre Afonso XI e Leonor de Guzmán.

Neste conflito, os nobres galegos apoian a Pedro I. Así, cando Henrique de Trastámara resultou vencedor e se converteu en rei (Henrique II), fixo que entrase en Galiza aristocracia castelá (que o apoiara na contenda), que traía consigo o seu propio idioma.

Dona Xoana vs. Dona Isabel (s. XV)

A sucesión do rei Henrique IV (morto en 1474) foi disputada entre:

  • Dona Xoana: era filla de Henrique IV e de Xoana de Portugal. Sobre ela pesaba a dúbida de se era filla lexítima do monarca (que era chamado Henrique IV, O impotente) ou froito dunha relación da súa nai co nobre Beltrán de la Cueva (de aí que a Dona Xoana a alcumasen A Beltranexa). Estaba casada co seu tío, o rei Afonso V de Portugal.
  • Dona Isabel (a futura Isabel I de Castela, Isabel a Católica): era medio irmá do rei Henrique IV. Estaba casada con Fernando II de Aragón.

A maior parte da nobreza galega apoia, novamente, o bando perdedor, é dicir, a Dona Xoana, rebelándose contra Isabel I. A guera conclúe en 1479, cando se asina o Tratado de Alcáçovas, no que se recoñece a Isabel e Fernando como reis de Castela. Os Reis Católicos someten a nobreza galega e, en moitos casos, quítanlles o seu poder, substituíndoa por nobres de fóra.


1.4. As Revolucións Irmandiñas (século XV)

a. 1431 - 1ª Guerra Irmandiña - Irmandade Fusquenlla

A chamada I Guerra Irmandiña ten lugar en 1431, cando a Irmandade Fusquenlla, integrada por burgueses e labregos e encabezados por Roi Xordo, se levantan nas terras de Betanzos e Pontedeume contra os abusos dos Andrade.

b. 1467 / 1469 - Grandes revoltas irmandiñas

En 1467 nace a Irmandade Xeral do Reino de Galicia. Os castelos e fortalezas convértense en símbolo da inxustiza señorial e, polo tanto, en obxectivo das iras dos irmandiños, que nos anos seguintes se dedican a derrubalas de forma sistemática. Perante a revolta, os nobres foxen a Castela ou Portugal. Na primavera de 1469, prodúcese o contraataque da nobreza, que acaban poñendo fin á revolta.

2. A lingua galega na Idade Media

2.1.a. Desde cando existe o galego[1] como idioma diferenciado do latín?

A lingua galega é, desde unha perspectiva diacrónica, o resultado da evolución do latín que, alá polo século I a.C., os romanos trouxeran ao noroeste da Península Ibérica, á Gallaecia.

A influencia do substrato e do superestrato así como as evolucións internas que se foron producindo co paso do tempo dan lugar a unha lingua nova, xa diferenciada do latín: o galego. Do mesmo xeito, ao igual ca na Gallaecia, no resto do Imperio Romano ocorreu o mesmo: a fragmentación da unidade lingüística do Imperio Romano deu lugar ás diferentes linguas románicas.

Considérase que o latín e o galego son idiomas diferenciados polo menos desde o século VIII.

Non obstante, aínda que desde esa época o galego xa era a lingua oral de toda a poboación, continúa a escribirse exclusivamente en latín ata o século XII (aínda que moitas veces neses textos latinos xa se incluían palabras galegas).

2.1.b. Cando comeza a escribirse en galego?

Os primeiros textos escritos en galego-portugués datan de finais do século XII - comezos do XIII. A partir de aí, o uso do galego na escrita vaise xeralizando e empregando en todo tipo de textos:

    • Documentos privados: testamentos, foros, doazóns…
    • Documentos públicos institucionais: ordenanzas de concellos, regulamentos de gremios…
    • Documentos xudiciais: denuncias, sentenzas…
    • Documentos científicos e didácticos: Tratado de albeitaría
    • Documentos historiográficos sobre a historia peninsular e universal
    • Documentos literarios: cantigas de amigo, de amor, de escarnio e maldicir…

2.2.Quen empregaba o galego na Idade Media? Monolingüismo social

Desde o seu nacemento e ata o século XV, o galego foi a lingua de todos e cada un dos diferentes estratos existentes na sociedade galega. Tanto as clases populares (labregos, mariñeiros) como os habitantes das incipientes vilas e cidades (artesáns, tendeiros), como os membros das altas xerarquías nobiliarias, fosen civís ou eclesiásticas, utilizaban para comunicárense oralmente o galego (monolingüismo social oral).

3. O proceso de minorización do galego

A finais do Medievo, a lingua galega entra nun período de decadencia nos seus usos formais e literarios. Esta minorazión do galego está estreitamente ligada coas circunstancias políticas da época:


  1. Unificación das coroas de Galiza, León e Castela a partir de 1230 co reinado de Fernando III. Fernando III foi o primeiro rei que utilizou o castelán na documentación dirixida a Galiza: cartas, foros… A seguir, o rei Afonso X consolidou definitivamente a lingua de Castela como lingua oficial de toda a Coroa.

  1. Guerras de sucesión dos séculos XIV e XV (Pedro I vs. Henrique de Trastámara e Dona Xoana vs. Isabel A Católica). A nobreza galega, como xa vimos, estivo sempre no bando dos perdedores e isto fixo que entrase en Galiza unha aristocracia castelá que trae consigo o seu idioma. A partir do reinado dos Reis Católicos, diferentes cargos públicos (Corrixidor, Gobernador de Galiza…) son ostentados por persoas de fóra que falan en castelán e tamén escriben en castelán os documentos.

É a partir de finais do século XV cando o castelán entra en Galiza para converterse en lingua escrita e, paulatinamente, na lingua habitual das clases altas. No entanto, as clases populares (a inmensa maioría da poboación galega) mantiveron o galego como lingua oral. Entramos nos chamados Séculos Escuros (séculos XVI - XVIII).


4. A consolidación de dúas variedades lingüísticas

As circunstancias políticas fan que Galiza e Portugal sigan camiños históricos diferentes:

    • Século XII - Independencia de Portugal - Constitución dun reino independente.
    • Século XIII - Anexión de Galiza á Coroa de Castela

Isto ten tamén consecuencias para a lingua. Coa ausencia de unidade política entre Galiza e Portugal, a unidade lingüística inicial vaise rompendo. As diferenzas entre galego e portugués vanse agrandando.

----

[1] Empregamos indistintamente os termos galego ou galego-portugués pois naquela época eran a mesma lingua.