O texto narrativo


Presentación:

4 O texto narrativo - Presentación.pdf

Exemplo de comentario:

4 Comentario dun texto narrativo - Exemplo.pdf

O TEXTO NARRATIVO

1. Introdución

Nun texto narrativo relátanse uns acontecementos, reais ou imaxinarios, que lles suceden a uns personaxes nun tempo e nun espazo determinados. Os textos narrativos poden ser literarios ou non literarios:

    • Narracións literarias: contan feitos inventados empregando unha linguaxe coidada. Son narracións literarias as novelas e os contos.
    • Narracións non literarias: relatan feitos reais e aparecen na nosa vida cotiá (Ex. cando relatamos o que aconteceu en calquera momento), nos medios de comunicación (Ex. unha noticia), etc.

2. Historia e discurso

Á hora de narrar unha historia podemos facelo de xeitos moi diferentes. Así pois, cómpre realizar unha primeira distinción entre a historia e o discurso:

    • Historia: serie de acontecementos, reais ou imaxinarios, que lles ocorren a uns personaxes nun espazo e nun tempo determinados.
    • Discurso: xeito de plasmar textualmente a historia.

Cando narramos unha historia podemos adoptar diferentes puntos de vista (contala en 1ª persoa, en 3ª...), podemos ordenar de diferente xeito os acontecementos (comezar polo principio, comezar polo final...), podemos centrarnos nuns acontecementos e resumir ou omitir outros, podemos buscar a obxectividade ou incluír as nosas opinións propias sobre a historia... Así pois, unha mesma historia pode dar lugar a discursos moi distintos.


3. O narrador

O narrador é a voz ficticia que conta a historia. [Non debemos identificalo nin confundilo co/a autor/a real!]

Dependendo da súa posición dentro ou fóra da historia diferenciamos os seguintes tipos:

1. NARRADOR EN 1ª PERSOA (narrador interno / narrador autodiexético): é aquel que se sitúa dentro da historia, participando tamén como personaxe. Dependendo da súa importancia como personaxe podemos distinguir tres tipos:

    • Narrador protagonista: quen conta a historia é a persoa que a protagoniza (narrador homodiexético).
    • Narrador personaxe: o narrador forma parte da historia, pero non é o seu protagonista.
    • Narrador testemuña: o narrador forma parte da historia, pero tan só como espectador.

2. NARRADOR EN 3ª PERSOA (narrador heterodiexético): sitúase fóra da historia. Dependendo do coñecemento da historia que teña distinguimos entre:

    • Omnisciencia neutral: o narrador sábeo todo sobre a historia e os seus personaxes: o seu pasado, o seu presente, o seu futuro, os seus pensamentos, os seus desexos, os seus sentimentos máis agachados... Conta todo o que sabe de xeito neutral, sen dar a súa opinión sobre os acontecementos.
    • Omnisciencia editorial: o narrador sábeo e cóntao todo sobre a historia e, ademais, achega tamén as súas propias reflexións, comentarios ou valoracións sobre os personaxes.
    • Omnisciencia selectiva: o narrador en 3ª persoa identifícase cun dos personaxes e cóntao todo a través dos ollos dese personaxe. Todo aquilo que ese personaxe descoñeza, será tamén descoñecido para o narrador. Pode entrar nos pensamentos dese personaxe, pero non nos dos demais personaxes. Ás veces, o narrador identifícase con varios personaxes; falamos entón de omnisciencia multiselectiva.

3. NARRADOR EN 2ª PERSOA: o narrador diríxese a un ti, buscando a complicidade do lector. Desdobra a súa personalidade e fala consigo mesmo coma se o fixese con outro.


4. Os personaxes

Os seres, reais ou imaxinarios, que interveñen na historia son os personaxes. Nun texto narrativo non todos os personaxes teñen a mesma importancia. Dependendo disto, distinguimos as seguintes categorías:

  1. Personaxes principais: son os que teñen maior peso na narración. Entre eles diferenciamos o(s) protagonista(s), ao que lle suceden os feitos e os desencadea, e o(s) antagonista(s), que se opón ao protagonista, creando o conflito da historia.
  2. Personaxes secundarios: interveñen nun momento determinado da narración. Poden adquirir unha importancia decisiva na evolución dos protagonistas ao cruzárense no seu camiño, axudalos, aconsellalos etc.
  3. Personaxes episódicos / de ambientación: carecen de importancia para o desenvolvemento da acción, pero serven para dar verosimilitude ao relato.

Cada personaxe presenta unha serie de trazos que constitúen a súa caracterización. Para realizar a caracterización dos personaxes, pode recorrerse á descrición, pero tamén podemos inferir os trazos físicos e psicolóxicos dos personaxes a través das súas palabras, dos seus actos, da súa relación con outros personaxes... Atendendo á caracterización psicolóxica que se fai dos personaxes, podemos distinguir entre:

  1. Personaxes planos: son aqueles que se manteñen invariables e definidos desde o comezo ao final da historia.
  2. Personaxes redondos: prensentan unha maior complexidade psicolóxica e a súa personalidade vai evolucionando ao longo da narración, cambiando cos acontecementos vividos.

5. O tempo

Os acontecementos narrados desenvólvense nun determinado momento, é dicir, nun tempo narrativo. Para analizar o tempo narrativo cómpre ter en conta a distinción entre a historia e o discurso:

    • Tempo da historia (TH): é a secuencia cronolóxica que transcorre entre o acontecemento máis antigo relatado e o máis recente. O tempo da historia ten unha ordenación lineal e progresiva (non hai saltos temporais).
    • Tempo do discurso (TD): é o resultado da manipulación que o narrador realiza no tempo da historia, para relatala dunha determinada maneira.

Para transformar o TH en TD, o narrador practica dous tipos de manipulación temporal: a ordenación e a selección dos acontecementos:

    • Ordenación: o narrador pode ordenar de diferentes xeitos os acontecementos da historia, comezando o discurso nun inicio diferente que o da historia, insertando saltos temporais...
    • Selección: o narrador pode seleccionar e centrarse en diferentes acontementos da historia e resumir ou obviar outros menos relevantes.

5.1. Procedementos de ordenación

Atendendo á maneira en que se ordenen os acontecementos da historia, o discurso pode ser lineal ou non lineal.

  1. Discurso lineal: os acontecementos ordénanse progresivamente, seguindo a orde temporal na que se produciron, desde o máis antigo ata o máis recente.
  2. Discurso non lineal: altérase a orde temporal dos acontementos. Estas alteracións na orde temporal denomínanse anacronías e poden ser de dous tipos:
    • Analepse (ou flash-back): salto temporal cara ao pasado. Nun determinado punto da acción nárranse feitos que aconteceron anteriormente.
    • Prolepse (ou flash-forward): salto temporal cara ao futuro. Nun determinado punto da acción nárranse feitos que aconteceron con posterioridade.

5.2. Procedementos de selección

Atendendo aos acontecementos que o narrador seleccione e ao xeito de contalos (con maior ou menor profundidade), a narración terá un ritmo máis rápido ou máis lento. As principais técnicas de selección son as seguintes:

  1. Elipse (TH > TD): o narrador elimina sucesos sen importancia, irrelevantes para o desenvolvemento da acción.
  2. Pausa (TH < TD): interrómpese a acción e o tempo da historia non avanza. O narrador desvíase da historia principal e entretense describindo ambientes e personaxes (pausas descritivas) ou contando algo que aparentemente non ten que ver co relato (pausas digresivas).
  3. Sumario (TH > TD): o narrador resume nunha cantidade breve de discurso un amplo período de tempo da historia.
  4. Escena (TH = TD): dáse nas secuencias en que predomina o diálogo. Entre o tempo da historia e o tempo do discurso prodúcese unha equivalencia case perfecta.

A pausa e a escena danlle á narración un ritmo lento (o tempo da historia non avanza); o sumario e a elipse aceleran o ritmo, tórnano máis áxil e veloz (o tempo da historia avanza con maior rapidez).

6. O espazo

O espazo narrativo é o lugar onde transcorren os acontecementos que se narran. Pode aparecer só mencionado ou describirse con maior detalle. Os espazos poden ser reais, irreais; abertos, pechados...

A función principal do espazo é a de servir de ambientación dos acontecementos (función referencial).

Nalgúns textos, o espazo pode adquirir unha función simbólica, cando a descrición do espazo retrata os estados de ánimo dun personaxe.