Actividades da biblioteca curso 2025-26
Actividades da biblioteca curso 2025-26
Biblioteca creativa: proxecto de deseño e creación de xogos de mesa
Planificado e dirixido pola profesora de Artes Sonia Prado (equipo de biblioteca), co alumnado de 1º BAC Artes ao longo de todo o curso. Desenvolveuse no marco do PDI da biblioteca "Viaxe á creatividade" e consistiu no deseño e elaboración dunha colección de xogos de mesa destinados á biblioteca. Entre os xogos realizados temos: dominó, xadrez, tres en raia, escaleira e serpes e outros xogos de lóxica e estratexia, coma o Cubo de Soma ou Horizon: asalto mecánico (inspirado no universo visual da coñecida saga de videoxogos).
O proxecto desenvolveuse en varias fases, que incluíron o deseño e a realización dos xogos usando diferentes programas e técnicas.
Os taboleiros deseñáronse co programa de debuxo vectorial LibreCAD. Despois preparáronse os deseños para a súa produción física mediante cortadora láser. O Cubo de Soma deseñouse co programa Fusión 3D de modelado tridimensional dixital e as pezas fabricáronse mediante fabricación 3D.
O proxecto incorporou tamén unha dimensión artesanal a través do traballo cerámico: modelado, cocción e esmaltado, permitindo que o alumnado interpretara xogos clásicos dende unha visión persoal e creativa.
Todo o proxecto favoreceu especialmente o desenvolvemento do pensamento creativo, o deseño aplicado e o traballo cooperativo.
Agora chega esta fermosa colección de xogos á biblioteca e pasan a formar parte do espazo creativo. Moitísimas grazas á profesora Sonia Prado e ao alumnado de 1º BAC Artes polas magníficas creacións!!
Vide coñecelos e disfrutalos á biblioteca!!
"Viaxe á creatividade", tamén nos tempos de lecer.
No club de xogos de mesa, nas últimas semanas deseñan personaxes para crear o seu propio xogo de rol, inspirándose no xa clásico "Dragóns e madmorras".
Moitas grazas a Hugo Lorenzo (1ºBAC), voluntario da biblioteca, por dinamizar o club de xogos de mesa nos recreos dos martes, durante todo o curso.
Lectura e familias: mochilas viaxeiras
Dispoñemos de 7 mochilas con materiais diversos (seguindo as orientacións do programa) para a lectura en familia e un caderno de viaxe, no que deixar suxestións.
Pasaron o 2º e 3º trimestre coas familias do alumnado de 1º ESO.
Biblioteca creativa e inclusiva: mural artístico
No mes de xuño acompáñanos na biblioteca o alumnado de Proxectos Artísticos que, dirixido pola profesora de Artes Yaz, deseñou un mural artístico para o piar da entrada da biblioteca, sobre temática LGTBIQ+. O proxecto culminará a final de curso coa declaración da biblioteca como espazo inclusivo e espazo seguro para o colectivo. Estamos moi ilusionadxs por ver o mural rematado!!
Dende o noso PDI "Viaxe á creatividade" búscase fomentar a valoración das artes , o desenvolvemento da creatividade artística e o traballo cooperativo. Esta obra, ademáis de reforzar valores coma a inclusión e o respecto polas diferenzas, contribúe tamén a facer máis atractivo o espazo da biblioteca.
Obradoiro de alimentación saudable
Organizado pola profesora Sara Martín, coordinadora do club de lectura de Benestar e hábitos saudables, a partir da lectura "Dime qué comes y te diré qué bacterias tienes". Na reunión compartiron charla sobre a importancia da alimentación e pratos saudables elaborados polas persoas integrantes do club, a partir das receitas do libro de Blanca García-Orea (@blancanutri).
Radio na biblio: alimentación saudable
A partir da lectura e o obradoiro, o alumnado do club de Benestar e hábitos saudables elaborou unha serie de podcasts sobre alimentación e microbiota, guiados pola profesora coordinadora, Sara Martín. Estamos desexando escoitalos!!
No marco do PDI da biblioteca "Viaxe á creatividade", fomentouse desenvolver a creatividade no traballo coa información, as competencias ALFIN/AMI e o uso de ferramentas tecnolóxicas para a presentación dos traballos.
Letras Galegas 2026
A biblioteca colaborou no desenvolvemento das actividades que organizou o EDLG e o Departamento de Lingua Galega.
Exposición temática de libros sobre a autora Begoña Caamaño e o seu universo literario inspirado na revisión dos mitos clásicos e novidades de autoras e autores galegos.
Durante os recreos das últimas semanas, grupos de alumnado de todo o centro xuntáronse na biblioteca para resolver os pasatempos, probas e retos do concurso: "Begoña en Esmelle", preparado por Paulo, profesor coordinador do EDLG; para coñecer a Begoña Caamaño dunha forma lúdica e colaborativa.
O venres, 15 de maio, tamén tivemos un obradoiro de chapas e música durante o recreo.
Radio na biblio: "Penso, logo podcast"
As alumnas do club de filosofía prepararon o podcast: "Volveredes brindar por min"; a súa pequena homenaxe a Begoña Caamaño. Inspirándose na carta de despedida que a autora lle escribe á súa amiga Uxía Senlle, aproveitaron para tratar o tema da morte no seu espazo de radio de filosofía: "Penso, logo podcast". E ti, como imaxinas o teu final?
Prepararon e escribiron o guión na biblioteca.
Gravaron o podcast no espazo de radio.
Microrrede de Bibliotecas Escolares da Mariña
A temática deste curso para o traballo colaborativo entre as bibliotecas da Microrrede foi "Deseñando a Mariña"
O alumnado de 2º BAC Artes, coordinado polo profesor César Losada, encargouse da elaboración dos carteis para anunciar a exposición de traballos, a través dun concurso que organiza a biblioteca. Tamén deseñaron as letras D e A do título da exposición (traballo colaborativo das bibliotecas da Microrrede).
Parabén ao alumno Martín Barcia, gañador do concurso de carteis!!
Presentación do cartel de Martín Barcia, coa Directora e Vicedirectora do centro
Carteis deseñados polo alumando de 2º BAC Artes e presentados na exposición
Letra A, deseñada por Sabela (2º BAC Artes)
Letra D, deseñada por Martín (2º BAC Artes)
Inauguración da exposición de traballos da Microrrede
Actividades no Salón Multiusos do Concello de Viveiro do 12 ao 15 de maio
Clausura da exposición, acompañadas da asesora de bibliotecas Alexandra Cabana
Radio na biblio: "penso, logo podcast"
As alumnas do club de filosofía son as creadoras deste novo espazo de radio dedicado á reflexión e o debate sobre temas que dan moito que pensar. A fonte de inspiración para a creación dos contidos, ademáis do seu traballo de investigación, é o libro de Eduardo Infante: "Filosofía en la calle".
Dende o PDI "Viaxe á creatividade", buscamos fomentar a creatividade tamén no traballo coa información, desenvolver as competencias ALFIN/AMI e a presentación de traballos usando as novas ferramentas tecnolóxicas.
Biblioteca creativa: obradoiro de audiovisual
A través das actividades artísticas, como a creación audiovisual, desenvolvemos o noso PDI "Viaxe á creatividade"
O 23 de marzo, Adrián Canoura, cineasta e integrante do grupo Baiuca impartiu un obradoiro para o alumnado de BAC Artes.
Durante a sesión compartiu con nós a súa experiencia profesional dentro do grupo musical, no que se encarga da montaxe de vídeos para concertos en directo, videoclips ou gravacións en vivo.
Desenvolveuse tamén unha parte práctica, na que o alumnado tivo que crear unha montaxe audiovisual de 60 segundos para acompañar unha peza melódica de piano.
Moitas grazas a Adrián Canoura por esta actividade inspiradora e ás profesoras de Artes Sonia e Yaz, que se encargaron da coordinación.
Lectura e familias:
Dende o noso proxecto de traballo coas familias durante este curso, relacionado coa xestión emocional, facemos algunhas recomendacións lectoras de novidades sobre psicoloxía, especialmente, na etapa da adolescencia.
Biblioteca creativa: concurso "Quen é quen?"
O profesorado do IES Monte Castelo tamén aportou os seus bookface para o Día do Libro. Coas fotos preparamos o concurso para todo o centro.
Durante os recreos o alumnado foi participando no concurso.
Algúns profesores non o puxeron fácil!
Gañadora do concurso:
Abril Romero (2º ESO)
Biblioteca creativa: Obradoiro de libro expandido, con Lucía Romaní
Desenvolvemos o noso PDI "Viaxe a creatividade" a través dos traballos artísticos. Con este obradoiro buscamos tamén dar un novo uso aos libros que sairon en expurgo da biblioteca neste curso.
No marco do programa de innovación educativa LEO-LAB e o programa Biblioteca Creativa tivemos a oportunidade de contar na biblioteca con Lucía Romaní, que impartiu un obradoiro para ao alumnado de 1º BAC Artes, o día 27 de marzo.
Na primeira parte da sesión explicou diferentes posibilidades de creacións artísticas con libros e amosou exemplos de libros de autor e libro expandido, como instalacións ou intervencións na natureza.
A continuación, a lectura compartida de textos da obra de Irene Vallejo "O infinito nun xunco", sobre a historia do libro e das grandes bibliotecas serviu de inspiración ao alumnado para facer as súas intervencións nos libros expurgados da biblioteca ao durante o curso.
Pronto veremos as obras rematadas e poderemos gozar delas no espazo da biblioteca.
Moi agradecidos a Lucía Romaní por compartir con nós este interesante obradoiro e a Yaz, profesora de Artes, que se encargou da coordinación da actividade.
Biblioteca creativa: concurso de bookface
Celebramos o Día do Libro entregando os premios do concurso de bookface.
Dende o noso PDI "Viaxe á creatividade", buscamos potenciar a creatividade a través de traballos artísticos, neste caso, de fotografía, e o traballo cooperativo.
Nas semanas previas estivo a biblioteca moi animada buscando as cubertas máis orixinais, para facer as fotos.
Parabéns pola calidade dos traballos que presentastes!!
Jimena García (4º ESO)
Alexandra Correia (3º ESO)
Hugo Rivas, Noa Arenas (2ºESO)
Lectura e familias: club de lectura de persoas adultas
Na última reunión do club de persoas adultas e familias compartimos comida e conversa sobre o libro "A vexetariana", da autora coreana e premio Nobel de literatura, Han Kang. Unha novela moi interesante que nos espertou o interés por seguir coñecendo a súa obra.
Grazas a Cata, da cafetería, por encargarse da comida e atendernos con tanto agarimo!
As familias estades invitadas a participar na seguinte reunión do club, que tratará sobre a obra "Circe ou o pracer do azul", de Begoña Caamaño; a autora homenaxeada este ano polo Día das Letras Galegas.
Biblioteca creativa: obradoiro de viñetas
Expoñemos na biblioteca os traballos con viñetas do alumnado de 3º ESO, dirixidos por Yaz, profesora de Artes.
Trátase de traballos creativos de fotografía, nos que o alumnado debía reproducir a escena dunha viñeta, que seleccionou previamente.
Demostraron ser bos fotógrafos e magníficos actores e actrices!!
Lectura e familias: obradoiros de xestión emocional e midfullness
No marco do Programa Lectura e familias organizamos 4 obradoiros formativos sobre xestión emocional e midfulleness, que se desenvolveron durante o segundo trimestre (xoves pola tarde, de 16:00 - 18:00 horas).
Foron impartidos por Marta Valdés Villamarín Merino, experta en xestión emocional. Cada obradoiro incluiu unha parte de exposición teórica e outra na que nos foi introducindo na práctica de midfullness e da meditación.
Estiveron dirixidos ás familias e tamén ao profesorado e alumnado interesado nesta temática.
Na sección de psicoloxía da biblioteca dispoñemos de recursos para seguir formándonos.
Recomendacións lectoras para toda a familia:
Pasa pola biblioteca e escolle lecturas para as vacacións. Temos un montón de novidades!!
Lecturas compartidas de poesía
O 21 de marzo, a poesía une xeracións:
O alumnado do club de poesía, coa súa profesora coordinadora Mónica Lourido, visitou a Residencia de Maiores de Burela para recitar e compartir poemas de grandes voces da literatura galega: Rosalía de Castro, Pondal ou Curros, xunto con composicións de poetas actuais coma Lupe Gómez, Ledicia Costas ou Carlos Negro.
Ademáis prepararon agasallos para as persoas residentes con poemas e composicións galegas musicadas. Foi especialmente emocionante ver como algunhas persoas do público tamén se animaron a ler poesía co alumnado. A xornada rematou coa merenda compartida que nos prepararon.
Moitas grazas á Residencia pola acollida e a colaboración para facer posible este fermoso encontro interxeracional!!
Radio na biblio: podcasts poéticos
No mes da poesía, os poemas tamén chegaron ao espazo de radio. O alumnado do club de poesía preparou e gravou os seus podcasts poéticos, que poidemos gozar todo o centro no Día da poesía.
Biblioteca creativa: video poemas
PDI "Viaxe á creatividade": a través da poesía, das ferrementas tecnolóxicas e do traballo cooperativo podemos desenvolver a sensibilidade, facer unha reflexión crítica da nosa sociedade e transmitir valores novos.
O alumnado das materias de TIC e Antropoloxía desenvolveron unha actividade coa poesía, que se iniciou coa reflexión sobre os estereotipos de xénero a a necesidade de crear novos modelos de masculinidade.
Na biblioteca fíxose unha selección de poemarios que tratan estes aspectos: "Masculino singular", de Carlos Negro; "Feliz Idade", de Olga Novo ou "Tempo Fósil", de Pilar Pallarés. O alumnado seleccionou poemas, gravou o recitado no espazo de radio e finalmente editaron os video poemas incorporando fotos de cubertas de libros da biblioteca.
Parabéns polo traballos!!
Biblioteca creativa: obradoiros de cómic
Na semana do 17 de marzo, celebramos o Día do cómic con obradoiros de globos de cómic, durante os recreos.
Cada persoa deseñou o seu globo usando cartón reciclado e decorouno escribindo a onomatopea coa que máis se identifica.
Tamén aproveitamos para expoñer unha selección de cómics no patio exterior da biblioteca.
Unha actividade proposta e coordinada polo profesorado do departamento de Artes.
Proxecto interdisciplinar "8M: 8 logros, 8 retos"
Planificado e coordinado en colaboración co departamento de Orientación e o programa "Por 365 días de igualdade", participou todo o alumnado e profesorado dos diferentes departamentos didácticos. Desenvolveuse no 2º trimestre (xaneiro-marzo) e os traballos foron presentados na conmeroración do 8M.
Levouse a cabo un traballo de investigación interdisciplinar nas titorías e en diferentes materias, a partir dun cuestionario e un Kahoot elaborados polo equipo de biblioteca, sobre os principais retos e logros pendentes do movemento feminista.
O traballo de investigación culminou coa exposición dos traballos e actividades na entrada do centro durante o mes de marzo.
Radio na biblio: 8M "Entrevistamos ás nosas mulleres referentes"
Entrevistas a mulleres da nosa comarca que desempeñan profesións tracionalmente masculinizadas e que son un referente para as novas xeracións. O 22 alumnos/as voluntarios/as da radio dos diferentes cursos foron os encargados de facer as 7 entrevistas no espazo de radio e preparar os correspondentes podcasts.
Alba e Xela, traballadoras de Alcoa
Nerea, estudante do CS de automoción
María del Carmen, garda civil
Nancy, Nazareth e Zaloa, traballadoras de Alcoa
María José Cortés, directora do Hospital da Costa
Macarena e Irene, xogadoras do Burela Fútbol Sala
Ariana, técnico de ambulancia
8M: "8 logros, 8 retos". Exposición dos traballos e obradoiros
Dende o noso PDI "Viaxe á creatividade", fomentamos o uso de ferramentas tecnolóxicas e o desenvolvemento da creatividade na presentación dos traballos coa información.
Infografías e vídeo: "8 logros, 8 retos" (profesorado e alumnado de Sanidade)
Instalación artística "corpos intervidos" (alumnado e profesorado de BAC Artes)
Deseño de chapas (alumnado de 1º BAC Artes, coa profesora Sonia)
Obradoiros de chapas durante os recreos, na biblioteca
O 27 de marzo, Algarabía Animación impartiu un obradoiro para o alumnado de 3º ESO, coordinado pola profesora de Artes Yaz, no que aprenderon o proceso creativo completo para a elaboración de animacións coa técnica stop motion.
A partir das reflexións sobre os estereotipos de xénero no ámbito laboral, deseñaron diferentes personaxes para concienciar sobre esta problemática.
Cos coñecementos adquiridos continuarán elaborando novos proxectos ao longo do curso.
Encontro co escritor David Lozano
Colaboramos co departamento de Lingua Castelá na organización deste encontro proposto pola editorial EDB para os centros educativos da Mariña, que tivo lugar na Casa da Cultura de Burela e ao que asistiu alumnado de 3ºESO, 4ºESO e clubs de lectura.
O autor explicoulles o proceso de creación, planificación e escritura dunha novela de suspense, como é "La cacería". Tiveron a oportunidade de charlar con él e plantexarlle numerosas preguntas relacionadas coa trama, os personaxes e o oficio de escritor. Rematou asinando exemplares da obra que, en xeral, gustou moito ao alumnado. Á saída houbo tempo de convivencia entre a rapazada dos centros da Mariña que asistiu á actividade.
Grazas a Alberto, da editorial EDB por facer posible este encontro co escritor David Lozano e ao persoal da Casa da Cultura de Burela, que nos facilitou o espazo.
Traballo coa información: II Xincana científica
No marco do PDI "Viaxe á creatividade", colaboramos co Club de Ciencia na organización desta actividade para traballar coa información de forma creativa e lúdica e dar a coñecer as aportacións das mulleres no campo da ciencia e os libros informativos sobre esta temática. Moitas grazas ao profesor Luis Núñez e a todo o equipo do club de ciencia!!
Exposición de recursos sobre aportacións da muller ás ciencias, na biblioteca
Cos libros de divulgación científica, o club de ciencia prepara un cuesionario
O alumnado do centro participa na xincana, en pequenos grupos.
O club de ciencia dinamiza a actividade o Día da muller e a nena na ciencia
Programa Biblioteca Creativa
Cos fondos recibidos para este programa, ademáis de organizar formación para alumnado e profesorado, poidemos ampliar o espazo creativo e adquirir recursos novos: xogos de mesa e materiais e recursos para investigación, fotografía ou obradoiros creativos.
Encontro e obradoiro de novela gráfica co autor Miguel Cuba:
o escritor e ilustrador Miguel Cuba presentou no centro a súa obra "Punto de fuga" e dirixiu un obradoiro de novela gráfica para o alumnado de 1ºBAC Artes e club de lectura. A actividade estivo organizada polo departamento de Lingua Galega e o EDLG. Ao remate asinou exemplares do seu libro na biblioteca.
Entroido:
Démoslle a benvida ao entroido con concurso de disfraces e obradoiros de maquillaxe e xogos de mesa. Unha xornada lúdica, de convivencia e bo ambiente. Parabéns polos disfraces e grazas ao profesorado e alumnado voluntario da biblioteca pola colaboración!!
Biblioteca en obras
Cos fondos PLAMBE para mobiliario que recibimos neste curso, levouse a cabo a renovación de 13 estanterías e o expurgo en profundidade nesas seccións; polo que a biblioteca estivo pechada durante 2 semanas (con servizo de préstamo/devolución durante os recreos). Un traballo duro, pero o resultado mereceu a pena!!
Moitas grazas a todo o alumnado e profesorado que colaborou nestas tarefas, moi especialmente a Elena Samartino, Mónica Pazos e Luis Núñez (profesorado do equipo de biblioteca) pola enorme axuda no traballo de expurgo, que se completará ao longo do curso.
Territorio das artes:
Celebramos o Día da Ilustración coa exposición dos traballos creativos do alumnado, que forman parte do calendario literario-musical organizado e elaborado polo EDLG. Parabéns!!
Programa Radio na biblio: inauguramos o espazo de radio!!
Acondicionamento do espazo
Mobiliario
Colocación de materiais
Equipo de radio e formación
Este curso empezamos co programa Radio na biblio e xa se deron uns cantos pasos: acondicionar o espazo, organizar os materiais (en colaboración con Polos Creativos), crear un equipo de alumnado de profesorado colaborador e organizar a formación.
Moitas grazas a todo o profesorado e alumnado que apoiou e, moi especialmente, á profesora Loli Rivero (coordinadora de Polos creativos) e ao profesor Raúl Vallina, pola implicación especial neste proxecto.
Pronto estarán dispoñibles para escoitar as nosas producións!!
Traballo coa información: Proxecta Parlamento Xove
a biblioteca participa no desenvolvemento deste programa, co que se busca fomentar a investigación, o pensamento crítico e as actividades de debate en todo o centro.
A biblioteca colabora cos departamentos de Filosofía, Linguas e Historia no desenvolvemento do Programa Parlamento Xove, como centro de investigación e recursos e espazo para a celebración dos debates. O tema da fase clasificatoria deste curso foi: "a dixitalización mellora realmente a calidade da aprendizaxe?"
O traballo iníciase coa investigación sobre o tema para, posteriormente, elaborar os argumentarios a favor e en contra e practicar o debate. Neste curso 2 equipos de alumnado (1 equipo de ESO e outro de BAC) prepáranse para participar na fase clasificatoria do concurso Parlamento Xove.
Programa Radio na biblio: obradoiros formativos
Iniciamos o segundo trimestre facendo a formación de radio. Constou de 2 obradoiros, un para alumnado de ESO e outro para BAC e Ciclos, que se desenvolveron no espazo de Polos creativos ao longo de toda a mañá cada un deles. Estivo dirixida pola empresa Paz Movie. En cada un dos obradoiros o alumnado voluntario puido aprender o proceso de elaboración dun podcast ou dun programa de radio, de principio a fin: aprender sobre locución e traballo en equipo, elaborar un guión e unha escaleta, manexar a mesa de mesturas, gravar e editar.
Participaron na formación un total de 34 alumnos/as de todos os niveis educativos do centro e 5 profesores/as.
Xa temos equipo de radio!!
Programa Lectura e familias:
Durante o segundo trimestre vanse desenvolver 4 obradoiros teórico-prácticos sobre xestión emocional e mindfullness, dirixidos ás familias e profesorado e alumnado interesado en formarese nestes temas.
Biblioteca creativa: obradoiro de postais de Nadal bordadas
Dende o PDI "Viaxe á creatividade", a biblioteca propuxo actividades creativas para o último día lectivo do trimestre: obradoiro de postais de Nadal bordadas, dirixido polas profesoras do equipo de biblioteca: Sonia Prado e Sara Martín e
Obradoiros de xogos de mesa
A biblioteca tamén propuxo obradoiros de xogos de mesa, dinamizados polo alumnado voluntario da biblioteca do ciclo de CSEAS, co profesor Adrián Levoso. Desenvolvéronse nas 3 últimas horas lectivas, o día 19 de decembro.
Ademáis, a carreira de orientación que organizou o alumnado de 2º curso do ciclo de CSEAS, co profesor Benxa Soto, tamén pasou pola biblioteca ao londo da mañá, buscando libros sobre o Nadal.
Actividades cooperativas e creativas, chocolate quentiño, música e bo ambiente para empezar as vacacións de Nadal!!
Moitas grazas ás persoas organizadoras e participantes nas actividades de fin de trimestre!!
Lectura e familias: club de lectura de persoas adultas
Na primeira reunión deste curso compartimos comida e charla sobre a obra de Stefano Mancuso, "A incrible viaxe das plantas" e sobre literatura de natureza.
A seguinte lectura proposta é "A vexetariana". Convidamos tamén ás familias a participar na segunda reunión. Temos exemplares dispoñibles na biblioteca.
Recomendacións lectoras: "Agasalla un préstamo polo Nadal"
Na biblioteca temos preparada unha exposición de novidades e o boletín de recomendacións lectoras para todas as idades. Ademáis, un libro pode ser o mellor agasallo de Nadal. Ti elixes o libro; nós preparámolo como agasallo e entregámolo ao destinatario/a.
Non te vaias de vacacións sen unha boa lectura!!
Biblioteca creativa: obradoiro de ilustración bordada
No club de Benestar e hábitos saudables, a partir da lectura "O corpo de Cristo", de Bea Lema, plantexouse esta actividade creativa para poñer en práctica a técnica de ilustración que combina debuxo e bordado, coa que elaboraron postais e marca páxinas. Desenvolveuse en dúas sesións, ao final do primeiro trimestre. Parabéns polos fermosos traballos!!
Biblioteca creativa: "Viaxe á creatividade" a través dos xogos
O alumnado dos clubs de manga viaxou a Coruña acompañado pola profesora coordinadora Raquel Sánchez.
Ao igual que o ano pasado, a actividade organizouse en colaboración co club de manga do IES Perdouro, de Burela. Unha xornada de convivencia para coñecerse e compartir xuntos as actividades e experiencias que ofrece este evento.
Programa Lectura e familias
Proxecto interdisciplinar "Xestión emocional": traballar a identificación das emocións e o benestar e a xestión emocional.
Este ano iniciamos a nosa participación no programa "Lectura e familias", co que se busca fomentar a implicación das familias na actividade da biblioteca e do centro. Para este curso propoñemos traballar o tema da identificación e a xestión das emocións. En colaboración cos departamentos de Sanidade, Tecnoloxía e Filosofía deseñáronse unha serie de materiais que se traballaron nas titorías e están disposición de toda a comunidade a das familias:
Dípticos informativos e un xogo de cartas para recoñecer as emocións primarias (Alumnado do ciclo de CAE, dirixido pola profesora Sara Martín, do equipo de biblioteca).
O alumnado de TIC (1ºBAC), coordinado pola profesora do equipo de biblioteca Loli Rivero, deseñou diferentes modelos de mandalas cos que facer un rexistro e análise mensual das emocións.
No segundo trimestre temos previsto realizar obradoiros formativos sobre esta temática dirixidos ás familias e ao alumnado e profesorado interesado.
Na sección de psicoloxía da biblioteca podes atopar recursos interesantes.
Non olvides recoller o mandal de rexistro emocional de decembro na biblioteca, a sala de profesorado ou na entrada do centro.
Este curso iniciamos a nosa participación no programa "Radio na biblio". Estamos acondicionando e equipando o espazo de radio, en colaboración con Polos Creativos. Estade atentxs á inauguración!!
Agora precisamos persoas voluntarias para colaborar; primeiro participando nos obradoiros de formación para, despois, elaborar contidos.
Gustaríache ser voluntario/a da radio?
Infórmate e inscríbete na biblioteca ata o 18 de decembro.
Traballo coa información: II Xincana filosófica.
"Biblioteca creativa": Celebramos o Día Internacional da Filosofía deseñando xogos, aprendendo de forma colaborativa e xogando.
Investigar
Deseñar xogos
Elaborar os xogos e probas
Organizar a dinamización
No marco do PDI "Viaxe á creatividade", tratamos de fomentar o traballo coa información a través da creatividade e o deseño de actividades de gamificación. As alumnas do club de filosofía e voluntarias da biblioteca preparan unha xincana para o resto do alumnado do centro, na que a través do xogo e de forma lúdica, coñezan os recursos de filosofía da biblioteca, pensen e traballen de forma colaborativa e aprendan sobre a historia da filosofía.
Empezan investigando e, coa información obtida, deseñan e elaboran diferentes probas, retos de indagación e xogos: "Eres existencialista?" (xogo de pistas para coñecer aos pensadores/as desta corrente), "Filósofos no tempo" (xogo de latas recicladas e decoradas por elas, coas que formar unha liña do tempo), "Obrando filósofas" (xogo de cartas no que hai que recordar e emparellar a cada filósofa coa súa obra) e "Adiviña as obras" (xeroglíficos para descubrir títulos de libros e localizalos na sección de filosofía).
Unha vez preparadas as probas, encargáronse de organizar e dinamizar a actividade para o resto do alumnado do centro, que foi participando en grupos de 3-5 persoas, ao remate do mes de novembro.
Parabéns ao club de filosofía por esta magnífica actividade!! Os xogos que crearon están dispoñibles no espazo creativo da biblioteca.
Deseño en téxtil: "Que te representa?"
No marco do programa "Biblioteca creativa" e o noso PDI "Viaxe á creatividade", en colaboración co departamento de Artes, plantexáronse diversas actividades de deseño e ilustración en materiais téxtiles.
Na materia de Proxecto Competencial de 3º ESO o alumnado traballou coa profesora de Artes Sonia Prado, do equipo de biblioteca. Para a realización dos deseños partiron da reflexión persoal sobre as súas afeccións, personalidade ou ilusións. A partir das súas inquedanzas decoraron camisetas e bolsas usando as técnicas de pintura, estampación e gravado.
Proxecto interdisciplinar 25 N
Investigación sobre o problema da violencia de xénero: tipos, lexislación, denuncias, etc.
"As cadeas da violencia de xénero": conteñen os nomes das mulleres asasinadas en España en 2025
Selección de recursos da biblioteca sobre esta temática
Vídeo sobre feminicidios en España durante o ano 2025
Proxeccións de curtas contra a violencia de xénero e sesións de cineforum
Cartel "Curtas contra a violencia de xénero". Recreos, semana 25N
Mural colaborativo: "Voces contra a violencia de xénero", coas reflexións do cineforum.
Deseño de chapas contra a violencia de xénero.
Obradoiro de chapas durante os recreos.
Deseño de chapas
Exposición conxunta dos traballos realizados
Neste proxecto interdisciplinar, proposto dende a biblioteca coa finalidade de coñecer e previr o problema da violencia de xénero; participou todo o centro a través das titorías e diferentes materias. Contou coa implicación especial dos departamentos de Sanidade, Artes, Filosofía, Tecnoloxía, FOL e o programa "Por 365 días de igualdade".
No marco do PDI "Viaxe á creatividade", buscouse fomentar a investigación, o traballo interdisciplinar e cooperativo, o uso de ferramentas tecnolóxicas e audiovisuais e a presentación de traballos de forma creativa.
"Adopta un libro. Dálle unha segunda vida"
Os libros que se expurgan na biblioteca poden ter unha segunda vida. No carriño da entrada do centro podes atopar materiais que che interesen a ti ou á túa familia.
Novembro,mes da ciencia en galego:
presentamos unha boa selección de recursos informativos sobre ciencia en galego para todas as idades e para as familias.
Os clubs de lectura xa están en marcha, pero aínda te podes unir!!
Neste curso contamos con 153 integrantes e 14 clubs de lectura: 2º ESO (2 grupos), 3º ESO (2 grupos), 4º ESO, manga (2 grupos), poesía, filosofía, cine, cómic en inglés, xogos de mesa, lectura fácil, dinámico, benestar e persoas adultas. Os 4 últimos, están abertos á participación das familias.
Entregamos os premios do concurso de microrrelatos e ilustracións de terror
Microrrelatos gañadores: Lola Trobo (1ESO), Jimena Domínguez (2ESO), Jimena García (4 ESO) e Yaiza Sánchez (ciclo TCAE)
Ilustracións e microrrelatos: "Unha biblioteca terrorífica"
Ilustracións premiadas: Anghyra Vargas (2ESO), Camilo Silva (3ESO) e Laura Expósito (2BAC)
Ilustracións: "Unha cafetaría terrorífica"
Moitas grazas ao profesorado que colaborou nesta actividade e ás profesoras que nos acompañaron na entrega de premios: Lorena, profesora de Lingua Castelá; Yaz, profesora de Artes e Rocío, Vicedirectora do centro. Tamén agradecemos a Cata o apoio que nos ofrece dende a cafetaría, en todas as actividades que lle propoñemos. Alí aínda poderemos gozar das ilustracións uns días máis.
Parabéns a todas as persoas que participastes!!
Traballo coa información: "Xincana de mortos"
No marco do noso PDI "Viaxe á creatividade", organizamos actividades que fomenten a creatividade no traballo coa información, de forma colaborativa e a introdución da gamificación nas aulas. Tamén podemos aprender deseñando xogos e xogando!
O día de Samaín ocupáronse de organizar e dinamizar a xincana para todo o alumnado de ESO, que foi pasando pola biblioteca en grupos de 3-5 persoas. Entre sustos e diversión, tamén aprendemos moito sobre a celebración desta festividade en diferentes culturas do mundo.
Moitas grazas ao equipo de alumnado voluntario, que se encargou da ambientación de terror da biblioteca e do obradoiro de maquillaxe terrorífico.
Proxecto interdisciplinar: "Os ciclos do ano"
Visita guiada ao Museo Etnográfico Casa do Patrón (Doade, Lalín)
Sala dedicada a creencias e ritos de Galicia (Casa do Patrón)
Percorrido polos oficios tradicionais, vivenda ou a escola (Casa do Patrón)
Visita guiada ao Cemiterio Municipal guiada pola profesora de Historia Herminia Pernas
Neste curso continuamos desenvolvendo o PDI da biblioteca do curso pasado: "A cultura popular de tradición oral". En colaboración cos diferentes departamentos didácticos imos seguir investigando sobre creencias, ritos e tradicións relacionadas coa celebración de festividades tradicionais como Samaín, Nadal ou San Xoán, na comarca da Mariña.
Ademáis das visitas ao Cemiterio Municipal e ao Museo Etnográfico Casa do Patrón (Lalín), nas que colaboramos co Departamento de Historia, están previstas charlas con persoas maiores, entrevistas e rueiros pola vila.
Recreos educativos: club de xogos de mesa
Os recreos dos martes está a biblioteca ben animada co alumnado de 1º ESO que participa no club de xogos de mesa. Este mes dinamiza os xogos Hugo Lorenzo (1º BAC), alumno voluntario da biblioca.
Se queres coñecer ou ensinar novos xogos, achégate os martes á biblioteca!!
En colaboración co Departamento de Tecnoloxía iniciamos unha serie de sesións de formación nas materias de Proxecto competencial sobre a competencia informacional: buscar información en internet, páxinas seguras, recursos libres de dereitos de autoría, detectar noticias falsas, etc.
Xa ven aí o Samaín!! Un ano máis convocamos o concurso de microrrelatos, ilustracións e curtas de terror.
Na exposición da entrada da biblioteca atoparás lecturas e cine para inspirarte!
Grazas ao alumnado voluntario por colaborar na ambientación terrorífica.
Celebramos o Día das Bibliotecas entregando os diplomas aos integrantes do equipo de voluntariado do curso pasado.
Moitas grazas a todxs (tamén aos que xa non estades este ano no centro) polas vosas ideas, compromiso e entusiasmo!!
Grazas tamén a Rocío López, Vicedirectora do centro, por acompañarnos neste acto.
Recoméndacións lectoras para o outono.
Iniciamos as sesións de formación para o alumnado novo no centro, que se van desenvolver ao longo do primeiro trimestre: CDU, localización dos recursos, seccións, actividades, etc.
Celebramos o Día das Escritoras facendo lectura compartida co alumnado de 1º ESO, de textos de autoras que publicaron en galego nos anos 70: Luz Pozo Garza, María Victoria Moreno, Pura Vázquez, María Xosé Queizán e outras moitas escritoras comprometidas coa nosa lingua e nosa cultura.
A actividade, que estivo dinamizada pola profesora do equipo de biblioteca Mónica Pazos, rematou con xogos de mesa sobre escritoras.
Anótate na biblioteca, ata o 1 de outubro.
Ademáis dos que xa coñeces, este ano teremos 3 novos clubs temáticos: poesía, lectura fácil e xogos de mesa.
Para as familias ofrecemos 4 clubs nos que podedes participar: Dinámico, Lectura fácil, Persoas adultas e Benestar e hábitos saudables.
Pregunta na biblioteca calquera dúbida. Atopa o teu club!!
Inciamos o curso 25-26 ampliando o espazo de lectura informal da biblioteca. Coas colchonetas que nos ceden de Polos Creativos, creamos un novo recuncho confortable para ler, charlar ou relaxarse na biblioteca. Vide disfrutalo!!